Recital poético "Letras Galegas"
Otero Canto, Xosé - jueves, 24 de mayo de 2012
NUN RECITAL POÉTICO DAS LETRAS GALEGAS.
Nesta seriña florida dun maio de procuras; aquí, no Refectorio do Museo, vinte e dous vates da Comunidade Esperanzada da Poesía, vimos a este convite da palabra servida en vinte e dous pratos fondos con especias traídas do outro lado da alma para cocer e refogar, para adubar e confeitar as verbas nosas ou dos nosos ancestros ( Celso Emilio e Paz Andrade ) no festexo das nosas letras e da nosa palabra ben temperada.
Animémonos e alentémonos para que a partir de hoxe a poesía non sexa soamente amor e desamor, vida e morte dos sentimentos que tremerosos se vencellan, senón que os poetas sexamos a testemuña deste século convulso e nos convertamos nos adaíles da esperanza como fixo denantes a poesía social.
Brandamos pois a bisarma da palabra nesta sociedade decaída, de abatemento e amargura, de pesimismo e desesperanza para xostregar as orellas dos impúdicos e desvergonzados que aproveitándose desta SUCIEDADE GLOBALIZADA rouban os alicerces dos pobos e cambian as regras do xogo sempre para o seu maiúsculo beneficio.
Clamemos pois por unha nova poesía froito do noso tempo A POESÍA DA INDIGNACIÓN mais tamén da esperanza que rexurdirá do branco cairel da ética e dos ronseis dun novo espertar.
Grazas a todos por vir alentar esta convidada de Toño Núñez e o traballo calado de Camilo Gómez Torres, mais tamén vos digo que hoxe comeza o día en que debemos xuntarnos para pedir aos poderes públicos a publicación da nosa palabra e para lanzar un MANIFESTO POÉTICO . O MANIFESTO DA INDIGNACIÓN ten que saír da Galiza no Día das Letras Galegas, e para iso, necesitámonos todos, e dende aquí quedades emprazados para un novo alborecer nos camiños amolados da poesía que se revela coma o son da loita e o luceiro da alba .
Moitas grazas. É un pracer contar con todos vós.
(Da presentación do Recital poético Letras Galegas o 16 de maio de 2012 no Refectorio do Museo Provincial de Lugo).

Otero Canto, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora