Profundadas 5
Andrade, Fernando - martes, 03 de julio de 2012
-Coma os elefantes, temos ollos, orellas, patas de adiante e de atrás, trompa etc., evidentes aires de familia -nuns máis que noutros-.
-Despois de ler a Umbral, ata os desahucios parecen de coña.
-A discordia non é vocación de periodistas senón de periódicos e, sobre todo, de lectores.
-Soamente os camareiros visten de etiqueta.
-Aquilo non era unha revista, era unha funeraria.
-Non tiña un servilismo covarde senón a comisión.
-A verdade necesita algúns retoques.
-Sen familia xa non quedan prototipos.
-Nas falas persiste máis o acento cas palabras.
-Inútiles eufemismos isos de facer o amor, compañeira sentimental, excusado, gay, ir ó baño, revista do corazón, eta militar, concerto rock, etc. Inútil fuxida.
-Hai que facer urxentemente un dicionario de palabras non admitidas
-Aquilo non era un comento; era un análises de urina.
-As paredes dos retretes están cheas de textos definitivos
-Engadindo humildade ó bo gusto, redundaba constantemente para logo pedir perdón.
-Non hai por qué escribir ben; a lingua é unha fala, non un crucigrama.
-Nembargante, algúns escriben a propósito a cidade do Turia, a pérfida Albión, o arte de Terpsícore, o chorado mestre, subiu o mercurio, actores do celuloide, a mai patria,a espada de Damocles, etc.
-As heroínas soen convalecer
-Polas súas palabras coñecerelos: lúa, mar, flor, ceo ,estrelas, corazón, eternidade, fonte, amor, sono, céfiro, rocío, alba, reiseñor, azucena, murmurio, rosa, xardín, paixón, suspiro, nostalxia, namorado, lirio, trémela, perla, edén, crepúsculo, aurora...,todas repetidamente mancilladas, verdadeiras firmas estadísticas.
-Todo verso é ripioso.
-O silencio e a bondade son o cendal de Deus.
-O pensamento é un don a render contas.
-¡Que pena de Benaventuranzas! Non fai falla saber koiné para darse conta de que, faltos de folgo e sobrados de esmero, os filólogos traducen os que sofren polos sufridos, os pacíficos polos que traballan pola paz,os xustos polos perseguidos por causa da xustiza etc. Ademais de corrixido e aumentado, este gran himno está desafinado. Alguén debera ocuparse desto.
-Pero ¿de onde se sacaron os teólogos iso de que Deus era incapaz de crear o heliocentrismo e a evolución?
-O peor inimigo da Igrexa non é o pecado senón o aburrimento.
-Cristo é unha patria sen fronteiras. A Sociedade é cada vez máis cristián, inda sen il.
-María, mai: velaquí unha das máis grandes aportacións do cristianismo á nosa orfandade conxénita -unha mai que inda está viva- .
-Ser xove non é ter poucos anos por detrás senón moitos por diante. Perpetuándonos no ceo, Xesús rexuvenécenos xa, dende agora, definitivamente.

Andrade, Fernando