Domingos de Corpus
Xiz, Xulio - viernes, 15 de junio de 2012
Eu medrei crendo firmemente o que dicía o dito popular Tres xoves temos no ano que relocen máis ca o sol: Xoves Santo, Corpus Cristi e o Xoves da Ascensión. E nun tempo de catolicismo militante e oficial, os tres días eran ocasión de culto e descanso, cada festividade coa súa especial celebración.
O Xoves Santo mantense polo de agora. A Ascensión deixou de ser festa, agás en Santiago. E o Xoves de Corpus celébrase o domingo.
Resulta extraño que unha celebración así se traslade ao próximo día inhábil, e que agora haxe un Domingo de Corpus, ou alomenos un Xoves de Corpus que se celebra en Domingo. E se extraño resulta en calquera lugar, máis extraño resulta na cidade de Lugo onde a festa de Corpus ten historia multisecular que se supón arranca da devoción que Lugo sempre demostrou ao Santísimo, de onde procede a tradición da Exposición contínua na catedral lucense, privilexio case único no mundo.
Pero o cambio de Xoves a Domingo na celebración do Corpus trouxo consigo outro cambio aínda máis importante. Porque a gran celebración do Corpus en Lugo é a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado, que se celebra o día da Infraoctava. Esto é: o domingo dentro da octava despois de Corpus.
A Ofrenda, desde hai case trescentos cincuenta anos, celebrábase pois o domingo seguinte a Corpus. Ao ser agora a festa de Corpus o domingo seguinte a Corpus, xa non se celebra a festa da Infraoctava dentro da Infraoctava, senón o domingo seguinte.
Se esto tivese ocorrido nos tempos que eu lembro de relixiosidade acendradada, en Lugo seguro que se tería producido unha revolución como a que en 1386 protagonizou a nosa heroína María Castaña. Pero agora, que son os mercados os que mandan, e a economía goberna vidas e facendas, resulta natural o que por definición nunca sería posible.
En Lugo, pois, onde o Corpus é a nosa maior festa relixiosa, o domingo pasado foi Xoves de Corpus, e o domingo que ven é a Infraoctava aínda que desde hoxe xa se superou a octava.
Mantéñense os cultos e as formas, e hai ofrenda solemne e resposta bispal, e xantar tradicional para as autoridades, e desfiles vistosos. Todo en orden. Menos, polo de agora, o desfile da Policía municipal en traxe de gran gala, que é voluntario e aínda non está claro que os policías se queiran enfundar os fermosos traxes en data tan sinalada pero fóra de lugar.
Aínda ha resultar que o traxe dos policías aínda que sexa polas especiais relacións que teñen con Orozco- é o símbolo de que aínda hai cousas que, por moito que a modernidade o esixa, non deben nin poden cambiar.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora