Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Profundadas 4

miércoles, 20 de junio de 2012
P R O F U N D A D A S
4

-Se o presente modifica o pasado, a Historia é imposible.
-Igual que os ións atrápanse uns a outros nos cristais, así se atrapan uns a outros os sucesos na Historia.
-O home sigue sendo o mesmo; é a Sociedade a que cambia
-Xa non curan os médicos; cura a Medicina.
-A hispanofilia é un safari.
-Toda familia é un Guadiana.
-Os conquistadores inda seguen alí.

-Os cartos, coma a electricidade, máis semellan vehículo que mercancía.

-Liberdade está mal dito.
-A liberdade gravita.
-Liberdade e democracia: velaí os dous grandes opiáceos do Poder.
-Alí onde nace unha convicción aparece un policía.
-Árbitros e non xuíces -árbitros de pantalonciño corto e regramento en riste- é o que necesita a democracia.
-Este non parece un Estado de dereito senón do dereito
-E, en política, ¿qué gaña o que gaña?
-¿Qué enerxía é esa das enérxicas repulsas?
-Ter razón sen poder é pura masturbación.
-Os partidos son coprófagos.
-Pertenzo ó maioritario partido dos sen partido; a esa inmensa maioría do Corte Inglés.
-Non soamente é máis destro coa dereita senón tamén cara a dereita.
-A cuestión paritaria resulta ser non só unha discriminación tan machista coma feminista senón tamén o “corpus delicti” dos mesmos prexuízos que se rexeitan -nos dous casos, o 50 % puidera ser excesivo-.
-Os escoltas aparcaban ó ministro coma se fora un Pegaso.
-¿Por qué na tele tódolos políticos se parten de risa?
-De neno presenciei un asasinato. O asasino, ocupado e ata dilixente, facíao todo cinematograficamente mal. Na súa cara non se vía abxección nin culpa algunha; estaba infindamente atareado. A xente cedíalle logo o paso con respecto. Inda me lembro daquela estraña flagrancia. Algo así debe de estar sucedendo agora na cara plana dalgunhas persoas, no seu desparpallo
-Tódalas guerras son civís.

-Ensinar é imposible; só é posible aprender.
-Eu non son autodidacta; estudei comigo.
-En rigor, o que non se sabe non se pode entender.
-Os parvos, canto más sabios peor.
-Don Pedro Fernández ensinaba no futuro. Sorrindo lixeiramente, ollaba detrás de nós, ó lonxe. Tiña a ollada tendida dos cegos. E tamén, no lívido trazo da tiza, a elegante ledicia dos menceres matemáticos, mediterráneos, cheos de luz, que varios presenciamos asombrados para sempre-.
-O malo da divulgación é que non se entende nada.

-En ciencia, os modelos non son patróns de costureira nin plans de ministrillo; non son nada modélico senón hipótesis a cotío indestapables. Así de cortos se lle queda o pulso á xente que pensa.
-Nembargante os científicos producen máis metáforas que modelos.
-A ciencia fai avanzar os descoñecementos.
-Non sempre as cousas se deixan sumar. Pode que dous más dous non sexan catro, que haxa que esperar ó dous máis tres para que sumen algo.

-Abós de nos mesmos, a penas vislumbramos o noso inmediato futuro: o transporte de foguetes; os coches gravitatorios; a desviación de contralisios pra deixar pasar certas nubes os sotaventos áridos (Allué); a creación de plataformas mariñas fertilizando o plancton superficial coa convección natural (e ¿qué foi de Margalef?); a utilización política do pensamento natural -especialmente no caso das globalizacións, crecementos, sostenibilidaes e demais abusos contranatura-, o revisión do concepto dos cartos coma instrumento de troque etc.etc. Agora, que non vamos a ter nada que facer, esta é a ocasión.
-Os coches non somentes están feitos para andar senón para que anden.
-O verdadeiro invento non é a roda senón o eixe.
-Están mellor feitas as locomotoras que os furgóns,

-A toponimia nombra o que non hai.
-Notas de viaxe: Garray, encrucillada total / Almazán, gloria ruderal e amortallada / Corella, tan italiana e fachendosamente trivial / Navarra, con menos coxos do esperable / Soria, amable e tartamuda
-Inda que non estou moi seguro, o termo lemés non soamente venlle moi ben ós de Lemos ou Lemus (coma se dicía nos nosos antigos bandos municipais) senón que, mesturado con coios e tirando a dar, vennos sendo lanzado fai tempo a nosa beira dende a beira ourensá do Sil. O termo lemés resultaría ser así un inspirado xentilicio que non chega a entrar en conflito co lío ese dos Limianos de Sanabria, límicos de Ginzo de Limia (coidado co de lémico = peste), limeses de Cangas de Tineo, lemosins ou limousins de Limoges e, moito menos ainda, con eses outros lemosins que os cataláns andan a pretender descabaladamente. E postos xa a des-barrar -inda que sen chegar ós lemures-, diríamos que as analoxías sonoras de Lemos ≈ Limoges ≈ Limo semellan ter dentro o común vestixio cultural do barro. Porque a xente párase sempre no que mellor entende.¿non sí?
-Coma o aire e o sol, Madrid non é de ninguén: non é unha propiedade millarada senón un ben pródigo, suntuoso, innumerable.
-Coma outras varias importantes cidades, Madrid é a inadvertida capital dunha das máis florecentes provincias galegas.

-Non predicía o tempo; outorgábao.

-As estrelas nin están aí nin son así.
-O tempo é o noso escudo cósmico
-Se o infindo e a nada son absurdos, o finito, á beira mesmiña da nada, tampouco se entende.
-Quizás o Universo sexa máis inmenso pola súa natureza que polo seu tamaño.
-Leverrier contiña xa de antes a órbita de Plutón.

-O azar non é azaroso nin o caos posible
-As regularidades do azar proveñen da súa ecuanimidade.
-O cor das cousas é o único que non é delas.
-Nesto dos mundos habitados -dicía Oró fai anos ante unha audiencia bastante xorda- o único que podemos facer era escoitar.
-Pero ¿en qué clase de universo vivimos? Coma unha bolboreta atrapada ó outro lado da nosa peneira lóxica, a realidade no pode entrar en nós.

-As árbores esculpen espazo.
-A faia retén dilatados crepúsculos.
-Cada estrela amañece sober da súa propia herba.
-A paisaxe fainos ubicuos; de aí a súa magnificencia.
-A vaca e o cabalo máis fermosos son os que dan máis leite e corren máis.
-As fotos son diques no tempo.
-Os autobuses son naif.
-O fermoso repousa

-O románico e o gótico entenderíanse mellor se, coma ocorría antes de Arcisse de Caumont e de Vasari, se chamasen bizantino e francés.
-En Ani (coido), cerca do Ararat de Noé, está unha das máis fermosas e antigas egresiñas románicas posibles. Coido que, coma no caso da Beringia e das pirámides Mayas, alguén vai chegar tarde a isto.
-Pederastia e bestialismo: velaí dous inadvertidos compoñentes da nosa plúmbea estatuaria municipal.
-Ó arquitecto aquel non lle saían salóns, saíanlle igrexas.

-O pintor Celaya: ¡cánta maquinaria desvencellada, cánto salitre e fedor, cánta compresa e mortallas ensanguentadas nesta “Mancha” de Dios!
-Un greco especial: O “San Mauricio” colma sosegadamente o acceso ó Escorial. Baixo os seus marelos, vaga inquedamente unha sombra luminosa. As súas figuras ceden a un vento inadvertido. Máis arriba, o aire empuxa cirros de vidro e nimbos de granito. Un apacible grupo considera algún alto argumento; pero o compromiso da luz termina liberándoo do seu tráxico sino.
-Ben mirado, o arte figurativo non “representa” nada -para un “marciano” a Maja Desnuda é arte abstrato-.
-As vangardas son para xente sen presas, descansada e ben comida .
-Con certa frecuencia, as vangardas son coma o “ traxe do emperador”.

-A natureza non erra; desaparece.
-Igual que o “como” e o “para”, Selección Natural e Pensamento son frecuentemente indiscernibles.
-Sinxelas seleccións fronte a un inmenso azar: velaquí as posibles urdimbre e trama de calquera pensamento.
-Dada unha rede de feitos aleatorios pero ben inscritos nun medio comparativamente más simple, a súa organización, cada vez máis trabada, será tamén cada vez más intelixente.
-Si a evolución houbese sido sempre selectiva, no houbera tido tempo de nada.
-Unha selección indiscriminada faría crítica calquera banalidade.
-Non todo é evolución. A anomalía da i-auga, poño por caso, non viría a conto. As súas libérrimas e feraces concordancias máis semellan un designio que outra cousa.
-Saltando por riba da súa propia sombra, Darwin sospeitou a imposibilidade temporal da evolución ocular. Ningunha obxección máis suxestiva nin obxector máis autorizado.
-Eu non souben ata moi entrado en anos que era neodarwinista.
-Os seres vivos somos os boomerangs da desdita

-As plantas son a versión calidoscópica dunha partida telúrica de billar.
-Os prados son firmamentos ó revés.
-Pasto é o que se pasta -non lle dean máis voltas, señores congresistas-.

-O ecosistema é a unidade mínima de vida autónoma –con certas precisións-
-Os ecólogos, tróficos e circulares, son de dereitas.
-Coma o clima e as plantas, as palabras vanse sustituindo unhas a outras polo camiño.

-Os indios deberon de pasar a Berinxia soamente co posto. Hay que estar cegos para non ter visto antes mongoles nos peles roxas. As súas tendas e o descoñecemento final da roda e o cabalo suxiren unha cultura de neve e un laborioso tránsito sober do xelo. Coma no caso da foguetería e os alunizaxes, aquí a Ciencia e os seus pruritos chegaron tarde.

-Eu non estou nin nos dedos nin nas pernas; as miñas costas ignóranme e o meu corazón me é alleo.
-O Home está encarcerado nos seus ancestros, na cadea da besta.
-O verdadeiramente estraño do pensamento é a consciencia - ¡ese rebote!-.
-Nós podemos convivir perfectamente co error
-Alá, nos sonos, no fondal de nós, outros móvense libremente.
-O des-alento consiste en ralentizar a vida, antes de que se nos acabe.
-Algúns repetidamente decláranse orgullosos da súa condición, coma si tiveran algo de que avergoñarse.
-Recoñezo no home a golfa sorrisa do simio

-A Sociedade tenta ser cada vez máis cristián, pero sen Cristo

-Ser xove non é ter poucos anos por detrás senón moitos por diante. Prolongándonos no ceo, Xesús rexuveneceunos definitivamente.

-O futuro podrece.
-O mundo agoniza connosco

-Manseliñamente, sácome a pasear tódalas seráns
-Fai pouco, todo isto estaba no sol.
Andrade, Fernando
Andrade, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES