Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bimilenario de Lugo

jueves, 07 de junio de 2012
Bimilenario de Lugo O BIMILENARIO FOI POSIBLE GRAZAS Á IMPLICACIÓN DE MINISTROS LUGUESES E Á XESTIÓN DO COMISARIO JOSÉ LUÍS HERNANGÓMEZ SASTRE

Ver mundo é conveniente porque non só ilustra, senón que tamén serve para que nos comparemos cos demais, para saber en que niveles estamos de desenvolvemento social, económico e cultural. Sendo alcalde de Lugo, Fernando Pedrosa Roldán, recibiu unha invitación do seu colega de Badalona para que asistise aos actos do Bimilenario daquela localidade, a antiga Baetulo romana, do que se deduce que o anfitrión polo menos sabía que Lugo era unha cidade de orixe romana, que xa non é pouco.

Ao regresar ao alcalde ocorréuselle que aquí tamén se podía conmemorar a efemérides, e expuxo a súa idea na sesión celebrada pola Comisión Provincial de Monumentos o 5 de maio de 1973, dous anos antes de que se celebrase o evento. Todos os membros da Comisión foron favorables á proposta porque consideraban que o acontecemento tiña importancia para o coñecemento da historia da cidade e a súa promoción turística.

Pero naquela época sabíase menos do Lugo romano do que se sabe agora, ata o punto de que se ignoraba cando se fundara a cidade. Por iso o alcalde pediu a un latinista, o catedrático Manuel Cecilio Díaz e Díaz que tratase de dar algunha noticia relacionada coa fundación.

Unha oportunidade para facer obras

Desde aquela pasaron 35 anos de cambios moi profundos en todas as ordes, pero moi especialmente na percepción do cultural. A cultura deixou de ser minoritaria, duns poucos, pasando a popularizarse, a estar ao alcance de todos, labor na que tiveron un papel moi importante as políticas desenvolvidas por todas as administracións, e tamén o aumento do nivel económico e de formación.

Hoxe vese neste tipo de eventos como un xerador de riqueza, material e persoal; unha oportunidade para promocionar a cidade de cara ao turismo, coa consecuente repercusión económica; chamar a atención das institucións para conseguir financiamento destinado a conservar e revalorizar o patrimonio histórico artístico da cidade, e para que os investigadores fagan tamén as súas achegas para o mellor coñecemento da súa historia.

Hoxe pode resultarnos curioso ver cales eran as aspiracións das autoridades en 1973. Facer unha fonte monumental, que é a da Praza do Rei, construír un auditorium, que pasados trinta e oito anos aínda non o conseguimos, facer un desfile de vestimentas e representación de costumes da época romana, que non se fixo pero que actualmente podía ser o Arde Lucus, unha exposición de obxectos romanos, que hoxe temos non só no Museo Provincial senón tamén na Sala Porta Miñá e en diversos xacementos musealizados in situ.

Un segoviano como organizador

Pero o difícil é materializar as ideas dos que todos estamos sobrados. Para desenvolvelas fan falla currantes. O 28 de xuño de 1974, sendo alcalde Antonio Pol González, presentouse unha moción propondo a celebración do Bimilenario para 1975. Ademais das actividades que se adoitaba facer en Corpus, fundamentalmente a Semana de Música, e as festas de San Froilán, pretendíase que houbese concursos literarios e folclóricos, exposicións históricas e artísticas, conferencias, visitas ao museo e aos nosos monumentos, veladas e recitais ao aire libre ou en recintos pechados, excursións a monumentos de época romana, espectáculos de luz e son na muralla, Santa Eulalia de Bóveda, no Apodyterium das termas, na Praza do Campo, no claustro do Museo, etc.

Na moción propúñase a creación dunha Comisión a prol do Bimilenario, da que formarían parte, ademais do Concello, a Deputación, e as delegacións provinciais dos ministerios de Información e Turismo e de Educación e Ciencia, a Comisión Provincial de Monumentos, a Comisión provincial de Belas Artes, a Asociación da Prensa, o Círculo das Artes, a Sociedade Filarmónica, bancos e caixas de aforro, e aquelas persoas que pola súa actividade se considerásen necesarias.

A pesar de ser tomada en consideración o tema non arrincaba porque faltaba o xestor que o puxese en marcha. A finais de 1974 houbo cambio de gobernador e a actuación do novo, José Antonio Barreira Maseda, foi decisiva para polo en marcha. O alcalde convocou unha reunión o 29 de decembro con representantes dos organismos e das entidades citadas, na que Mauro Varela, que era o presidente do Círculo das Artes, propuxo o nomeamento dun comisario, remunerado, sen o cal non sería posible desenvolver un programa de actividades. Foi designado para tal fin, sen remuneración, o segoviano José Luís Hernangómez Sastre, que fora nomeado delegado de Información e Turismo o 24 de febreiro de 1975. Eu fun testemuña dos traballos e amarguras que pasou para sacar adiante o evento, con problemas burocráticos e escaseza de medios económicos e humanos.

O seu labor foi magnífico. Tamén se crearon sete comisións: Cultura, Facenda, Festas, Turismo, Aloxamentos, Relacións Públicas e Prensa e Radio.

O Padroado e o Comité Executivo

Na Voz de Galicia dicía Rafael Vilaseca algo moi importante: “Para una cosa así, no basta ni la Comisión de Fiestas ni unos meses de preparativos”. Pero as cousas fixéronse coas formalidades debidas para garantir o éxito da conmemoración. Para iso o Consello de Ministros aprobou o 12 de setembro de 1975 a creación dun Padroado, cuxo borrador de decreto foi aprobado polo Comité do Bimilenario. Estaba presidido polo ministro da presidencia do Goberno, o lucense Antonio Carro Martínez, sendo vicepresidente Ramón Falcón Rodríguez, que era o Comisario Nacional do Patrimonio Artístico e Cultural. Tamén había representantes de varios ministerios.

O 20 de novembro morre Franco, cámbiase o Goberno e xa que logo variou a composición por acordo do Consello de Ministros de 7 de maio de 1976, pasando a ostentar a presidencia Manuel Fraga Iribarne, vicepresidente do Goberno para Asuntos do Interior e ministro da Gobernación, e a vicepresidencia pasa a Carlos Robles Piquer, ministro de Educación e Ciencia e cuñado de Fraga. Xa que logo o Padroado volvía estar en mans de lugueses. O ministerio de Educación e Ciencia nomeou como vocais a Antonio Carro Martínez, José Trapero Pardo, Narciso Peinado Gómez e Álvaro Cunquiero Mora-Montenegro.

Un Comité Executivo, presidido polo gobernador civil, era o encargado de cumprir os acordos do padroado. O alcalde e o presidente da Deputación eran vicepresidentes, ostentando o cargo de vocais representantes das comisións e os delegados de Educación e Ciencia e de Información e Turismo.
De Abel Vilela, Adolfo
De Abel Vilela, Adolfo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES