Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Coma o lóstrego de Saulo

viernes, 06 de julio de 2012
Despois dun tempo agónico no que á economía se refire, o adormecedor deporte tenos mergullado nun nirvana do que aínda non temos baixado a pesar de que a dura realidade se empecina en facernos despertar ao noso mundo de cada día.

O “panem e circensis” dos romanos, revivido hai poucos días no magnífico Arde Lucus que en Lugo celebramos cada ano, tivo axeitada continuidade no “Pan y toros”, que aquí non vivimos porque somos máis de bois que de touros, pasamos polo que no franquismo se coidaba adormecedor porque cada semana nos avasallaban cun partido –como máximo, dous- e chegamos a esta realidade onde a innegable proeza do campionato de Europa se magnifica dun xeito total de maneira que é imposible sustraerse á marea bermella que nos invade sexa cal fose a nosa idade, condición e crenzas.

Pasou o día – o domingo pasado- e pasou a romaría. Quedamos ao final da gloriosa xornada nun éxtasis imposible de continuar, absoluto en si mesmo, que ao rematar nos deixa un indubidable bo sabor de boca, pero pasada a euforia toca volver á dura realidade na que é imposible meterlle un gol aos nosos contendentes.

E parece como se os que nos suministran habitualmente as razóns para trazar o noso rumbo fosen conscientes de que necesitamos algunha outra boa razón para o noso camiñar cotián. E o mesmo luns, horas despois do triunfo deportivo, se nos proporciona unha relativa boa noticia sobre a diminución do paro, subliñando que aínda que xuño é habitualmente un mes no que se crea emprego e se incrementan as afiliacións da Seguridade Social, este xuño pasado foi – con arredor de cen mil menos parados- o mellor en moitos anos, polo que temos outro bo motivo para sentirnos ben.

E continuando na racha de boas noticias, está a recuperación do Códice Calixtino, un ano menos un día despois de ser roubado, dándonos tranquilidade en canto ao comportamento das forzas e corpos de seguridade do Estado, e unha alegría dentro da preocupación pola custodia do noso patrimonio histórico artístico.

Con estas boas noticias – deporte, traballo, Calixtino- aínda non tivemos tempo de pararnos a pensar nas subidas recentes nos combustibles, na enerxía eléctrica... nin do Ive que nos amenaza, nin nos venres de dores que se nos anuncian.

Se fosemos capaces de poñer similar entusiasmo nas cousas de cada día - no traballo, no aforro, na pertenza a unha nación- como o que poñemos nunha bandeira á que non lle damos máis papel que a de representar a un equipo de futbol, outro galo nos cantaría. Pero – san Pedro soubo desto- o galo pode cantar tres veces, ou moitas máis mentras nós negamos a realidade. Pero a realidade, coma o lóstrego que fixo ver claro a Saulo, en calquera momento nos fará caer do cabalo e nos deixará mergullados na riada económica que nos leva.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES