O tabaco mata
X.X. - lunes, 07 de febrero de 2005
Nunca cheguei a fumador activo, pero levo moitísimos anos de fumador pasivo. Non cheguei a fumador activo, a pesar de intentalo, porque naqueles tempos mozos -poñamos que falo de mediados dos anos sesenta- para ser home completo había que fumar, e non facelo era case motivo de ser mirado cunha certa sospeita.
Do mesmo xeito que todo cambia, o do tabaco cambiou cos anos e de sustancia imprescindible para a vida social pasou a casi proscrito en calquera ámbito, especialmente no que se refiere á saúde.
As cifras que se manexan, son abondo expresivas: O cancro de pulmón é a primeira causa de morte dos galegos, e a segunda das galegas (inmediatamente despois do cancro de mama). E o consumo do tabaco é -eso dín- a principal causa do cancro de pulmón.
Para expresalo dun xeito práctico, acaba de facerse público: Cada día tres galegos morren por cancro de pulmón.
Eu supoño que para calquera persoa é moi difícil cambiar de hábitos da noite para a mañán, especialmente se un deses hábitos é o de fumar, arraigado durante moito tempo, agravado pola adición que o tabaco crea, que á súa vez pode ser incrementada por determinadas sustancias que potencian esta adición.
Podo imaxinar esa dificultade, aínda non sendo fumador. Pero toda dificultade pode superarse cando hai motivo abondo. E a vida ten que ser motivo abondo.
As campañas para deixar de fumar están tendo éxito nos homes, sector no que está baixando o consumo, pero non coas mulleres que incrementan a súa participación nesta actividade dubidosamente igualitaria, e nos rapaces máis novos que son carne de cañón dunha engañosa maioría de idade conseguida a través do fume do tabaco.
E o tabaco mata. Sabémolo todos. Esquecémolo moitos.
E aínda nos permitimos un anaco de humor tan negro coma o fume do tabaco: "O tabaco mata lentamente. Sí, pero eu non teño presa".

X.X.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora