Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Coñecemento crítico-racional

lunes, 18 de junio de 2012
Sempre hai que partir, nisto do coñecemento, do que coñece o home en xeral, do coñecemento vulgar, que ten algunhas características: moitos dos seus conceptos poden ser máis ou menos precisos, e poden estar mellor ou peor sistematizados; pero del hai que partir, pois tanto o filósofo coma o científico teñen que aproveitalo para adquirir unha concepción do universo, unha Weltanschauung, que dirían os alemáns, e para facer a súa vida cotián.

Tampouco se pode esquecer que o contacto coas cousas dalle ó coñecemento vulgar unha certa orde e non se lle pode negar unha certa depuración pola mesma tradición. E non é un coñecemento “parcelado”, é global e extenso, porque atrévese con toda a realidade e porque parte de principios que son comúns a todo o xénero humano: Son principios de sentido común, que xeran certezas (non digo “verdades”) absolutas. De aquí que os seus elementos constitutivos sexan uns principios de sentido común, apoiarse na experiencia cotián do home e tamén na recibida dos seus devanceiros. É pouco crítico polos criterios herdados, e tamén porque o home que coñece non está libre de certos condicionamentos: sufre a influencia da herdanza, da educación, do temperamento, do seu propio pasado, das súas “misteriosas limitacións”, etc. Finalmente, dende que as Socioloxías do Coñecemento ocupan un sitio nos alzadeiros das nosas bibliotecas, ninguén pode afirmar iradamente que o coñecemento non está comprometido cos “intereses” de cada quen, e todo isto é moito máis aplicable ao coñecemento vulgar que ó crítico-racional.

Non quixera que se entendera esta exposición coma unha lección académica, que, sen dúbida, o lector non necesita: enténdase coma un paso previo a un artigo que penso escribir acerca do coñecemento dos valores, e isto si é, a meu xuizo, algo interesante, despois dunha breve exposición verbo do crítico-racional, no que se reflexiona co máximo rigor, crítica e analíticamente, porque nel analízanse os datos da experiencia ata acadar un grao aceptable de exactitude nos seus contidos.

Por outra parte, este coñecemento é racional en canto relaciona eses contidos para ordenalos sistemáticamente, estruturándoos de maneira consistente, a fin de obter unha imaxen coherente da parcela da realidade á que fan referencia os contidos. É este un coñecemento que se expresa mediante o que adoitamos chamar ciencia, precisamente por isto tamén se cualifica de científico.

Unha das súas características fundamentais é que os “conceptos” e “termos lingüísticos” que o constituen poden ser confrontados coa experiencia dunha maneira intersubxectiva, isto é, nesta confrontación pode participar calquera persoa que teña a formación adecuada. Sen embargo, non convén esaxerar, porque tamén ten, por suposto, moitas limitacións e, ás veces, sublima a súa importancia ata tal extremo que os outros tipos de coñecemento quedarían notablemente descualificados.

A propósito disto último, adoitase caer no “reduccionismo epistemolóxico” : Redúcese a razón a ciencia e esta á física, e deste modo soamente se aceptan enunciados verificables, pois os outros son considerados coma pseudoproposicións e non teñen sentido. Aquí quedaría reducida a razoabilidade e a racionalidade só ó verificable. E isto non se pode aceptar, porque, como di N. Rescher, “os xuízos cás persoas podían formular racionalmente acerca de asuntos de verdade fáctica, teñen inevitablemente unha base relativa, relacionada con evidencias, regras e métodos variables”, páx.153 (La racionalidad, Technos, Madrid, 1.993). E nesta mesma liña están outros estudosos, coma Hübner, cando afirma que a aceptación ou rexeitamento de calquera teoría non se basea en decisións empíricas. Kuhn, no caso dun científico esbozando un paradigma teórico, di que toma decisións lexítimas nunha forma de fe, e o mesmo Monod di que “o seu postulado da obxectividade é unha decisión ética (“El azar y la necesidad” , Barcelona, 1.971, páx. 190).

Ademais, o coñecemento científico sempre se dá nun ámbito intencional, limitándose a unhas poucas causas inmediatas, como é o caso da Física, da Química, da Bioloxía, etc.. Esas causas poden ser necesarias, suficientes, favorecedoras … dun coñecemento riguroso da porción da realidade elexida, e, partindo delas, trátase de explicar que sucede no seo dunhas estruturas que van artellando un campo conceptual, que, a súa vez, permite facer predicións, críticas da mesma realidade, confrontar resultados coa experiencia, etc. E por suposto, o ideal neste coñecemento é poder verificalo polos distintos criterios establecidos e aceptados pola comunidade científica, ou falsalo segundo os criterios de Popper, aínda que nunca se acadarán seguridades absolutas, pois como di un epistemólogo, “as seguridades verificativas son sempre hipotéticas e teñen que estar sempre referidas a comprobación intersubxectiva”.

Noutra xeira direi algo do coñecemento axiolóxico.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES