Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Monangamba ou Monangambé

miércoles, 27 de junio de 2012
Hai máis ou menos un mes e medio descubrín unha canción, non recente, que parece ser un símbolo da “cançao de intervençao” lusófona. Trátase de Monangamba ou Monangambé. O primeiro é o título do poema do angolano António Jacinto. O segundo é o título co que foi musicado por Rui Mingas.

O poema e a canción veñen a falar dos escravos do café, das duras condicións que soportaban e da falla total de humanidade por parte dos patróns. Débese explicar que Monangamba quere dicir “proletario para todos os servizos”, o que na altura significaba escravitude. Significaba, como di o poema, dar diñeiro para que o patrón comprara “máquinas, carros, senhoras e cabeças de pretos para os motores”. Monangamba era entón unha clase social que vivía sen dereito á vida, e a súa existencia xustificábase exclusivamente na satisfacción das necesidades da clase dominante que os oprimía.

Isto é tan só unha historia da África colonial, algo moi lonxe de nós, do que non vimos e co que non temos que ver nin nós, nin os nosos antergos. Podemos sentir empatía coa historia por humanidade e incluso emocionarnos con ela, pero nada máis.

En troques coñecer esta canción cambiou algo en min, e querendo ou sen querer, na súa escoita vinme cismando na propia realidade. Unha realidade na que os medios de comunicación teiman en botarnos a culpa dunha crise que a maioría sufrimos sen provocala, e a través dun permanente engano vainos sumindo nunha resignación que nos escraviza ante as elites do poder. Cada vez somos máis manipulables, máis submisos, máis individualistas; e ninguén nos vai vir salvar porque os mesianistas son os verdadeiros traidores, os que necesitan man de obra barata. Só nós podemos salvarnos, só nós témola forza de facer e ser outra cousa.

Vivimos nunha sociedade estúpida que se preocupa máis pola saúde dun cazador de elefantes que polas bocas que non saben se poderán comer mañá. Mentres tanto a anestesia colectiva sigue facendo efecto enrédanos en bordeis televisivos de media tarde para ocultarnos un futuro inexistente.

E a pesar de todo isto os Monangamba ou Monangambé (que hoxe ben podía ser traducido como “man de obra barata”) seguimos sendo maioría, unha maioría que se deixa enganar e estafar, pero sigue tendo nas súas mans a posibilidade de ser o que lle dea a gana, xa que todos sabemos que unha maioría unida é imparable. Ata eles o saben!

Esta crise ten unha saída xusta que pasa pola eliminación dos samesugas e salvapatrias que se manteñen a base de fume e verborrea sen aportar absolutamente nada ao ben colectivo.

Eses, que provocaron a crise, son os que deberían padecela con toda a súa dureza, os mesmos que nunca saberán o que é sufrir e superar os obstáculos da vida.

Deixemos de culpabilizar a Monangamba ou Monangambé, ao pobo!, cando sabemos que é el mesmo o enganado, o estafado, o que levanta e levantará o país, e o verdadeiro expropiado dun benestar logrado a base de esforzo e traballo.

Aínda que, xa se sabe! Isto é tan só unha historia da África colonial, algo moi lonxe de nós, do que non vimos e co que non temos que ver nin nós, nin os nosos antergos. Podemos sentir empatía coa historia por humanidade e incluso emocionarnos con ela, pero nada máis.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES