Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Potenciando as cinco mentes

miércoles, 23 de mayo de 2012
Hai uns días tiven a oportunidade de ler o libro de Howard Gardner Las cinco mentes del futuro. Nel, Gardner expón as características fundamentais que debe de ter unha persoa desenvolvida integralmente. As cinco mentes fan referencia tanto ao desenvolvemento intelectual como o desenvolvemento social, definindo as áreas nas que cada un predomina sen separalas; ao longo do libro queda moi claro que estes dous desenvolvementos deben ser sempre paralelos.

Para que a persoa se forme como tal, as cinco mentes propoñen unha educación transversal na que o coñecemento non só se transforma, senón que é capaz de impulsar á persoa a transformar a propia realidade. De acordo con Gardner estas cinco mentes son:

1. Mente disciplinada. Dominio dos xeitos de pensar que caracterizan ás principais formas de coñecemento humano.

2. Mente sintética. Capacidade de resumir con precisión e produtividade a información adquirida.

3. Mente creativa. É unha síntese das dúas anteriores que desenvolve a capacidade de descubrir e de resolver problemas con eficacia.

4. Mente respectuosa. Analiza o propio entorno observando e aceptando a diferencia e convivindo con ela de xeito positivo.

5. Mente ética. Aproxímanos ao nivel postconvencional dos estadios do razoamento moral de Kohlberg. Nos que a norma se cumpre por ser acorde cos propios principios interiorizados, non por medo nin por egoísmo.

Estas cinco mentes están implicadas na construción dunha sociedade nova baseada no aproveitamento do máximo potencial de cada persoa. Este aproveitamento farase sempre de xeito interdependente, buscando vitorias públicas nas que o beneficio individual vén acompañado sempre do beneficio colectivo.

Dende a escola é necesario detectar precozmente os ilímites de cada alumno, vendo cal é a mente que ten máis desenvolvida e dirixíndoo cara ao ámbito disciplinario que mellor poida contribuír ao desenvolvemento dos seus ilímites. Deste xeito Gardner define a creatividade como a interacción de tres elementos independentes (que pouco a pouco se volven interdependentes):

· A persoa
· O ámbito
· O campo social

Estes tres elementos introducidos no currículo, poñen de manifesto a necesidade de crear plans de desenvolvemento individuais que dirixan a cada alumno cara a súa mellor capacidade; empoderándoo e impulsándoo dende a educación primaria cara os seus ilímites.

O creador de calquera ámbito debe ser disciplinado e sintético para chegar á excelencia; por iso o educador debe facilitarlle o autocoñecemento dos seus ilímites, para despois retalo a construír a súa propia excelencia que será orixinal e irrepetible.

As tres primeiras mentes marcan o campo específico de desenvolvemento persoal; mentres que as dúas últimas deberían ser universais, xa que marcan valores como o respecto e a tolerancia necesarios para a convivencia e o desenvolvemento de calquera sociedade.

A mente respectuosa responsabiliza ao individuo dos seus propios actos, impulsándoo a valorar a diferenza, interactuando co seu entorno e establecendo o diálogo como ponte de encontro e aprendizaxe. Pola súa parte, a mente ética asenta estes valores no curso do propio desenvolvemento da persoa, que se caracteriza por tres apoios fundamentais:

· Apoio vertical, baseado na interacción e titorización dos adultos.

· Apoio horizontal, baseado na interacción cos compañeiros. Neste punto é preciso insistir na necesidade de que o neno deixa aos seus iguais como fonte de aprendizaxe.

· Vacinas periódicas, pequenas desviacións do código ético que hai que endereitar.

Gradner crea toda unha teoría que nos invita a indagar nas nosas mentes e sacarlles o cen por cen do seu rendemento para desenvolvernos con fluidez nos distintos contextos que a vida nos ofrece; tendo en conta que un desenvolvemento integral pode levarnos a unha vida plena que nos acerque ao noso propio xeito de autorrealización.

Tamén nos convida Gardner á mesa da flexibilidade. Unha ferramenta fundamental para aqueles que queren construír nun mundo cambiante, no que o fracaso se converte nunha experiencia difícil de evitar, da que no entanto temos que sacar as mellores lecturas para reinventar o noso xeito de ser no mundo. Un mundo no que xa non existen polos opostos, e que nos empeza a esixir unha constante capacidade de readaptación que temos que ancorar nun código ético persoal que debe rexer a nosa vida; e ser a sinatura da nosa identidade en cada actuación e en cada decisión tomada.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES