As mulleres do César
Editorial - lunes, 04 de junio de 2012
A referencia á muller do César, a forza de ser manexada, tense incorporado como tópico ás nosas expresiós cotiáns, e constitúe referencia obrigada cando se mencionan persoeiros públicos aos que cabe esixirlles, aínda que só sexa nominalmente, un comportamento e claridade semellante ao da matrona romana.
O último dos homes públicos en ser colocado na inmaterial picota dos xuizos populares ten sido a máxima figura da xustiza española, que ven de xustificar publicamente tres millóns das antigas pesetas por gastos efectuados na súa cidade de Marbella, en ducia e media de fins de semana dos tres últimos anos.
Malo é estar suxeito a calquera proceso xudicial, pero moito peor é estar sometido ó xuizo popular porque os trámites son heterodoxos, as comparecencias máis publicadas ca públicas, e os veredictos aplicados de antemán. E neste caso, a comparecencia do popularmente inculpado non ofreceu argumentos no seu favor, e a imaxe facilitada foi unánimemente criticada polos que podemos facelo, que somos lexión multimillonaria.
É imprevisible, agora mesmo, prognosticar que vai pasar con esta autoridade do Estado que non soubo facer humilde a súa presencia nin xustificar o que aparentemente é inxustificable. E se unha cousa así lle acontecese á muller do César, a coroa de loureiro caeríalle áo primeiro cidadán de Roma pola caluga abaixo, ablandada por un suor frío que non é sinal de nada bo.
As mulleres do César tiñan unha pesada carga. Pero ninguén dixo que os altísimos cargos sexan doados de desempeñar.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora