Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Medallas Castelao

viernes, 29 de junio de 2012
Palabras de Alberto Núñez Feijóo na entrega das Medallas Castelao:

Autoridades presentes.
Galardoados coas medallas Castelao.
Miñas donas e meus señores.

Tal día coma hoxe de 1984 o noso Castelao retornaba definitivamente á súa terra. Ese día finalizaba o seu longo exilio e volvía para quedar sempre en Galicia. Saíra dun país fratricida no que era difícil manter a esperanza. Marchou coa pena de moitos amigos desaparecidos no medio do drama, deixando atrás unha galeguidade que parecía agonizar. Levou consigo un chisco de futuro que cultivou amorosamente á outra beira do Atlántico, xunto con galegos que fixeron das Américas unha nova terra prometida.

A Galicia que o recibe é un pais libre, dotado de goberno propio e de orgullo recuperado, que permite por exemplo ter convertido o conxunto da súa obra en Ben de Interese Cultural.

Poucos anos antes do seu regreso, os galegos decidiran vivir xuntos de acordo cun Estatuto, e plasmaran esa vontade nun Parlamento onde confluíron todas as terras, pensamentos e vontades da nosa comunidade. Tras un doloroso paréntese, Galicia reemprende o seu camiño, da man dos pobos democráticos do mundo. O soño de Castelao empezaba a cumprirse.

A partires daquela data, cada 28 de xuño prodúcese un novo retorno de Castelao. O pai do noso galeguismo faise presente con galegos que fan Galicia traballando nas máis variadas facetas da vida profesional. Galegos que son produto dunha sociedade libre e dinámica, sen medos, dona de si mesma e capaz de competir con todas as garantías no desafío da globalización.

Caracterízaos unha actividade laboral notable, pero tamén un fondo sentimento de colectividade. Todos eles séntense copartícipes dunha tarefa común, membros dun equipo, pezas fundamentais dun mosaico fermoso que chamamos Galicia.

Os galegos non estamos xuntos por un azar xeográfico. Tampouco por unha obriga imposta dende fóra. Estamos xuntos porque así o decidimos democraticamente.

Estamos xuntos porque sabemos que compartimos cousas importantes. Hai valores comúns que vencellan estreitamente a galegos que viven en lugares diferentes, que teñen unha diferente formación e que mesmo discrepan na súa ideoloxía.

Ser un país non consiste en buscar inimigos fóra, senón en atopar amigos dentro. Galicia é un país porque existe entre os seus habitantes esa conciencia de formar unha unidade plural. Se esa conciencia desaparecese, de pouco valerían os símbolos e as retóricas; Galicia estaría esmorecendo.

Ademais do noso himno, da nosa bandeira, o noso mellor sinal de identidade son as galegas e os galegos. Mulleres e homes, por exemplo, como os que cada ano nesta data, honran a distinción que leva o nome de Castelao. Veñen de Castroverde, de Sarria, de Ourense, de Arteixo, de As Neves... e
fan Galicia no ensino, na xudicatura, na medicina, no deporte.

Chámanse Ramón García Varela, maxistrado sempre unido a Galicia malia que a súa traxectoria o teña levado a moitos outros destinos. Ten o mérito singular de ter sido no seu momento o maxistrado máis novo que accedeu ao Tribunal Supremo. E para honra da súa terra, Sarria segue sendo a capital do seu particular mundo xudicial.

Chámanse Arsenio Iglesias Pardo, a quen temos que agradecer que, ademais do Deportivo a Primeira División, fixera ascender a autoestima dos galegos. A súa idiosincrasia e a súa forma de entender e interpretar a vida son tan importantes para nós como os éxitos que ten logrado na súa traxectoria como futbolista e adestrador.

Confésolles que, para min, a súa forma de ser, de facer e de dicir son un referente constante, especialmente nestes tempos de dificultades que requiren dun especial optimismo e firmeza.

Chámanse Manuela López Besteiro, artífice de normas tan significativas como o I Plan integral de apoio á familia, o Plan de igualdade de oportunidades das mulleres galegas ou a negociación do traspaso das políticas de emprego a Galicia, primeira comunidade en asumilas xunto con Cataluña. Ela é a proba de que a política pode ser un espazo de
convivencia, respecto, educación e lealdade, e o seu exemplo debe ser un guieiro para que o siga sendo.

Chámanse Federico Martinón Sánchez, doutor en Medicina, mestre de pediatras e durante 35 anos xefe do departamento no Hospital Público de Ourense. Vencellado ao interior de Galicia, preocupado por que a atención pediátrica chegara a todos os recunchos da súa provincia e coa mellor calidade asistencial posible; como antes fixera o seu pai, o doutor Federico Martinón León. Algúns poderían pensar que permanecer en Ourense, lonxe das grandes capitais dos Estados, significa renunciar a unha carreira de
recoñecementos, pero traxectorias como a súa acreditan que as grandes carreiras se fan desde os lugares onde un é máis necesario.

Chámanse Miguel Ángel Salgado Fernández, tamén referente indiscutible do noso deporte e apreciado polos galegos por ter representado de primeira á nosa terra. Véndoo con Arsenio, calquera pode dicir que ambos os dous atesouran unha gloria futbolística nacional e internacional que poden compartir deportivistas e célticos. É dicir, galegos.

Todos eles están sempre en Galicia e sempre con Galicia. ¿Qué teñen en común? Que son galegos que souberon cooperar con outros galegos para afrontar marabillosas aventuras profesionais. Ningún deles é unha estrela solitaria, senón que forman parte dunha Vía Láctea semellante a que marcou o Camiño de Santiago. Teño que dicirlles que tamén eles marcan o camiño nun tempo en que fallan os guieiros e no que os compases lles costa atopar o norte.

Seguramente a clave desta época non é tanto confiar nas grandes teorías senón recuperar a confianza nas grandes persoas. Son elas as que fan a historia, as que superan as dificultades, as que atopan respostas novas a novos problemas.

Galicia ten a sorte de contar con moitas desas persoas que, sen perdérense en vanglorias, están sinalando o horizonte. Galegas e galegos que son heroes no sentido que lle daba á palabra o noso Castelao. “O verdadeiro heroísmo –dicía- está en transformar os desexos en realidades, e as ideas en feitos”.

Eles son desexos, realidades, ideas e feitos.
Parabéns por elo, e moitas grazas.
Núñez Feijóo, Alberto
Núñez Feijóo, Alberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES