A Bernardo García Cendán
Iglesias, Baldomero - jueves, 14 de junio de 2012
A BERNARDO GARCÍA CENDÁN,
AO IRMÁN DE SOÑOS E ESPERANZAS.
Aínda estou
na xenreira contida e na dor,
na impotencia de verte,
alí calado e mudo, deitado no silencio.
E ao darche a man, sei que perdo
unha man máis, a man amiga,
a man que estivo xenerosa
e me axudaba a erguer a cada intre
das miñas tantas derrotas.
Alí tendido quixen arrolarte cunha breve canción,
con unha anaina doce e suave
como a Lúa de Vilalba, a nosa Matria,
para que durmises tranquilo
abrazando o que soñabas.
Hoxe, Bernardo, quixera ter a verba precisa
para aloumiñarche a orella,
mais sei que hai moitos momentos
nos que sobran as palabras
porque nada din, ...xa non din nada!
Por iso chorarei en soidade as miñas bágoas,
mentres nos mires a todos
polas nubes da nostalxia,
facéndonos rir, coma sempre,
a teu sorrir de esperanza
co teu vagar sosegado,
nas lembranzas pola Chaira!
Mero, no día que pasaches.
Iglesias, Baldomero
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora