Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Despegue e aterraxe da Lei de Dependencia

viernes, 18 de mayo de 2012
Compás social


Despegue e aterraxe da Lei de Dependencia

A chamada Lei de Dependencia promulgada en 2006 foi case a única lei social que naceu sen obxeccións, salvo a carencia dun orzamento adecuado para levala á práctica. Esa Lei supón un salto cualitativo no Estado de benestar.

A pesar dos actuais recortes ós grupos sociais máis desamparados, algo se iniciou para implantala, mais corre o risco de quedarse en algo testemuñal, durante e despois da crise.

Ademais nalgúns ambientes rurais e de barrios óuvense queixas de agravios comparativos: ás veces concédense axudas máis por afinidades partidistas que por necesidades comprobadas. De ser isto certo, sería algo fatal para todos.

Os estudos sobre limitacións e dependencias de persoas maiores ou discapacitadas xa veñen de lonxe, polo menos desde os anos 60 do século pasado cando apareceron os primeiros traballos especializados. Xa en 1998 o Consello de Europa definiu a dependencia como "un estado en que se atopan as persoas que, por razóns ligadas á falta ou perda de autonomía física, psíquica ou intelectual, teñen necesidade de asistencia ou axudas importantes para poder realizar os actos correntes da vida diaria e, de modo particular, os referentes ao coidado persoal".

A partir desta definición realizáronse estudos e enquisas para medir o grao de dependencia e a súa intensidade que afecta as Actividades da Vida Diaria (AVD), para crear un elenco de criterios obxectivos de avaliación.

En 2007 fíxose a chamada enquisa SHARE-2007 en 11 países europeos (Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, España, Francia, Grecia, Holanda, Italia, Suecia e Suíza). O cuestionario desta enquisa estudou a saúde e dependencias das persoas de 50 anos ou máis, e dos menores de 50 anos consortes dun enquisado maior. Recolleuse abundante información sobre maiores ou discapacitados dependentes que recibían coidados informais e non remunerados (feitos por familiares ou achegados) e tamén sobre persoas dependentes con coidados institucionais e remunerados (realizados por institucións públicas ou privadas).

No rango dos 11 países europeos España ocupaba o primeiro lugar de persoas con limitacións para Actividades da Vida Diaria e de persoas dependentes que só tiñan axuda de persoas familiares.

En España había enquisas sobre discapacidades, deficiencias e estado de saúde desde os anos 1986 e 1999, traballos que serviron de base para o Libro Branco sobre atención ás persoas dependentes en España publicado polo IMSERSO en 2004 e para a Lei de Dependencia de 2006 que estableceu un Baremo de Valoración da Dependencia (BVD), tanto das persoas coidadas en fogares como das atendidas en institucións.

O R. Decreto 504/2007 mediu o grao de dependencia, establecendo unha escala de 0 a 100 puntos con tres graos de gravidade: de 75 a 100 puntos sería Grao-III de gran dependencia; de 50 a 74 puntos, Grao-II de dependencia severa; e de 25 a 49 puntos, Grao-I de dependencia moderada.

Mais foi a Enquisa IDADE-2008 a que concretou aínda máis as discapacidades, autonomía persoal e tipo dependencias, elaborando unha lista detallada de limitacións obxectivas para as Actividades da Vida Diaria: limitacións e dependencia para comer e beber, para regulación da micción/defecación, para lavarse e outros coidados corporais, para vestirse, para mantemento da saúde, para movementos corporais, para desprazarse dentro do fogar, para desprazarse fóra do fogar, para facer as tarefas domésticas básicas, para tomar decisións sobre auto-coidados, xestións e tarefas varias.

Esa enquisa IDADE-2008 desagregou a dependencia en todas as Comunidades Autónomas comparando unhas con outras. Non debemos esquecer que nesta materia a xestión pertence ós gobernos autonómicos que á súa vez derívana cara ós concellos. Galicia era a comunidade que tiña o maior número de dependentes (un 6,6% da súa poboación) seguida de Castela-León, Estremadura e Asturias, é dicir, as autonomías que teñen a poboación máis envellecida.

En toda España un 70% de dependentes recibían axudas de persoas achegadas, outro 12% combinaban a atención na casa con algunha axuda pública ou privada e só un 18% recibía axuda formal dalgunha organización ou institución.

Analizando estes datos por autonomías, Galicia ocupaba o terceiro lugar (un 82%) na que os dependentes só recibían coidados de familiares; un 9% recibía coidados dalgunha institución, quedando outro 9% en situacións mixtas non ben delimitadas. Por último, o número de beneficiarios con dereito a prestacións, publicado polo IMSERSO en xaneiro de 2010, ano de maior desenvolvemento das prestacións ós dependentes,

Galicia xunto con Asturias, Canarias e Ceuta e Melilla, foi unha das catro comunidades nas que o número oficial de beneficiarios era un 20% inferior ó estimado con dereito a prestación. De todos estes datos dedúcese que en Galicia estaban só despegando as axudas derivadas da Lei de Dependencia; e que agora, ó parecer, van quedar case paralizadas nun aterraxe forzoso ou forzado.

Podemos sacar algunhas conclusións: neste intre de crise aguda, o relegar a citada Lei, especialmente no Grao-III de dependencia severa, supón reducila a un testemuño illado e quizais irrelevante para o conxunto da masa social necesitada.

Os recortes ós estratos sociais máis indefensos, prolongarán na conciencia colectiva sospeitas, desánimos e desafeccións.

Segundo, os criterios obxectivos para recibir asistencias puntuais, emanadas da Lei de Dependencia, están xa bastante ben delimitados e detallados para que os xestores autonómicos e municipais poidan prestar axudas públicas sen caer en demasiadas apreciacións subxectivas. As queixas populares deben ser estudadas coidadosamente para saír do círculo vicioso de dúas tendencias bastante arraigadas na nosa sociedade: o crecemento da picaresca e do clientelismo político.

Por último, de ser certos os agravios comparativos sinalados, mesmo que sexan unha anécdota, poden ser letais para o aprecio dos xestores políticos nacionais, autonómicos e locais que hoxe están baixo vixilancia intensiva de todos os estratos sociais.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES