Da pregunta á controversia
martes, 12 de junio de 2012
O lector que teña a paciencia de seguir esta temática, xa sabe que o home é un animal de realidades. Isto é o orixinario, o PRIUS, o antes da súa racionalidade. Aínda que adoita dicirse que o home é un animal racional (isto é verdade, pese a que non sempre o parece), non apanda coa realidade porque sexa racional, senón que é racional porque así llo esixe a súa condición de animal real, implantado na realidade (isto explicámolo noutro artigo): Os outros animais non viven nun mundo de realidades; viven nun mundo de estímulos. Xustamente por iso, os animais responden ás esixencias do medio instintivamente; o home ten que enfrontarse cunha certa indefinición, formulando preguntas, establecendo hipótesis de investigación nos máis diversos campos da realidade, e analítica e dialóxicamente controvertendo cos seus semellantes. Pero vou a limitarme aquí a PREGUNTA e á CONTROVERSIA.
Dicir que está comprometido coa realidade é unha consecuencia do anterior, cando menos en dous sentidos: O mesmo home non é alleo á realidade, e, intelectivamente, non pode evitar o seu contacto con ela. Mais este contacto ten un modo especial, o PROXECTO, que como di Laín Entralgo, é unha VOLICIÓN e, á vez, unha PREGUNTA. Expresao nos seguintes termos: En suma: mi viviente y constitutiva necesidad de futurición y el modo de mi relación con la realidad son causa de que mi existencia sea proyecto y pregunta, páxs. 508-509, na súa obra La espera y la esperanza, Alianza Editorial, 2ª ed., 1984, Madrid.
Comezo ocupándome brevemente da pregunta na súa perspectiva de SONDAXE, porque quen pregunta sonda a realidade, busca, pescuda, persegue e procura aquilo que inda non encontrou, o que non ten ó seu alcance, o que necesita e preocúpalle, e, polo tanto, manteno en constante desacougo. Pero, por paradoxal que pareza, o home cando pregunta está xa apuntando á contestación. Quizabes sexa por iso polo que é tan difícil preguntar ben: As preguntas impertinentes, frívolas e equívocas, acaban producindo frustración e levan a manter o descoñecemento.
Para sondar hai que dirixirse ó fondo e experimentar o tacto do que desexamos encontrar. Veo así Laín Entralgo cando acude a semántica etimolóxica do preguntar, que ven do verbo latino percontari, e este, a súa vez, según opinións documentadas, deriva de contus, que significa pértega, unha vara larga que serve para furgar no fondo do río, por exemplo, para sondalo. Tamén cando preguntamos a outro home (ou muller, claro) ou á mesma realidade acerca de algo podemos dicir, metafóricamente, que estamos sondando o interior daquel (ou daquela), a touca da estrutura da realidade, para encontrar nela solucións ós nosos problemas, en canto posibilitante que é aquela, respondendo así á súa impelencia sobre nós; ou buscando acougo a nosa inestable e inqueda existencia, coma último recurso. Porque o home / a muller nunca poderá encontrar solucións nin realizar os seus proxectos fora da realidade, nin tan sequera cando o fai na transcendencia, que segue sendo realidade, aínda que transcendental.
Pero cando a pregunta é unha sondaxe na interioridade doutro ou doutra,
entón pode xurdir un caso de confrontación, e se esta se produce no ámbito das conviccións o acougado diálogo pode adquirir matices moi diversas. É que o home encóntrase nunha excepcional situación comparado con outras especies: Necesita descubrir o que está cismando o cerebro do veciño e ten que aprender os distintos avatares da vida social. As pelexas entre teólogos e científicos acostuman ser un bo exemplo, rutilante cando se produce entre a burocracia eclesiástica e a ciencia nas mans dos ideólogos. Hai unha anécdota que sempre lembro. Thomas Huxley, naturalista inglés, e o bispo Samuel Wilberforce, en Oxford, no ano 1.860, tuveron unha controversia verbo do evolucionismo, que recolle John Polkinghome no seu libro Ciencia y Tecnología, editado en Sal Terrae, Santander, no ano 2.000, quen na páx. 19 di: La leyenda da cuenta que el obispo fue tan imprudente como para preguntarle a Huxley por parte de quien era descendiente él del mono, si por parte de su abuelo o de su abuela. Esta táctica de tan mal gusto provocó una dura réplica de Huxley, quien aseguró que prefería tener por antepasado a un mono que a un obispo que no deseaba reconocer la verdad. (Dr. Torres Queiruga, tu ben sabes
!).
En todo caso, o importante non é a anécdota en si, senón o feito de que, nunha controversia desta natureza, non se queira sondar até onde sexa posible, para dilucidar a cuestión coa racionalidade que ofreza o contexto científico, e a razoabilidade noutros campos do saber humano.
Na actualidade abátannos, por un costado e polo outro, coa problemática do aborto: Abortistas, por un lado, que non sempre coinciden cos non-crentes, e antiabortistas, polo outro lado, que tampouco coinciden necesariamente cos crentes, obstínanse en confundilo todo, extrapolando argumentos do campo da ciencia ó da ética, psicoloxía, socioloxía e relixión, ou, ó revés,
distributivamente. De tal maneira que dun aserto científico queren derivar unha conclusión ética, ou, no seu caso, relixiosa; e dun efecto psicolóxico, extraer resultados válidos para estas disciplinas. Pero tampouco é menos certo que o que é razoable para a ética ou a relixión, non necesariamente ten que ser racional científicamente.
Coma consecuencia pódese establecer a frecuencia en confundir, no caso do aborto, o concepto de xerme do home/muller, co de home/muller xerminante, que a mesma ciencia non parece que sexa capaz de delimitar con seguridade e precisión científica, e isto parece decisivo á hora de tomar decisións.
Traigo aquí estes exemplos de controversias para poñer de relevo como a condición de inquiridor do home/muller venlle esixida, a súa vez, pola de ser un animal de realidades
e compromete a súa inmersión nas controversias, que se ben teñen orixen máis ou menos remoto na mesma realidade, non sempre se manteñen nela con vontade de verdade real, senón que se escorregan a unha vontade de verdade de ideas.
Rubal, Pedro