Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O lugar do culto ao Santísimo

jueves, 05 de julio de 2012
NOS ÚLTIMOS 300 ANOS O LUGAR DE CULTO AO SANTISIMO CAMBIOUSE TRES VECES

Sempre o foi por obras na capela maior


Con motivo das obras de restauración que se fixeron na capela maior da catedral, trasladouse o culto ao Santísimo da capela maior, nun traslado provisional pero é a terceira vez que ocorre isto nos últimos trescentos anos, e sempre por obras.

Nas dúas ocasións que o Cabido tivo que decidir o traslado do Santísimo, optou pola sancristía por ser o lugar con máis espazo da catedral naquel momento, porque aínda non existía nin a capela actual de San Froilán, nin o lugar do trascoro tiña a amplitude que ten agora logo da construción da nova fachada. En calquera destes dous lugares pódese hoxe instalar o culto provisionalmente, pero nas dúas ocasións anteriores o lugar máis adecuado era a sancristía actual. A primeira vez foi en 1698, debido á ruína que ameazaba a capela maior, a segunda en 1764 para reconstruíla, e agora volverase a facer debido ás obras de restauración dese espazo para recuperar as pinturas da bóveda.

A exposición no século XVI

A capela maior antes de que se reformase, ofrecía un aspecto moi diferente ao que ten hoxe. Os arcos do deambulatorio e do transepto estaban pechados con reixas renacentistas policromadas e douradas, feitas entre 1568 e 1573 polos ferreiros Pedro de Sobrado e Baltasar Rouz. Desgraciadamente non se conservan, ao ser modificadas cando se reformou a capela entre 1764 e 1769, e retiradas despois a principios do século XIX, para pór un valo de latón.

A primeira evidencia de exposición témola no sagrario do antigo retablo maior feito entre 1531 e 1534 por Cornellis de Holanda. A ambos os dous lados da porta están os apóstolos San Pedro, á esquerda, e San Paulo, á dereita, como é tradición desde época paleocristiá, pois no centro estaría a Hostia, ou o corpo de Cristo. Na porta represéntase un cáliz sobre a cabeza dun querubín, e encima un orificio circular para colocar un viril de vidro para mostrar a hostia. Os viaxeiros do último terzo do século XVI así o confirman. Frei José Jerónimo de San Román nos seus apuntes sobre a “Historia de la iglesia de Santiago”, que escribiu antes de 1597, dicía que o Santísimo se deja ver por un viril pero no se sabe la razón porque las que dan algunas historias no son verdaderas.

Ambrosio de Morales, que pasou por Lugo en 1572, consignou que na catedral de Lugo estaba o Santísimo sempre descuberto detrás de un viril, así que a cualquiera hora que se entra en la iglesia se puede ver y adorar.

A exposición no século XVII

Así debeu de estar ata que, en 1636 o bispo don Diego de Castejón y Fonseca (1634-1636) regalou unha custodia para que fose colocada no altar maior. Sabemos que en 1719 a custodia estaba baixo un dosel rematado cunha gran coroa de prata que regalou don Antonio Fernández Montenegro Freire de Andrade, que en 1739 fixo a Fundación dos capeláns e gardas do Santísimo Sacramento.

Con motivo das obras da capela maior, o Santísimo foi trasladado en 1764 a un altar que se montou na sancristía, onde permaneceu ata que se inaugurou a capela e o novo altar maior en 1769. O altar provisional, que posiblemente estaba na capela maior, tiña varias bancadas revestidas de prata, onde estaban colocados os candeeiros coas velas e os ramalletes do mesmo metal. O Santísimo estaría exposto nunha custodia colocada sobre un pedestal, tamén de prata, posiblemente dentro dun escaparate ou vitrina pechada, polo menos por tres caras, con vidros enchumbados.

Ao amencer do día 5 de novembro de 1765, apareceu queimado a maior parte deste retablo. Abriuse unha investigación na que as testemuñas reiteradamente din que estaban “rompidos los vidros y desunido el viril”, polo que cabe pensar que a custodia estaba no interior do que se chamaba un escaparate ou vitrina, un moble que se puxo de moda en España no século XVII para colocar no seu interior obxectos valiosos e imaxes. Este moble debe ser o que chaman dosel, que estaba forrado de prata, pois o prateiro que taxou os danos, Diego Casal e Gaioso, fala de “cuatro chapas del sombrero o boledo del dosel”.

A exposición no novo tabernáculo

Coa reforma da capela maior, retírase o retablo do século XVI e faise un tabernáculo de mármores que se estrea en 1769, para dar culto exclusivo ao Santísimo na gran custodia ou expositor actual. É un conxunto neoclásico de arquitectura, escultura, pintura e ourivaría iniciado en 1762 polo enxeñeiro Carlos Lemaur. Pintou a bóveda José de Terán en 1776, representando as Igrexas triunfante e militante. O fume das velas e do aceite fixo que moitas xeracións de lucenses non puidésemos coñecer estas pinturas que se van a recuperar agora. Os oito anxos que sosteñen as lámpadas fíxoos o escultor lucense Agustín Baamonde en 1767.

O retablo foi deseñado en 1765 por Pedro Ignacio de Lizardi, dirixindo a construción José de Elexalde entre 1766 e 1768. É un semibaldaquino que se inspira no de Bernini da basílica de San Pedro do Vaticano. A ambos os dous lados da mesa do altar hai dous anxos adoradores e nos intercolumnios, dous anxos de mármore branco esculpidos por Felipe de Castro, portando, o da dereita un feixe de espigas, e o da esquerda un sarmiento con acios de uvas, en alusión ao culto eucarístico. Remata co grupo escultórico da Asunción de María, baixo cuxa advocación está consagrada a catedral. Os anxos dos extremos sosteñen unha cinta cun lema eucarístico en latín que di: “Este Sacramento firmemente profesamos”.

En 1812 engadiuse o tabernáculo ou expositor deseñado por Melchor de Prado Mariño e esculpido en mármore branco por Antonio Sanjurjo Gallego, discípulo de Juan Adán. Representa un rompemento de gloria con tres querubíns e dous serafíns que apartan a cortina que acubilla a custodia, unha peza deseñada por José de Elexalde, feita en bronce e prata sobredourada, polo ourive Bargas, regalada en 1772 polo arcebispo de Tarragona don Juan Sanz de Buruaga que fora bispo de Lugo. Representa á Fe pisando as Herexías. O primitivo viril, onde está colocada a Hostia, foi roubado en 1854 incluíndo o vaso do cáliz, era distinto do actual feito en 1859 nos talleres madrileños de Ramírez de Arellano e é moito máis rico que o primitivo.

As balaustradas dos púlpitos, deseñadas por Fernando de Casas e Novoa, foron feitas polo broncista santiagués Miguel Jardines. O valo de bronce que comunica o coro coa capela maior, foi deseñado por Melchor de Prado Mariño e feito en 1803 por Diego Álvarez, mestre latoeiro de Santiago.
De Abel Vilela, Adolfo
De Abel Vilela, Adolfo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES