Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os modelos humanos

Rubal, Pedro - jueves, 05 de julio de 2012
Se os coches teñen distintos modelos, por que nosoutros, os humanos, íamos a ser menos?!. Sen embargo, o cambio de modelo nos coches obedece, primordialmente, a obxectivos comerciais, pero tamén ao cambio de gusto en sintonía co transcurso do tempo. O dos humanos é máis complexo, porque en nosoutros a evolución non pode circunscribirse o biolóxico, posto que hai suficientes probas de que continúa operando no cultural, na forma de vivir, de pensar, de actuar, de guerrear, de amar, etc. E todo isto aflora, maniféstase, no que un estudoso destas cuestións, Eladio Chavarri, chama “formas de vida”, das que proceden os distintos modelos humanos.

Por suposto, nin tan sequera ocorre así cos animais, entre outras razóns, porque son realidades clausuradas, conclusas, incompatibles con outras formas de vida que non sexan as xenéticamente determinadas. Pero o home, pola contraria, maniféstase nas súas diversas sensibilidades, saberes, técnicas, alimentacións, etc., debido a que é unha realidade aberta e inconclusa: Vaise “facendo” pouco a pouco mediante a apropiación opcional dunha serie de posibilidades que lle ofrece a súa situación a través da vida.

Sen embargo, o proceso evolutivo neste campo da cultura implica, en xeral, unha tensión no seo da forma de vida que recibe ao nacer, coa intervención da familia, das institucións e dos usos e costumes, da linguaxe, das normas, etc., que son caldo de cultivo e amparo para o desenvolvemento das súas potencialidades, de certas potencialidades en perxuizo doutras. É dicir, nesa forma de vida aprópiase dunhas posibilidades, pero se desexa facelo doutras terá que loitar para conseguilo, e cando esta loita se xeneraliza, é precisamente cando estamos abocados a cambiar a outra forma de vida.

Pero…que cambios comporta todo isto?. Sinxelamente, cambios na sensibilidade, cambios institucionais capaces de enmarcar novos estilos e maneiras de enfrentarse ás cousas e ós comportamentos, cambios na familia, e, o que ven a ser moi importante, cambios no PREFERIR e REXEITAR, e, en xeral, nas valoracións das cousas e das condutas.

E como o home tece a súa existencia dentro dunha forma de vida, eses cambios arrastran tamén a outros nos modos de vivir humanamente, nos modelos humanos, e comprometen, asemade, o aspecto biográfico, que é o campo onde mellor se evidencia o bon e mal uso da liberdade.
Velaquí as razóns polas que o xuizo e reflexión valorativa do home supón un certo grao de evolución, posto que o seu empeño en abrir camiños cara a outros horizontes non se basea soamente no que espera, senón tamén, e fundamentalmente, de como o valora dentro dunha nova xerarquía de valores.

As potencialidades humanas adquiren unha configuración en modelos na súa actualización, que, en termos de Eladio Chavarri, poden ser deseñados ou experimentados. Os primeiros, os “deseñados”, son elaborados por distintas filosofías ou concepcións míticas, e teñen como guía o que el chama “razón soberana”, que compromete todas as outras razóns en maior ou menor medida: Unha razón relixiosa, por exemplo, de como debe ser o home pode comprometer a propia razón científica. Os modelos “experimentados” teñen ou tuveron unha existencia histórica e de FEITO, e corresponden a persoas cunha existencia real no devir histórico: Pensemos no feudalismo medieval. Ambos modelos están relacionados de maneira que o primeiro serve de orientación ao segundo, ou como interpretación do mesmo.

Sen embargo, teñen, en palabras do profesor do Instituto Superior de Filosofía, de Valladolid, Eladio Chávarri López de Dicastillo, unha forma, un contido e unha tensión. Na forma destaca catro dimensións: o MEDIO HISTÓRICO, onde o modelo humano entra en contacto co seo da comunidade, coa herencia do pasado, as esixencias do presente e os compromisos co futuro; o MEDIO NATURAL, no que traba relacións de moi variados tipos cos demais seres, viventes ou non; o METAHISTÓRICO, do que arrancan os planeamentos sobre o máis-alá da súa morte, un acontecemento este que está marabillosamente definido, en poucas palabras, polo meu amigo, falecido moi cedo, Juan L.Ruiz de la Peña, destacado teólogo asturiano: “La muerte es necesaria por vía de hecho y parece imposible por vía de razón, puesto que conduce al absurdo, y la razón recusa el absurdo. Entonces la victoria sobre la muerte sería necesaria por vía de razón, aunque parezca imposible por vía de hecho”, páx. 100, do seu traballo “Muerte, fracaso y plenitud”, Sal Terrae, Febrero, 1.997.

Por último, a cuarta dimensión refírese o ESPAZO INTERIOR, no que operan as relacións fundamentais cos seres, onde se experimenta o sabor da vida, onde se cultivan as razóns soberanas e onde se asenta o espírito de transcendencia.

Pero os modelos teñen os seus propios contidos, que se descubren no xogo dos valores e antivalores: éticos, relixiosos, sociopolíticos, biopsíquicos, económicos, epistémicos e estéticos. E Tamén teñen tensións: biográficas (individuo/comunidade), temporales (pasado/presente/futuro) e racionais (conflitos xerados a hora de constituir ou desenrolar outros modelos).

Traigo aquí esta primeira parte do traballo, que espero continuará, fundamentalmente por dúas razóns: Porque quixera trasladar ós posibles lectores o difícil que é determinar a operatividade dos valores cando afirmamos que “esta crise non é só económica, senón tamén de valores”; e porque penso utilizar estes conceptos previos nun ou dous traballos posteriores.

Ocórreseme pensar se acaso reparan os dirixentes que presiden hoxe as institucións europeas na complexidade do modelo predominante de humanidade que existe nas sociedades actuais dos distintos países que integran a UE. Se teñen clara e precisamente estudadas as dimensións que integran a forma dos distintos modelos humanos, ou, cando menos, esquematizados os contidos, e se toman en consideración a operatividade tensional ou se lles soa a latín, todo isto dunha importancia capital, se verdadeiramente se quere neutralizar tendencias perversas ou estimular ás máis convenientes neste contexto histórico, social, económico e político. Porque, en vez de obter asesoramentos pertinentes, parece que se dedican a impoñer verdades, sen cambiar nin tan sequera a partitura, máis ben que a buscalas na complexidade dos acontecementos, sen reparar que o uso da autoridade como “imperium” soamente está lexitimada cando dimana da “auctoritas” como saber, non da vulgaridade, e adoita xerar desacertos, con innecesarias aversións cara a UE (Pensen, se non, no posible referéndum do Reino Unido para saír dela). E aquí é básico ter moi en conta que a contextura psicolóxica e axiolóxica das sociedades ten como elementos esenciais integrantes ós modelos humanos. Polo tanto, para operar sobre aquelas non se pode esquecer a estes.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES