Querida primavera
Fernández, Ruth - lunes, 04 de junio de 2012
Alteracións no sono. Complexos vitamínicos. Cambios de humor. Todo anuncia a chegada da primavera, ata que, de súpeto, vén visitarnos a neve, esa capa branca que limpa o espírito de malos pensamentos, que varre a melancolía lembrando o malestar a causa do que non puido ser, mesmo en asuntos nos que o único que manda é o corazón
Caen as folerpas e todo se volve máis doce, cheo de tenrura, mesmo a ollada que noutrora se vía cargada dunha agresividade non xustificada.
Imaxino caer as folerpas, tal como me describiron a caída da neve primaveral nas montañas de Lugo e Ourense. Estamos pretiño do mes de maio e seguimos sentindo a ameaza dos copos de algodón sobre as nosas almas
Que estampa tan deliciosa! Que sabor máis doce o da branca neve caendo fóra da nosa fiestra, mentres sentimos o agarimo dun mantón ou dunha estola de pel e desfrutamos dunha taza de chocolate fumeante
Apetece vestir con roupa fresca, de verán
e tivemos as pasadas semanas uns días estivais, pero volveu o clima de abril, a chuvia, o frío
e non parece que vivamos xa mergullados en tempo de primavera. Seguimos coas botas ata os xeonllos, precisamos nas primeiras horas da mañá as luvas, tratamos de non esquecer a bufanda, o abrigo non intentamos cambialo polas americanas de primavera
Pero na memoria xa están, polo calendario que nos recorda a estación que vivimos, os poemas que teñen na primavera o seu motivo principal, como aquel de José Martí que dice Con la primavera/ viene la canción,/ la tristeza dulce/ y el galante amor. Quen non lembra os versos de Bécquer ao dicir que mientras haya en el mundo primavera,/ ¡habrá poesía!?
Lorca falaba do secreto da primavera no poema Idilio e quen non oíu algunha vez as citas de Pablo Neruda que din Podrán cortar todas las flores, pero no podrán detener la primavera ou Quiero hacer contigo lo que la primavera hace con los cerezos. O motivo da primavera inúndao todo, as nosas vidas, a poesía, a arte... cunha música esencial: a do amor, a da feliciadade e a ilusión, que ás veces esquecemos cando temos algún día malo, algunha mala experiencia.
Neste punto quixera lembrar unhas palabras atribuídas a Albert Espinosa nun xornal do venres 13 de maio. O guionista e escritor, autor de Si tú me dices ven lo dejo todo... pero dime ven e Todo lo que podríamos haber sido tú y yo si no fuéramos tú y yo (das que xa falei nestas páxinas), que permaneceu dez anos hospitalizado tras sufrir un cancro, e que con dezanove anos xa perdera unha perna, un pulmón e medio fígado pola doenza, asegura que non existe a felicidade, existen os días felices. Se consegues selo catro días ao mes, podes considerarte afortunado.
Aproveitemos a primavera para ser un chisco máis felices. Que cada día estea salpicado por miles de gotas de felicidade. Cando o que cae sobre nós son risos, ledicia e amor non importa que esa chuvia, ou esa neve, nos enchoupe de pés a cabeza. Gústame, repito, nese caso, non levar paraguas.

Fernández, Ruth
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora