Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aniversario do Bimilenario de Lugo

jueves, 31 de mayo de 2012
LUGO DEBERÍA CELEBRAR O 40 OU O 50 ANIVERSARIO DO BIMILENARIO

Unha oportunidade para consolidarnos como destino turístico e terminar os proxectos arqueolóxicos e museográficos pendentes

Teño feito a suxestión de que se celebrase en 2029 os 900 anos do inicio da construción da nova catedral. E non hai moito tempo desenvolveuse en Santiago o programa de actividades conmemorativas do VIII Centenario da catedral cun financiamento de 8 millóns de euros, dos que 5,5 foron para diversas obras de restauración no primeiro monumento da cidade do Apóstolo.

Foi unha iniciativa do Consorcio de Santiago, que preside o seu alcalde, órgano participado polo goberno central, autonómico e local, que o mesmo restaura os retablos dunha igrexa, como a das Ánimas, como constrúe un novo museo, como o das Peregrinacións, ou axuda aos particulares na rehabilitación das vivendas do recinto histórico, ou conmemora un evento como o citado.

Á vista deste exemplo santiagués, pódese ver para que serven este tipo de consorcios e efemérides. Por unha banda para atender e pór en valor o patrimonio histórico e artístico, e por outro para manter a atracción do turismo logo de finalizado o Ano Santo.

Aos lucenses estes eventos tamén nos deberían de servir para compararnos e preguntarnos se os demais o fan por que nós non. A pobreza coa que aquí se programan conmemoracións, fainos sentir envexa allea, xa que contrasta coa xenerosa participación pública que se dá noutros lugares, como o caso de Santiago de Compostela. Nesas condicións de precariedade era mellor non facelas.

En Lugo, cun monumento Patrimonio da Humanidade que non explotamos, andamos financieramente á mioca, e quérennos conformar con calquera cousa. Incomprensiblemente deixamos pasar a oportunidade de crear un ente, consorcio, fundación, ou o que fose, cando gobernaba o bipartito na Xunta e o PSOE no goberno central, os gobernos amigos, utilizando a demagóxica e prática terminoloxía de Fraga, e agora, polo que estamos vendo, nada debemos de esperar do actual que ten paralizados todos os proxectos relacionados coa arqueoloxía e algúns coa rehabilitación postos en marcha polo goberno anterior.

Unha efemérides celebrada en data equivocada

En 1975 celebrouse o Bimilenario da fundación da cidade pensando que o fora no ano 25 a.C. A súa orixe sería un campamento militar instalado nunha penichaira rodeada polo SO polo río Miño e o seu afluente o Rato ou Chanca polo L, e o motivo a primeira fase das chamadas Guerras Cántabras.

Hoxe sabemos que Lvcvs Avgvsti, o actual Lugo, fundouse entre os anos 15 ao 13 a. de C., por un legado do emperador Augusto, posiblemente pertencente á súa familia, chamado Paulo Fabio Maximo. Por iso a efemérides debería de terse celebrado entre 1985 e 1987.

A clave da data de fundación deuna o formato dunha peza de granito de grandes dimensións que se atopou na escavación dun solar da Rúa dos Cregos, coa inscrición:

V(rbis) C(onditori) A(ugusto) / M(omumentum) /Caesaris / Paullus Fabius / Maxumus / Legat(us) Caesari

Monumento a Augusto, fundador da cidade, Paulo Fabio Máximo, legado de César, faille esta dedicatoria ao César.

En realidade o texto xa era coñecido desde facía dous séculos, pois era a terceira inscrición que aparecía con este texto, a primeira foi descuberta en 1772 na Porta de San Pedro, e colocouse nas escaleiras do concello, posiblemente por que algún latinista intuíu que facía relación coa fundación da cidade, e alí estivo ata 1940 en que pasou ao Museo Provincial. A outra atopouse a principios do século XX na parte interior de Porta Miñá, de onde foi retirada en 1946. Pero estas pezas epigráficas, que posiblemente pertenceron aos cipos que delimitarían o pomerio ou espazo que ocuparía a cidade, estaban fragmentadas, e quizais por iso ninguén sospeitou que facían referencia á súa fundación.

40 ou 50 anos do Bimilenario

Calquera pretexto é bo para promocionar a cidade con vistas a fomentar o turismo e os lucenses temos un porque en 2015 ou no 2025, cúmprense os 40 ou os 50 anos da celebración do Bimilenario. Para iso non basta con facer un mes antes un programa improvisado de actividades festivas, que non van máis aló dun acto propagandístico para consumo interno, do que teño dúbidas que sexa rendible políticamente, pero do que sí estou certo e de que non se beneficia o patrimonio histórico e artístico, que se malgastan os cartos e e que resulta de nula efectividade para o comercio e a hostalería local.

Se se quere facer algo digno e de utilidade, hai tempo para elaborar un proxecto no que, entre outras cousas, se definan as actuacións tendentes a consolidarnos como destino do turismo cultural. Pero como aquí tres anos non son nada porque calquera cousiña leva máis de dez sacala adiante, tamén se pode pensar en conmemorar os 50 anos no 2025. Habería trece anos para preparalo.

Se de verdade estamos interesados en facer algo de interese para a cidade, precísase un proxecto, ben pensado, con diversos programas de actuación, con prazos de execución distintos, dedicados a actividades culturais, festivas, académicas, de promoción da cidade e, sobre todo, actuacións específicas en todo o relacionado co Lugo romano, tanto desde o punto de vista arqueolóxico, como do museográfico, dos que xa falamos noutros artigos, con financiamento garantido de antemán para lograr a súa materialización, financiamento que hai que buscar, non só nas administracións públicas, senón sobre todo, en empresas a través do patrocinio.

Os obxectivos principais deste proxecto deberían ser a posta en valor dalgúns xacementos arqueolóxicos, e a posta ao día dos monumentos, museos, centros de interpretación e do sector da hostalería, que nos afianzase definitivamente como un destino turístico de interese e calidade.

Sería un erro que o Concello, a quen lle corresponde tomar e desenvolver a iniciativa, e o sector do comercio e da hostalería, que deberían estimulala e apoiala, deixasen pasar esta oportunidade coa desculpa de que aínda hai tempo..
De Abel Vilela, Adolfo
De Abel Vilela, Adolfo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES