Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As gramáticas na xustiza

miércoles, 06 de junio de 2012
Seguramente que non todos nin a maioría dos xuíces son de extrema dereita nin tan sequera de dereitas, pero si é ben certo que non son de esquerdas, aínda que tal localización non debería influír nas súas decisións.

Este inciso vén ao caso pola durísima condena que o Tribunal supremo dictou contra o xuíz Baltasar Garzón.

Supoño que non será delicto afirmar que a lectura e a interpretación que fan do artigo 51.2 da Lei xeral Penitenciaria os maxistrados Prego, Marchena ou Luciano Varela é, cando menos, moi discutible desde un punto de vista filolóxico e gramatical. Literalmente, a Lei di que a comunicación entre o recluso e o seu avogado soamente pode ser interceptada "por orde da autoridade xudicial e nos supostos de terrorismo". A redacción é confusa: pode considerarse que soamente permite a intervención nos supostos de terrorismo ou sempre que a autoridade xudicial o considere oportuno en calquera tipo de delicto, polo tanto, en caso de dúbida non pode haber condena, pois, in dubio, pro reo.

O que pasa é que Garzón foi ao miolo: franquismo e financiamento do PP, porque, aínda que a dereita non sempre gobernou, sempre tivo o poder e agora, ademais, “como Díos manda”, segundo Rajoy.

Garzón estivo condenado “ab initio” mediante unha estratexia calculada, premeditada e ben artellada, pero iso non exime ao Tribunal Supremo dun supremo erro. Por parte do xuíz Garzón non houbo prevaricación, delicto que supón dictar unha sentenza inxusta, é dicir, contraria a lei, a propósito, adrede e, ademais, con plena conciencia de incumprir a Lei.

Tomando como base a redacción citada do artigo 51.2, a sentenza condenatoria de Garzón non proba que as resolucións de Garzón sexan ilegais e, en consecuencia, deixa de ter sentido que se cometan a propósito, a sabendas. Aínda máis, a cuestión da intervención destas comunicacións está pendente dunha Lei que as regule.

O propio Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ten reclamado en varias ocasións a España que lexisle sobre esta materia. Se non hai Lei non hai delicto, pois, o criterio particular dos xuíces non é Lei, por moi respectable que sexa.

Desde a mesma RAE, afírmase que o texto do artigo 51.2 préstase a máis dunha interpretación, pois podería entenderse que a comunicación soamente pode ser interceptada cando coinciden ambas circunstancias: que exista unha orde xudicial e que se trate dun suposto de terrorismo, pero tamén é posible entender que a comunicación soamente pode ser interceptada se hai unha orde da autoridade xudicial ou se se trata dun suposto de terrorismo.

Garzón apártase de xurisprudencia do Tribunal Supremo, pero esta xurisprudencia non é vinculante, e se se equivocase, tampouco esta circunstancia convertería a súa actuación en delicto,ademais, sempre quedarían instancias superiores para realizar a pertinente corrección. Desta opinión son prestixiosos estudosos do Dereito, entre outros, Francesc Carreras, catedrático de Dereito Constitucional da UAB e un grupo importante de maxistrados e fiscais eméritos e en exercicio.

Ademais da Gramática da RAE existe na mentalidade popular a “gramática parda ou lingua do demo”, que era como se denominaban os métodos contables utilizados polos comerciantes venecianos. Non é posible pensar que as Súas Señorías do Tribunal Supremo recorresen a tal estratexia, por outra parte tan vulgar.

Ë moi coñecida a anécdota que se atribúe, unhas veces a Carlos V e outras a Filipe II, cando se mudou a puntuación dunha sentenza que dicía:”Perdón imposible, que se cumpra a condena” por outra que dicía: “Perdón, imposible que se cumpra a condena”, que modificaba totalmente o resultado.

Creo que as Súas Señorías non caerían na vileza de botar man da Gramática Parda, entre outras cousas, porque, ademais de vulgar, saben moi ben onde colocar os puntos e as comas e, sobre todo, os acentos.

Desde o inicio xa se sabía moi ben que estaban xulgando ao condenado, non entrou en sala como acusado, senón como condenado.
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES