
Os da UNED Senior fixemos unha viaxe moi especial, para coñecer o noso contorno. Non fomos lonxe; fomos coñecer, máis de cerca, as xoias arquitectónicas das nosas parroquias, as que visitamos cada domingo para ir á misa. Pero agora foi para admirar a súa beleza, e escoitar as sempre interesantes explicacións de quen nos guía nestes itinerarios.
Visitamos, en primeiro lugar, a igrexa das Dolores de Labrada, de estilo románico de transición ao gótico, con pinturas románicas, da mesma época, en moi bo estado de conservación. A continuación, a ermida de San Vitorio, na serra da Loba, e a pegada de Roldán, que se atopa alí moi perto.
Seguidamente, San Pedro de Cambás, románica, cun retablo barroco moi interesante. Despois, San Pedro do Val de Xestoso, románica, con planta de cruz latina, reformada a finais do século XIX(1.897). Logo, en Alto Xestoso, a ermida de San Cosme, moi interesante. E a igrexa parroquial, barroco tardío, de transición ao neoclásico. E, por último, San Mamede de Momán, dos séculos XVI e XVII. Destaca, especialmente, no seu interior, a talla do balaústre do coro e máis a dos confesionarios.
Tamén nos chamaron a atención as canterías dos panteóns dos diferentes cimeterios, de mediados do século XX.
Foi unha viaxe especial e moi interesante. E se algo temos que elixir, quedámonos coas pinturas de Labrada.
A pisada de Roldán
Conta unha antiga lenda que Roldán, coñecido cabaleiro de Carlomagno e paladín dos Doce Pares de Francia, representado moitas veces na imaxinación popular coma un xigante (coma nesta ocasión), viña no seu cabalo por estas terras, perseguindo a dúas irmás mouras. Como non as daba alcanzado, baixou do cabalo e lanzoulles unha maldición que as convertiu en pedra, no lugar hoxe chamado Pena de Entrámbalas Irmás (unha das penas foi destruída hai uns anos, pero os que as teñen visto aseguran que eran iguais). A pegada que deixou Roldán ao baixar do cabalo quedou impresa nunha rocha que pode atoparse xunto á ermida de San Vitorio, na Parroquia de San Pedro de Cambás.
Tamén se dicía das mámoas que hai preto do lugar, que eran as pisadas do enorme cabalo. Tras maldicir as dúas mouras, Roldán chegou dun só salto á Pena Ferreira, monte situado tamén na mesma parroquia, pero a considerable distancia da pisada.
É posible que esta lenda proceda dunha versión moito máis antiga, polas características que comparte con outras lendas, procedentes de países europeos cunha clara base cultural celta (como poden ser Irlanda, Escocia, Gales, Cornualles, Man, Bretaña, etc.), onde están moi presentes as historias de mouras, xigantes, petrificación e culto ás rochas
Sen embargo a lenda, tal como veu ata nós, parece ter un orixe medieval, en canto ao emprego da figura do cabaleiro francés Roldán (coma no caso da lenda da cidade de Malverde, fundida na lagoa de Carregal, Corrubedo) como heroe mitolóxico, con cualidades sobrehumanas.
Podería tratarse dunha lenda dunha tradición oral máis antiga, cuxos aspectos pagáns foron sustituídos por outros máis de moda naqueles tempos, coma os propios da épica medieval.
A pisada sitúase preto da ermida de San Vitorio e do cruceiro do mesmo nome, que á súa vez están sobre a Serra das Medoñas do Galiñeiro (as tales medoñas son en realidade as mámoas das que antes falabamos), o que fai tamén posible que o motivo da construcción da ermida nese lugar sexa a cristianización de lugares de culto pagán (nunha época posterior, pero aínda vivo), a modo de exorcismo ou de adaptación da Igrexa ás necesidades relixiosas da xente de entón. En canto aos lugares de culto pagán, tanto pode tratarse das devanditas medoñas coma da pisada, que non é máis que unha formación xeolóxica orixinada pola erosión da rocha, pero que na antigüidade puido ter un significado diferente ao que a lenda lle dá (culto ás rochas). Nesta Ermida de San Vitorio, celebrábase ata non hai moito unha romaría (22 de maio), á que a xente acudía coa merenda, feita na casa, e durante a cal se subastaban diversas pezas de carne que a xente fora levando como ofrenda ao santo durante o ano, pola curación dun animal (se o animal curaba, tras pedirlle ao santo que o fixera, cando se mataba o animal, algunas pezas eran ofrecidas na ermida, para logo ser subastadas).
Tamén existían tradicións coma a de quitar unha astela da porta da ermida, o día da romaría, a de depositar unha esmola na xanela do lado sur. A ermida e o seu cruceiro foron construídos en 1560. A primeira está feita de granito e cuberta de ou pizarra e ten un cabido na parte frontal, mentras que o segundo, asentado sobre unha plataforma cuadrangular de dúas gradas, rematada nun pedestal tamén cuadrangular e con vara de sección octogonal. No anverso da cruz pode verse a Cristo crucificado, e no reverso á Virxe en actitude orante.
No extremo nordés da Serra das Medoñas do Galiñeiro álzase outro cruceiro: o Cruceiro da Loba. Este outro cruceiro, cunha plataforma cuadrangular de tres gradas, pedestal cúbico, vara de dobre sección (cuadrangular e octogonal), capitel tamén cuadrangular e cruz achaflanada e florenzada, debe o seu nome á bandoleira Pepa a Loba, da que se coñece a súa existencia, pero cuxa biografía é case totalmente lendaria. O seu alcume deu nome igualmente á Serra da Loba, que se acha preto de tódolos lugares anteriormente descritos.