Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A vontade independente

miércoles, 30 de mayo de 2012
Hai uns días na homenaxe a José Afonso e a Grândola, Uxía introduciu a súa actuación cunha cita que para min foi moi evocadora, dicía así: “Sempre que me magoan ou me meten medo, sorrío, porque te sinto cantar dentro do meu corazón”. Acabado o recital e aquela emoción colectiva que se gardou en cada un dos alí presentes, volvín para a casa e ao cabo duns días, lendo sobre a vontade independente de Stephen Covey reparei no evocador desta cita.

Quen lea a Covey tenlle que dar ao mundo unha nova sagrada: somos libres por natureza e ninguén nos pode dominar. O máximo expoñente desta nova é Víctor Frankl, que resistiu a deshumanización dun campo de concentración sen axeonllarse moralmente. Non importa o mundo físico, non importa o que nos obriguen a facer, senón o que nós construamos no noso interior; tendo en conta sempre que o noso interior é unha fortaleza inexpugnable, que somos inviolables na conciencia e que nela reside o noso verdadeiro ser.

Un home ten distintos tipos de necesidades, aquí Covey cadra con Maslow e defíneas como físicas, sociais, mentais e espirituais. Feito o home, construída a conciencia e adquirida a capacidade de autocoñecemento, a persoa é capaz de autoconstruírse interiormente a través da súa propia escala de valores e da imaxinación creativa que a dota do poder de visualizar detalladamente aquilo que desexa facer realidade.

Falamos polo tanto de catro poderes inexpugnables que nos fan radicalmente libres:

1. O autocoñecemento. Facilítanos o desenvolvemento creador dentro dos límites e ilímites que nos son propios, desvelándonos pouco a pouco todo o que potencialmente somos capaces de construír.

2. A conciencia. É a garda dos nosos propios valores e principios, constituíndo un compás que nos guía por camiños limpos, sen necesidade de asoballar a ninguén na consecución dos lexítimos obxectivos.

3. A vontade independente. Marca a nosa capacidade de actuar máis alá das circunstancias, tendo en conta as mesmas, pero sen esquecer esa invulnerabilidade que constitúen a conciencia e os principios interiores.

4. A imaxinación creativa. Axúdanos a visualizar o que queremos ser e os camiños que nos levan a facelo realidade.

Hoxe centrámonos no terceiro don para facernos cargo de nós mesmos, abrindo os ollos e recoñecéndonos –como xa se dixo- inexpugnables, indomables, radicalmente libres nun mundo que nos fixo únicos e que non nos pode repetir. A vontade independente é un ilímite da humanidade que eterniza a creatividade e fai infinda cada lingua e cada cultura, dicíndolle sempre que o mellor creador está por chegar. A vontade independente é un seguro de benestar interior que xamais nos poderán expropiar, é a forza infinda que fai torcer a nosa proa máis alá dos xeitos de vida impostos pola sociedade.

A vontade independente dinos que podemos ser o que nos pete máis alá da realidade que nos abafa; porque temos a posibilidade de construír dentro de nós a alternativa. Isto sabíano moi ben os sabios do Himalaya que utilizaban pequenas frases, para manter a súa paz interior. Cada un que busque as súas onde máis se motive, pero que procure nelas a forza infinda erguerse das caídas da vida, PORQUE SOMOS AS VECES QUE NOS ERGUEMOS.

Na medida na que sexamos capaces de construír un interior rico, seremos capaces tamén de inmunizarnos contra as agresións foráneas.

Conta John C. Maxwell que certo día un neno foi castigado pola súa nai a sentarse nunha cadeira. A resposta do neno foi: “Mamá, estou sentado na cadeira por fora, pero estou de pé por dentro”. Así se fan os homes que senten cantar a quen lles peta no seu corazón.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES