Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sarria na nostalxia

miércoles, 13 de junio de 2012
Hai preto de 40 anos, (24-6-75), publicaba “El Progreso” un artigo da miña autoría, titulado “Sarria, un pueblo importante”. Nel contaba cómo, dende a nenez, consideraba así este lugar que nen sequera coñecia: o motivo de tal calificativo viña dado polo que para mín era unha referencia de incuestionable obxetividade: na tenda de alimentación, que tiñamos na casa dos meus pais, había sempre latas de galletas das marcas “Venancio López” e “Barreal”, que levaban parello o nome da vila.

É doado comprender que para un rapaciño dos miserentos anos 40, un pobo que contaba polo menos con dúas fábricas de lambetadas tiña que ser, á forza, importante.

Pasaron os anos e, polos 50, xa un rapaz, estudante en Lugo, cheguei a Sarria. e descubrín outro sinal de grandeza: a señorial Sociedade “La Unión”… Alí, aos seus xardíns e salóns, acudíamos cada domingo a saciar a sede das ilusións xuvenís, atraídos pola beleza e o engado daquelas mozas; cita que, en ocasións se frustraban parcialmente, ao derivar a estadía na vila hacia as tabernas con bó tintorro e exquisito pulpo, que tamén entón descubrín. Os inexorables aconteceres da vida racharon por moitos anos coas visitas, pero os iniciais afectos prenderan xa, mesturándose a tenra lembranza infantil, coas vivencias ilusionadas da primeira xuventude…

Foi un domingo de maio de 1970 cando voltei a ela e, se ben tiña novas do seu desenvolvemento, á vista del admireime ante a evidencia. Aquel día detívenme nos Catro Camiños, volvín a saborear o pulpo que se cocía nas beirarrúas que, a soas, percorrín e comprobei cómo Sarria se transformaba; como medraba en importancia, pois a vila xa non era só as fábricas de galletas da nenez, a Sociedade a Unión, nen o viño e o pulpo das miñas lembranzas.

Sarria estaba en plena efervescencia comercial e industrial; as fábricas de mobeis, as granxas e chacineirías, marmolerías, etc. ían configurando a súa magnitude económica, gañada a pulso. Paralelamente, no eido cultural, xurdía “Meigas e Trasgos”, a obra inspirada e promovida por “meiga” tan fermosa e dinámica, tan vital, Carmela, que levou ó colectivo a conquerir grande prestixio en toda Galicia; e no deportivo, a Sarriana, que presidía Antonio Peña, colegas que fomos, dirixindo as oficiñas bancarias da mesma entidade nos pobos respectivos; e no lúdico e gastronómico “Litmar” que rexentaban Lolita e Osmar.

De contado fíxenme cunha chea de amigos: Marité Guillade e Víctor Villarabid, compañeiros en Radio Popular e El Progreso, repectivamente; Paco Pallares, que do meu pobo levou a súa media laranxa: Mari Conde; Lolita Rivela e Rebeca; Sobrado, Latorre, a quen a convivencia cos billetes e letras de cambio nono eximía de fino amante da cultura; Xosé Moreda ¸que a cotío camiña, con aire marcial, ergueito coma un carballo, polas rúas da vila; Anxel López (o Asturiano) e Irene, que na súa casa de Riosol tantas veces nos acolleron, e que na beiramar focega tiñan chalet que era ambaixada sarriá; Amparín, Rocío e Víctor coa súa ampla tripulación, en termos mariños; Dimas, Antonio (Paco de San Pedro); J. García Bernardo, vello amigo que, coa galanura que lle é propia, cada domingo nos da unha pincelada dos avatares da política local; Ezequiel; Patulas, mestre de barmans, Luis Parga, Genin, Somoza, Paillet, O Crudo, o doutor Anxel Iglesias….e os músicos superviventes da desaparecida Banda, que se acubillaban baixo a marca de “Os Ameneirizas”: Fernando, Ramón, Martucho (na súa bodega cántas veces bebín o viño da amizade!), Meixente, Paco “Xato”, etc. que un día enfadáronse comigo porque nun artigo chameilles “conxunto informal de música”. Aclarado o senso da frase, como non podía ser doutro xeito, quedou esquecida a anécdota, e tantos outros que, logo do tempo transcurrido, pérdense os nomes nos recunchos da memoria, ¡nunca as persoas!.

Non tardou en reorganizarse a Banda, que escoitei por vez primeira nos Remedios, no Alto do Cesar, na compaña e co asesoramento musical de Enrique Alvarellos, director da Coral de “Meigas”, logrando entón que actuara no San Lourenzo de Foz do ano 80. Foron tempos de xuventude e de ilusións que quedan na lembranza das mais entrañables vivencias. Tamén daquela prodigáranse as relacións entre xentes de ámbolos pobos, conseguindo que o concello focego dedicase ó de Sarria unha ampla rúa na zona residencial , que como tal perdura.

Volvín moitas veces a Sarria, sempre con ansias, pois confeso que me inclino polas persoas, polos pobos nos que atopo mútua simpatía, recíproco agarimo, amplitude de miras. O “estar a gusto”, fundamental para a convivencia, faise en min irresistible esixencia´; ocasións ledas unhas, tristes outras, nesa alternancia das motivacións da vida mesma. Volvín aos xardíns da Unión, ás súas Noites Meigas, mesmo para presentar os actos desenvolvidos nunha delas; participando na cea americana do San Xoan, ou instalando no seu local social unha exposición fotográfica da Ruta Pardo de Cela, organizada pola asociación O Mundo de Galea, da que son membro.

Nese intercambio cultural e co gallo do Día das Letras Galegas do ano 1987 - hai xusto 25 anos - o prestixioso musicólogo Canco López, entón un rapaz estudante no Conservatorio de Madrid, diu un concerto de piano no Clube Nautico de Foz, do que á sazón este cronista era Presidente.
No meo caótico arquivo hai constancia dun precedente de acto cultural levado de Foz a Sarria. Entre os numerosos impresos que gardo nel hai un anuncio que dí : “Teatro Salón- Sarria. Jueves, 26 de noviembre de 1936. Dos Grandes Funciones. A las 6 de la tarde y 10 y media de la noche.- A beneficio de Falange Española de las J.O.N.S. de Sarria, organizada por los camaradas de Foz, se llevará a escena la espléndida obra de Angel Custodio titulada “Los Cuatro Caminos”. Figura nela o reparto e os precios: Butaca, 2 pts.; Delantera 1,25 e Gral, 0,75.
“A este acto patriótico deben concurrir todos los vecinos de Sarria, cooperando con su arraigado civismo a engrandecer la labor de Falange en este Partido. Quien así no lo hiciere no merece calificativo de ciudadano ni podrá vanagloriarse de haber tomado parte en esta Santa Cruzada que a todos los buenos españoles nos está encomendada. Ciudadanos de Sarria: ¡¡ Arriba España!!
Pé de imprenta: Felipe Rodríguez. Porvenir, 8 .Sarria”.

O paso inexorable do tempo fai que se reduza a nómina dos amigos. A vida do ser humano, por moi longa que sexa, sempre é curta; o que de verdade importa é a da comunidade, dos que foron, dos que son e dos que serán; a continuidade. Desa cadea nós somos unha breve faísca, unha muxica entre dúas noites que nos chaman e nos engulen. I é que
“corazón: ya vamos viejos;
Ya van quedando muy lejos
Los recuerdos del ayer.
¡Ya ha nevado en mi cabeza!
Ya siento la enorme tristeza
De lo que no ha de volver”.

Cando por un casual atópome con Sonia López, admirada amiga, embaixadora da beleza, a simpatía e a intelixencia da muller sarriá, ó saudarnos garimosamente veñen á miña mente os versos de Campoamor que, na súa parodia, din:

“as netas das avoas que amei tanto
bícanme xa como se bica a un santo…”

Agradezo a invitación que se me fixo a colaborar no libro desta tradicional efeméride, que me permite activar tantos vellos episodios que tiveron por denominador común as felices horas da amizade compartida; e pois, como dixo o poeta francés Novalis, “os recordos son o único paraíso do que ninguén pode expulsarnos”.
-----------------------------

Logo de tantas inesquecibles vivencias nestas terras e con estas xentes, hoxe en día, un médico sarriano, o doutor Alvaro Franco, benquerido amigo, que Cupido afincou na vella e histórica Mondoñedo, é quen, dende o Centro Médico de Foz, terma da miña saúde. Cousas da vida!.
----------------------
P.D.: cando remato o relato que antecede chégame a nova da maternidade de Sonia. ¡Felicidades!. Vida e saúde para Lucas…

Sarria: sempre na nostalxia e no corazón. Boas festas!.

Foz, polo San Xoan de 2012
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES