Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Bimilenario de Lugo tivo moitas e variadas actividades

jueves, 21 de junio de 2012
O Bimilenario de Lugo tivo moitas e variadas actividades O BIMILENARIO FOI UN ANO DE MOITAS E VARIADAS ACTIVIDADES

O 50 ANIVERSARIO DEBERÍA CONTAR CUN ACTO CIENTÍFICO E UNHA GRAN EXPOSICIÓN

A pesar de que o comisario do Bimilenario José Luís Hernangómez Sastre pediu os antecedentes do Bimilenario de Mérida para ter un referente do que se podía facer en Lugo, sen embargo non lle serviu de moito porque aquí fixéronse máis e diferentes actividades ao longo dun ano, marcado polo inicio da transición, e con poucos cartos, pois recadáronse 8.558.295 pesetas e gastáronse 7.769.577 pesetas, así que aínda sobraron 778.718 pesetas que se investiron en rematar cunhas placas o monumento dedicado a efeméride. Entusiasmo, traballo desinteresado e moita colaboración, fixo posible un acontecemento que aínda hoxe non foi superado.

Estamos ás portas de que se cumpran 40 anos e a trece do medio século, e penso que algo se debería de facer para espelir a abulia que nos invade, mais que nada, para que teñamos unha motivación, algo que vindicar ou chamar a atención da cidadanía e das administracións sobre o noso pasado co que queremos facer un presente e asegurar para os novos un futuro.

O que se fixo hai 37 anos

Os actos conmemorativos do Bimilenario iniciáronse o 25 de outubro de 1975, co pregón de Álvaro Cunqueiro no Círculo de las Artes, e clausurouse o 11 de decembro de 1976, coa inauguración do monumento que se instalou na Praza de Santo Domingo. Aquel día houbo unha conferencia do catedrático da Universidade de Valladolid Alberto Balil Illana e estreouse o .documental “Lugo 2000”. no Museo Arqueolóxico Rexional da Comunidade de Madrid

Houbo espectáculos como a Semana de Cine, o Certame Xuvenil de Teatro, o I Certame Rexional de Masas Corais, a actuación do Ballet Nacional de Festivales de España, Festivales de España, varias competicións deportivas, como o trofeo Bimilenario de motocros, tiro ao prato, final da copa de voleibol, a copa do Xeneralísimo de balonmán, a copa Miño de Piragüismo, sector nacional de beisbol, competicións de Tiro Olímpico, trofeo Bimilenario de baloncesto, o trofeo San Froilán de motorismo e o trofeo de fútbol Bimilenario,

Entre os concursos cabe destacar o de pintura e escultura, o radiofónico, o xornalístico, os de fotografía Diafragma 75, o de fotografía Junior e o X Trofeo Folla de Carballo. Houbo exposicións de pintura e escultura e de etnografía.

Foron moi importantes as sesións de tipo científico, como o Coloquio Internacional sobre o Bimilenario de Lugo e o XV Congreso Arqueolóxico Nacional que reuniu a destacados profesores e investigadores de varios países, pronunciándose tamén varias conferencias.

Das publicacións destacar as Actas de Congreso Internacional do Bimilenario, a Guía Arqueolóxica Romana de Lugo e a súa Provincia, un folleto turístico.

A cidade proxectouse ao exterior co documental, un cartel, que se distribuíu a todas as oficinas de turismo de España, e a emisión de tres selos, de 1 peseta co Mosaico de Batitales, de 3 pesetas coa muralla e de 7 pesetas coa moeda da caetra e o Sorteo da Nai da Lotería Nacional.

Un coloquio internacional e un congreso

Calquera conmemoración que se teña por tal, ten que ter unha actividade científica onde os expertos traten cuestións relacionadas co asunto que se celebra, ben sexa cun ciclo de conferencias ou con algo máis ambicioso, como pode ser un coloquio ou un congreso.

Se alguén se decide a celebrar o corenta aniversario ou o cincuentenario, sería desexable un Congreso Internacional dado que os arqueólogos lucenses e os científicos de fóra que estudan algúns dos materiais atopados, hoxe xa teñen moito que contar aos seus colegas de Europa. Ademáis os novos que participaron daquela agora xa peitean canas, polo que lles tocaría ser os senior e darlle protagonismo á nova xeración para expor os resultados destes trinta ou corenta anos de escavacións sistemáticas na cidade.

A vantaxe e a transcendencia dunha actividade deste tipo está, non só no intercambio de coñecemento senón nas achegas que se producen nos debates dos relatorios, no traslado de información ás universidades co consecuente efecto multiplicador na divulgación do que escoitaron e viron. É unha das mellores propagandas para a cidade, que permanece, que fan os participantes e os seus acompañantes.

No Coloquio Internacional do Bimilenario, que se celebrou do 19 ao 24 de abril de 1976, que organizou Felipe Arias Vilas, participaron os que naquela época eran os patriarcas da arqueoloxía española, a maioría falecidos, como Antonio Blanco Freijeiro, Manuel Chamoso Lamas, Pedro de Palol Salellas, Juan Maluquer de Montes Nicolau, José María Blázquez, Francisco Jordá Cerdá, os alemáns Hemult Schlunk e Theodor Hauschild, e o italiano Giovanni Forni, Tamén estiveron a nova xeración como María Lurdes Albertos, Patrik Lle Roux, Alain Tranoy e Fernando Acuña Castroviejo, entre outros.

Exposición arqueolóxica

Unha cidade que en escavacións ten unha traxectoria similar á de Lugo é Cartaxena. Hai un tempo estivo aberta no Museo Arqueolóxico Rexional da Comunidade de Madrid, a exposición Arx Hasdrubalis que mostraba a riqueza do seu patrimonio arqueolóxico e cultural.
Constaba de recreacións virtuais e recursos interactivos para comprender mellor a evolución da cidade de Cartaxena desde a súa fundación ata a época contemporánea. A exposición recolleu os resultados dos últimos anos de escavacións no cerro do Molinete onde se descubriu un armazón arquitectónico de gran valor. A mostra incluía cen pezas recuperadas, como capiteis, esculturas. epígrafes, pinturas, moedas, cerámicas e outros obxectos da vida cotiá.

Como nun evento conmemorativo tampouco adoita faltar unha gran exposición tamén debería haber unha, que unha vez clausurada, se puidese reconverter nunha exposición itinerante similar á que comentamos para ofrecer aos museos arqueolóxicos españois. Hai infinidade de materiais de todo tipo, non só arqueolóxico senón tamén audiovisual para poder facer algo digno. Esta exposición podía servir de apoio para desenvolver unha campaña de promoción da cidade e provincia na localidade onde se presentase.

Vender Lugo

Como é evidente o obxectivo final do todo isto debe ser sempre rendibilizar ao máximo o investimento que se faga. Moitas veces non é cuestión de grandes orzamentos, senón dunha boa organización e administración. Ademais dos investimentos que se fagan en infraestruturas con carácter permanente, hai outras que teñen por finalidade a divulgación e promoción das que se espera unha rendibilidade a medio prazo en sectores comerciais relacionados co turismo.

No Bimilenario fíxose un magnífico documental de 25 minutos de duración sobre a cidade que tivo unha ampla repercusión. O director e guionista foi Horacio Valcárcel, oriúndo de Rábade, que realizara un documental sobre o patrimonio artístico de España para o Congreso Internacional de Arquitectura celebrado en Bruxelas en 1975. Naquela época, aínda non había vídeo, e fixéronse copias en película de súper 8 mm, 16 mm. e 35 mm.

Alguén se debería preocupar por conseguir a autorización para pasalo a soporte dixital e poder comercializalo, ou polo menos, proxectalo nas oficinas de turismo da cidade ou nalgún dos centros de interpretación. Tampouco sería mal investimento facer un documental similar actualizado, para divulgalo nas feiras de turismo e para vendelo.
De Abel Vilela, Adolfo
De Abel Vilela, Adolfo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES