Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O coñecemento axiolóxico

martes, 26 de junio de 2012
Dado que xa chegamos ao coñecemento axiolóxico, temos que empezar por preguntarnos se os valores poden ser obxecto de coñecemento, e, incluso, que tipo de entidade teñen. Son estas cuestións abordadas habitualmente nos estudos filosóficos; pero bastante esquivadas hoxe en día, polo que penso que debemos dicir algo ó respecto.

Estas preguntas reciben contestacións diversas, que, evidentemente, condicionan o que se entende por coñecemento axiolóxico. E digamos, para comezar, que os estudiosos adoitan distinguir entre coñecemento teórico e práctico. O primeiro serve para cubrir curiosidades, e permítenos elevar o nivel de vida, como ocorre co crítico-racional, ou darnos unha maior orientación no noso proxecto vital, que é o caso do metafísico, en sentido amplo. O coñecemento práctico está referido a conduta do home, e, sen dúbida, canto pensemos e digamos verbo do valor estará na base deste coñecemento, que non é un coñecemento sobre o SER, senón sobre o DEBER-SER, porque os valores non SON, DEBEN-SER.

E non é difícil de comprender que este último modo de coñecer impónsenos como absolutamente imprescindible, porque con el aprendemos a vivir, orientamos a nosa vida, optando razoablemente por unha determinada escala de valores. Dito doutra maneira, podemos vivir – e de feito así nós ocorre – sen saber moitas cousas, con carencias no coñecemento teórico; pero sen o práctico, por rudimentario que sexa, non poderíamos orientar a nosa vida, isto é, quedaríamos reducidos a meros autómatas nun mundo de estímulos máis que de realidades. E ainda que algún autor dixo que o problema do home/muller non estaba en saber, senón en vivir, eu diría que está en VIVIR SABENDO, pois, pese a que SABEMOS porque vivimos, non vivimos HUMANAMENTE sen un saber práctico. Pero… debemos sempre ordenar o vivir ao saber?. Aquí compre distinguir entre ese saber práctico e o meramente teórico. Porque, por exemplo, no uso bélico da enerxía atómica, nalgunhas cuestións da enxeñaría xenética, en moitas formulacións económicas, etc., podemos ver claramente como o vivir está subordinado a un saber teórico, e non sempre nós van ben as cousas.

Pero aínda quero ofrecerlles aquí outra idea relacionada con todo isto: A verdade concibida coma valor. Porque, considerada así, tampouco nós é difícil comprender a subordinación do coñecemento teórico ao práctico, posto que aquel o que verdadeiramente persegue é a verdade, chegue ou non a acadala, e, polo tanto, o seu interés está radicalmente fixado nun valor. Sen embargo, tampouco se admite sen discrepancias esta concepción da verdade, e algo direi ó respecto, por máis que sexa tanxencialmente.

Hai autores que quixeron reducir o coñecemento axiolóxico ao lóxico, coma Russell, Ayer, Estevenson, Austin, Hare, etc., de matiz neopositivista e analítico. Eles empezan por negar contido material ós xuizos de valor, e a consecuencia que extraen é que as proposicións axiolóxicas non son verdadeiras nin falsas, todo o máis expresan os sentimentos de cadaquén (Ayer) ou gustos, preferencias, persuasións, disuasións, etc. (analíticos), ou reducen a expresión “A ES BUENA” a “YO APRUEBO A”. E aínda recoñecendo que todo isto é moito máis complexo e pesenta aspectos moi diversos, eu non desexo máis que deixar nestas liñas unha mera constancia das posturas, porque non é lugar de abordalas plenamente.

Traigo aquí, sen embargo, a Mario Bunge, que, na súa obra “Ética, ciencia e técnica”, sostén que a moral (do campo do axiolóxico) non é ocupación exclusiva de filósofos e teólogos: hai unha moral na ciencia e na tecnoloxía, é dicir, estas disciplinas non só deben axustarse a un código moral, senón que tamén crean valores. E insiste en que os científicos preocúpanse polos problemas morais desde que advirtiron a facilidade da ciencia e da tecnoloxía para prostituírse, como ocorreu co nazismo, a “Wehrwissenschaft” (ciencia da defensa), a ciencia do partido, a bomba atómica, etc. El sostén cós valores non constitúen un mundo aparte do mundo das cousas, o mesmo que ocorre cos cores, e na páx. 80 di: “La justificación teórica de una norma consiste en demostrar su coherencia y compatibilidad con las demás normas y con las leyes científicas conocidas”. Exige, pois, a coherencia na lóxica; a compatibilidade coas leis científicas dentro da “mundanidade”, e a validez dos supostos, para garantir a verdade. E para investigar esta nos preceptos morais, establece dúas traducións: unha, da linguaxe prescriptiva da moral (“axudarás ao teu próximo”) á declarativa (“se queres ter dereito a utilizar o próximo, terás que axudarlle”). Aínda engade algo máis: “la tesis de que hay verdades y falsedades morales presupone que hay hechos morales” (páx. 169).

En consecuencia, se a verdade moral é sobre o fáctico, coma a da física, difere da da lóxica e da das matemáticas. E aínda que aclara M. Bunge que os feitos morais son meramente culturais, esta postura dende a súa posición de físico teórico e filósofo da ciencia, é, penso eu, a mellor réplica ao neopositivismo e os analíticos.

Por outra parte, para saber que é o que temos que coñocer, énos necesario saber que é o obxecto do coñecemento, neste caso o VALOR. Pero son tantas e tan diversas as teorías acerca dos valores que non só é imposible abordalas aquí, senón que tamén sería unha tarefa ardua nunha monografía especializada. Eu, para saír do paso, expoño o marco no que se move unha das teorías actuais que me parece máis aceptable. Este marco ven delimitado polos seguintes presupostos:

A.- Os valores son cualidades das cousas e dos actos humanos.

B.- Son percibidos dun modo non intelectual, inda que non pode descartarse unha certa “intelectualización” dos mesmos.

Neste marco discútese o carácter absoluto ou relativo dos valores, segundo sexan considerados como pertencendo a unha esfera da realidade independente do home, ou coma algo que depende deste, dunha certa actitude ante as cousas e ante os seus propios actos, preferindo, desexando ou desbotando as cousas por unhas certas propiedades das mesmas, ou seleccionando igualmente os actos humanos. Hai, sen embargo, posturas moi peculiares, como a de Scheler, que, aínda que nega independencia aos valores, admite unha certa existencia distinta da das cousas que os portan, dos BENS; pero nunca chegou a explicar claramente en que consiste ese novo tipo de realidade.

O que é evidente é que hai unha clara tensión entre as posturas absolutistas e as relativistas, que podería ser superada se aceptamos que nin o valor pode ser algo arbitrario, nin pode ser desvinculado dunha persoa que o estime. E máis ou menos, partindo de aquí, os axiólogos adoitan atribuir ós valores as seguintes características: Son VALENTES, non ENTES (non valen porque son, senón porque deben-ser); son OBXECTIVOS, en canto non dependen das preferencias individuais (hai valores sen esas preferencias?, preguntan algúns); están ADHERIDOS aos actos humanos; son POLARES, dado que a todo valor se lle opón un antivalor ( a solidareidade, por exemplo, a insolidareidade); son CUALIDADES PURAS, é dicir, non poden ser obxecto de medicións cuantitativas, e, finalmente, posuen unha XERARQUÍA, pese a que estea moi comprometida co contexto cultural, isto é, non son indiferentes nas súas relacións.

Por último, todo o aquí dito lévanos a concluir que non é o mesmo aceptar un valor que outro; non é igual, por exemplo, aceptar preferentemente un valor ético que un económico (algo que debían ter moi en conta os corruptos). E todo isto ten unha gran importancia á hora de optar por unha figura de vida ou por outra, porque cada unha delas ten a súa propia escala de valores, que respecta e defende con criterios xerárquicos.

Veremos a importancia disto nos modelos humanos, unha vez apuntada a problemática epistemolóxica dos valores.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES