Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Primitivo Condado Durriense

miércoles, 16 de febrero de 2005
No volume nº 9 da Gran Enciclopedia Galega, que editan conxuntamente os xornais El Progreso e Diario de Pontevedra, cando se estudia a historia do Concello de Castro de Rei, sinálase que “a parroquia de Duarría, nos primeiros anos da Reconquista, era a cabeza do condado Durriense” (GEG, vol. 9, páx. 62). Sen embargo, parece claro que se trata dun erro de identificación, ao confundir esta parroquia coa de Dorra (Antas de Ulla), como se desprende da análise de diversa documentación medieval.

O discutible Concilio Lucense de 569, na época da monarquía sueva, establece a división da diocese en once condados. O oitavo, o Durriense, aparece delimitado desta forma: Octavus Comitatus Durriensis (no Liber Fidei, Durrensis) dicitur, levat se in monte Summio ( na Colección Diplomática de Cañizares, Summo), & vadit per ipsos terminos, qui sunt inter Comitatus Decensem, & Durriensem, usque in flumine Ullioa; & alia parte levat se in monte Auto, & venit ad Portellam de Linares, & pertransit ad Mamola (No Liber Fidei, Mamula) de Gutilanes, & deducitur ad illa Aspera super Corcelli (no Liber Fidei e en Cañizares, Carcelli), & inde ad Covello (no Liber Fidei, Copello), & rectalinea ad Castro Temondi, transiens super monte Calvo, veniens ad illas Cruces qui extant inter Ulliola (no Liber Fidei e en Cañizares, Uliola et Durria), & pervenit indirectum ad Castrum Luctuoso (no Liber Fidei, Lotoso; en Cañizares, Lutoso), & inde ad illo Castro de Rio de Lua, & inde vertitur ad illas Cruces ubi determinatur Durria, & Ullioa exiens indirectum ad Lardarios Castrum, deveniens ad Castrum Martiani (no Liber Fidei, Castrum Martianum; en Cañizares, Castrum Martiniani) & inde ad Gutilani usque ad Baratroy veniens ad montem Porrino justa Leporario super Ulliola, indirectum vadens ad aquam Ulliae ibi finitur (RISCO, Manuel: España Sagrada, vol. XL, páxs. 347- 348).

Aínda que resultan difíciles de identificar bastantes topónimos, intentarei establecer de maneira aproximada os límites deste condado. A parte sur debía estar delimitada polas Serras do Faro e Farelo (o Monte Sumio), onde comezaba o condado do Deza. Dende aquí, pola parte oeste, seguiría a actual división entre as provincias de Lugo e Pontevedra, ata chegar ao río Ulla. A fronteira leste viría dada polo lindeiro do Condado de Pallares, que ía desde o Monte de Meda (O Picato) ata o Monte do Faro (Véxanse os termos deste Condado no Xornal El Progreso do día 7-1-04, páx. 15). O linde norte é o que ofrece maiores dificultades. Dos topónimos reseñados, Montouto semella referirse ao lugar da parroquia de Gomelle (Guntín), pois, aínda que Portela de Liñares non existe na actualidade, si sabemos que era un dos límites do couto do bispo lucense no ano 1027 (Lucensia, 5, páx. 170) e 1078 ( España Sagrada, vol. XL, páx. 420). Posteriormente, seguiría polos lugares de Covelo (parroquia de Palas de Rei), Monte Calvo, Lodoso (Castrum Lutoso), quizás O Castro de Novelúa (Castro de Rio de Lua) Lardeiros (Castrum Lardarios), posiblemente Marzá e terminaría en Leboreiro (Melide), desde onde volvería ao río Ulla, tal vez preto da actual parroquia de Ramil (Palas de Rei), completando deste xeito a delimitación occidental. Así pois, o lugar de Durria, que daría nome ao Condado, corresponderíase coa actual freguesía de Dorra.

O tamén discutido Testamento do Bispo Odoario, de 747, refírese ao territorio de Dorra, xa que unha das igrexas que este benfeitor doa a Santa María de Lugo é a igrexa de San Cristovo de Novelúa (España Sagrada, vol XL, páx. 358). Esta mesma igrexa e a de San Miguel de Penas volven aparecer localizadas en Dorra no refutado Coelicolae Gloriosae de Afonso III (España Sagrada, vol XL, páx. 390).

O investigador García Conde considera que o conde don Froilán ou Fruela que aparece no documento máis antigo da Catedral de Lugo, do ano 861, podería ser o titular dese condado (Episcopologio Lucense, 56). O que si parece máis seguro é que aínda era un condado insigne no ano 899, data na que Afonso III erixiu a segunda igrexa de Santiago. Á súa consagración asistiron once condes, entre eles un “Veremundus turrensis comes”, que segundo o prestixioso investigador citado máis arriba habería que ler “durrensis” en vez do inexistente “turrensis” (Episcopologio Lucense, 56).

Este condado trasladouse posteriormente a Monterroso. Un documento do Mosteiro de Oseira de 1112 dinos agora que o seu señorío era exercido por Munio Peláez: Monio pelagiz dominans in Monterroso (ROMANÍ MARTÍNEZ: Colección Diplomática do Mosteiro Cisterciense de Santa María de Oseira, vol. I, nº 10). Noutro pergameo de Vilar de Donas, do ano 1262, cítase especificamente o condado de Monterroso: tenente comitatu de Monte Roso dominus Alfonsus Alfonsi (NOVO CAZÓN: El priorato santiaguista de Vilar de Donas en la Edad Media, 234). Con todo, en documentos de Oseira do ano 1245 aínda aparecen dous tenentes, un en Monterroso e outro en Dorra: tenente Montem Rosum Ruderico Gomez, tenente terram de Dorra F. Arie (ROMANÍ MARTÍNEZ: op. cit., vol I, nº 562).

Sirvan, pois, estas liñas para situar o primitivo Condado Durriense nas terras da Ulloa, condado que comprendería os actuais concellos de Antas de Ulla e Monterroso, e a parte sur do de Palas de Rei.
Vázquez García, Carlos
Vázquez García, Carlos


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES