Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bernardo Miguel García Cendán

jueves, 14 de junio de 2012
ACTO I.- Pregoeiro no Festival de Pardiñas. Agosto 2010.

Pedíronme de Xermolos, Guitiriz, que fixera unha pequena presentación túa, incluída logo na revista. Gustouche e contéstacheme agradecido. Velaquí aquel texto:

Que arriscado é facer de presentador. O misterio da persoa non pode pasar polas apreciacións de ninguén. Por moi obxectivos que sexamos, sempre caeremos no reducionismo. Detrás ficará a verdadeira persoa que é infinda e inabarcábel.

E, non obstante, temos de presentarnos e presentar. Non facelo sería de mal educados ou facer de menos a aquel que nos está a visitar.

Na historia da literatura os barbeiros gozaron sempre da sona de seren moi sabidos, habilidosos e polifacéticos. As barbarías eran coma universidades populares ás que acudían gratuitamente as máis variadas crases de alumnos, cadaquén no grao que precisaba de formación-información. Dalí sempre se saía sabendo máis e con orientacións valiosas para avanzar. Moitos eran bos conselleiros na vida.

Na Lembranza de todos está, por exemplo, o barbeiro do que se nos fala no D. Quijote de la Mancha.
Nas miñas acordanzas foron célebres “O Pallarego” de Mondoñedo, “Juancito” en Ortigueira ou “Uxío”, o de Pontedeume. Hoxe xa non é igual. Aquilo era outra época e outra realidade.

Bernardo García Cendán sempre foi un profundo admirador do seu pai e engaiolábao acompañalo no estabelecemento que el rexentaba. O pai de Bernardo era o barbeiro de Vilalba, o Severino. E por alí pasaban todos os días do ano todas as crases sociais da Vila e das contornas. Era un home culto e cultivado, gran lector e pensador, sabía escoitar e atender. Tiña unha boa biblioteca. A vida fóralle ensinando a ser positivamente crítico. Tamén tiña un profundo sentido do humor.

Esa foi a primeira e máis importante universidade na que Bernardo se abriu á vida e na que medrou cos mellores hábitos de socialización e sociabilidade, calidades que nel parecen innatas e nas que sobresae por nacenza, ciencia e sabenza.

Bernardo é un sociólogo dunha categoría excepcional. Só ten un defecto-virtude: Non vai de pavo pola vida. Por iso, os das miradas superficiais nunca se han decatar diante de quen están. El é un home sinxelo.
Se de verdade queres vivir unha experiencia importante na vida, busca por todos os medios, chegar a ter trato con Bernardo. Cousa non difícil, dada a súa afabilidade. Podes atopalo na rúa, nun parladoiro cultural, lendo o xornal nunha taberna ou relacionándose cos alumnos na Facultade.

Sempre cos ollos moi abertos ás máis diversas realidades, corazón sensíbel, observador perspicaz e conversador persuasivo. E, por saír ao seu pai, está dotado
dun característico humor moi fino e tamén algo retranqueiro.
Hoxe estamos de sorte: El é o noso Pregoeiro no Festival de Pardiñas do ano 2010, cos quen ten colaborado tantas veces e de quen é un fiel seareiro. Nunca falta.
Bernardo, moitas grazas.

ACTO II.-. Adeus, Bernardo. 13-06- 2012.

BERNARDO, AMIGO:
A verdadeira valía, e conseguintemente a importancia da túa perda, está hoxe silenciosamente no corazón de innumerábeis persoas. As bágoas nos ollos saen aló de moi dentro.

Perdemos en ti o excelente sociólogo, o amigo entrañábel, o entendido en arte, en música. Eras un bo poeta. As musas paráronse en ti desde a nacenza. Por dentro rezumabas excelencia.

Fuches un sacerdote ao xeito de Xesús: Pasaches facendo o ben e curando aos doentes. Mestre do diálogo e da tolerancia. Bo conselleiro. Tiñas a arte da escoita empática, sanante e sanadora. Sempre positivo. Podo testemuñalo en innúmeras ocasións. Crítico coas ideas pero sempre amigo do adversario.

Un profesor documentado, abrindo sempre perspectivas novas de avance e investigación aos alumnos. Tiñas un finísimo sentido do humor, exquisito, de altura e sempre respectuoso.

Da valía daqueles que nos acompañan na camiñada cotiá só tomamos verdadeira conciencia cando nos decatamos, ao día seguinte, que xa non estarán fisicamente connosco. Hoxe estou espertando de algo que non quixera. A vida é así.

Bernardo, amigo,"só se ve ben cos ollos do corazón, porque o esencial é invisíbel aos ollos da cara". Terémoste sempre connosco. Como bo latinista, ad multos annos et semper nobiscum vivas.

E cando te encontres novamente co Severino, o barbeiro de Vilalba, o teu pai, a quen tanto admirabas e metiches no corazón de todos, dálle saúdos agradecidos de todos nós, que somos millenta. Non tardaremos en pasar pola perruquería. Verémonos.

Adeus, Bernardo. Sempre teu. Sempre amigos. Xaquín Campo Freire, Xaquín de Roca.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES