Máis europeos ca onte
X.X. - lunes, 21 de febrero de 2005
A luns, vinteun de febreiro de dous mil cinco, pódese afirmar que hoxe somos máis europeos ca onte, pero menos ca un mañán impreciso no que se teñan consolidado este e outros resultados, e mesmo as nosas crenzas e querencia sociais.
Eu non sei a cantidade de euroconvencidos que votaron sí sabendo perfectamente o que votaban. Eu son da inmensa maioría - coido que é así- dos que votamos coa convicción de non ter máis remedio, e que o único camiño que pasa por Galicia e por España é o de avanzar conxuntamente cos outros vintecatro estados que conforman Europa nunha vía común que ten que empezar por un gran pacto de convivencia, chámese Constitución ou de calquera outra maneira.
O "sí" foi abrumador, aínda que se se pregunta polo contido da Constitución, moi poucos darían atinado con resposta axeitada. Pero non é a "trágala" que os españois presentaban a Fernando VII. Nós, nun xeito de "trágala" democrático e moderno, recibimos a oferta, e aceptámola de xeito entusiasta.
O "non" en Galicia é casi testemuñal -12,21%- en comparación co 28% de Catalunya e o 33,7% de Euskadi. E eso que os nacionalistas se preocuparon de abogar polo voto negativo nunha convicción que os honra pero que parece puro masoquismo diante da tendencia ou inercia mái-la necesidade de contar cun documento que non será o mellor pero sí consensuado e o mellor posible.
O electorado podía ter claro o "sí", pedido polos partidos maioritarios, pero o "non" estaba máis dificil xa que os nacionalistas galegos abogaban por el, mentras PNV e CIU -amigos e residentes nas outras dúas comunidades históricas- pedían o sí.
Se o 81% dos galegos votamos "sí", ben pode entenderse que Galicia aposta pola Europa posible e necesaria. E que cadaquén saque a conclusión que queira, que eu coido non pode ter aplicación clara a beneficio de ningunha forza política, pedise o voto coa boca grande ou coa boca pequena.
Somos, en verdade, máis europeos ca onte. E todos contentos. Ou a maioría, porque nin siquiera a choiva cae a gosto de todos.

X.X.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora