Valedor do Pobo
Editorial - lunes, 28 de mayo de 2012
Foi unha novidade na España democrática que se creara unha institución coma o Defensor del Pueblo, na liña do Onbudsman nórdico que nos chamaba a atención na época non democrática. E nas autonomías, cando o Estado se descentralizou, deuse en crear unha institución similar que en Galicia se chama Valedor do Pobo.
O papel desta institución e o seu representante debe ser, eso parece, darlle voz aos sen voz, escoitar queixas e plantealas onde corresponda, constituir un contrapoder no caso de que as institucións tomen decisións non axeitadas ao noso sentir, ao noso carácter, á nosa historia.
O Valedor acaba de caer porque non gustaron unhas manifestacións feitas no exercizo do seu cargo. Cando o que se lle pide á institución e a quen a encarna é que fale claro, aínda que non goste.
Non chega, visto está, a súa inmunidade a colocalo por encima do ben e do mal, superando calquera avatar político. Pero si que os principios que o inspiran deben ser os de independencia, autoridade e apartidismo.
Polas súas palabras, acabou sacrificado o Valedor do pobo galego. Ollo co procedemento, que se é tan doado prescindir dun cargo institucional coma este, corremos o risco de deixar baleiro de contido o cargo ao facelo depender da ortodoxia política das súas manifestacións. Se o Valedor ten que falar sempre como queren os políticos, posiblemente non necesitemos Valedor.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora