Irmandade galega de adegueiros
González Martínez, Xosé - viernes, 06 de julio de 2012
Este sábado, ás 12:00 horas celebrarase en Sto.André, Ribadavia, na sede do futuro Museo do Viño, o acto de constitución da Irmandade Galega de Adegueiros, promovida polo Foro E. Peinador. A ela pertencerán tamén outras empresas produtoras do sector agroalimentario que tamén etiquetan en galego, centros de distribución e algunhas persoas de referencia, galegas e estranxeiras, que contribuirán a afortalar as alianzas estratéxicas nun ambiente de crise que ameaza gravemente ao agro galego.
Velaquí os obxectivos da IRMANDADE GALEGA DE ADEGUEIROS:
1.- Impulsar o proceso de galeguización dos produtos agroalimentarios.
2.- Artellar unha estrutura capaz de establecer alianzas para unha mellor comercialización.
3.- Procurar nas organizacións sociais que articulan e vertebran a sociedade galega (partidos, sindicatos e movemento sociocultural) que promovan entre os seus afiliados o consumo responsable, que consiste que modificar os seus hábito preferindo produtos etiquetados en galego e establecementos que se identifiquen coa cultura e lingua do País.
4.- Conseguir o apoio das institucións públicas (universidades, Xunta de Galicia, deputacións e concellos) para facer posible o que establece o Estatuto de Autonomía de Galicia e Lei de Normalización Lingüística: "fomentar e potenciar o uso da lingua galega en todas as ordes da vida social e cultural de Galicia".
Por imposibilidade non poderán asistir outras empresas e adegas que xa nos manifestaron a súa adhesión a este proxecto (Grupo Cuevas, Adega Dominio do Bibei,etc.)

González Martínez, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora