Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre Valentín Paz Andrade

jueves, 17 de mayo de 2012
Intervención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no acto conmemorativo do Día das Letras Galegas 2012 no CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo

Autoridades presentes;

Señoras e señores:

Nesta exposición gárdase un segredo que descubriu hai máis de vinte anos o xornalista Francisco Pablos. Nun artigo publicado no Faro de Vigo, aseguraba que Valentín Paz-Andrade ‘fabricou para el, en exclusiva, un día de corenta horas’. Soamente así pode explicarse que este galego ilustre que hoxe homenaxeamos cubrira todas as facetas que podían enaltecer á súa terra. Viviu moitas máis vidas que calquera.

Seguindo a parábola dos talentos, recibiu unha chea de facultades que fixeron del unha persoa extraordinaria, pero devolveu multiplicados eses dons, en forma de proxectos, ideas, pensamentos e realizacións. Ninguén o expresa mellor que Xosé Luís Méndez Ferrín cando di que “alí onde se busque Galicia no século XX, alí aparece tarde ou cedo Paz Andrade”.

Hai un fío condutor que fai de Paz-Andrade un galeguista singular. Parte do laio, para pasar á reflexión e rematar na acción. Supera ese tipo de pensamento meramente contemplativo. Rexeita quedar na beira reflexiva dos acontecementos, e atravesa as augas moitas veces turbulentas que a separan da praxe. En poucas ocasións se mestura de maneira tan xenial o cultivo do espírito e a posta en marcha de iniciativas materiais de todo tipo. É a mesma mente a que concibe o ‘Pranto matricial’ que chora a Castelao, e a que inspira a creación de Pescanova, a primeira multinacional galega.

O poeta que conmove os sentimentos máis fondos do lector, transfórmase en activista que difunde o galeguismo, en político que galeguiza a transición democrática española, en xornalista que impulsa medios de comunicación. A súa vida non ten acougo.

Pero se meritorio é o relatorio dos grandes éxitos que levan o selo de Paz-Andrade, non son menos dignos de loanza os fracasos. Don Valentín non lle ten medo ao fracaso. Non todas as inquedanzas empresariais chegaron a bo porto. Non sempre as súas experiencias políticas foron gratas.

Se hai fracasos na súa biografía é porque actuou, porque fixo, porque tivo soños que se negou a esquecer. Como sentencia Concepción Arenal, ‘o home que se levanta é aínda máis grande que o que nunca caeu’. Valentín Paz-Andrade nunca deixou que o fracaso se transformase en derrota, e por iso de cada experiencia fallida, naceu sempre unha aventura nova que co tempo transforma a economía, a empresa, a política ou mesmo a maneira de pensar da xente que estaba ao seu redor.

El é o grande innovador da Galicia moderna, o home de pensamento e acción que concilia o amor ao propio coa apertura ao exterior. Porque estamos diante do gran pioneiro do galeguismo internacional. El quixo abrir de par en par as portas e as fiestras do noso país, pasando dun patriotismo baseado na denuncia, a outro que se fundamenta nas solucións. Esa concepción de Galicia como ‘célula de universalidade’ ten na figura que hoxe gabamos o seu representante por excelencia.

No seu labor intelectual, empresarial, político hai un anhelo permanente por atopar novas rutas que amplíen as marxes da galeguidade. Con ese poemario chamado ‘Canto do pobo disperso’, felizmente recuperado polo Consello da Cultura Galega, quixo mostrar a súa dor por unha Galicia da diáspora.

Coas súas iniciativas incansables procura agrupar ese pobo en torno a aventuras estimulantes que o incorporen ás grandes correntes do pensamento e o desenvolvemento. Paz-Andrade é un poeta en acción, ou un home de acción que tiña na poesía a súa fonte de enerxía.

A súa teima foi reagrupar a dispersión. Os sinais de identidade son vigorosos se unen, se tecen unha rede invisible que involucre emocionalmente a todos os membros dunha comunidade. Valentín Paz-Andrade é un innovador que sabe agrupar persoas en torno a ideas que terían esmorecido de non contar con apoio social. Agrúpaas grazas a un espírito tolerante que non lle perdoaron fanáticos de diversas cores.

Facendo a un home como Valentín vítima de ataques e represalias, os seus inimigos demostraron que a mera resistencia non é o camiño axeitado. Ao cabo, ningunha lembranza queda deles, mentres que a pegada de Paz-Andrade está espallada por toda Galicia. Mesmo a propia denominación do Goberno de Galicia, Xunta, se debe a unha feliz iniciativa súa, que recollía a tradición da Revolución galega de 1846.

No maxín de Paz-Andrade, o galeguismo ten que ser expansivo e buscar novos horizontes. A autonomía é unha porta que se abre para participar máis intensamente en tarefas colectivas. A empresa non é incompatible cos valores tradicionais de Galicia, senón que é un factor imprescindible no seu desenvolvemento.

Celebramos hoxe unha lingua que une e unha cultura que nos proporciona unha proxección exterior que non teñen todos os territorios. Esa lingua e esa cultura fannos estar no mundo co noso propio cerne, e dannos a posibilidade de sermos un país máis próspero. Pensemos por exemplo na conexión que temos co mundo lusófono grazas ao galego.

Así, Galicia faise máis grande e os galegos formamos parte dunha comunidade que deixou a súa pegada no pasado e deixaraa tamén no futuro. Deixemos que fale don Valentín Paz-Andrade: ‘A cultura é un legado recibido polas xeracións. Un legado do espírito materializado en obras, sistemas de acción ou de expresión, costumes, capacidades. Non podemos deixar que se dilapide ou empobreza nas nosas mans’. O noso compromiso é que tal cousa non ocorra xamais.

É un compromiso que ratificamos na cidade onde Paz Andrade sentía latexar o corazón inmenso da nosa terra. ‘Vigo –dinos Valentín- reveloume o camiño polo que eu debía marchar, ata queimar as enerxías pola prosperidade de Galicia’. Vigo foi a súa gran paixón, pero unha paixón sen muros, que obrigaba a ampliar os horizontes. Vigo foi o seu punto de apoio para transformar Galicia enteira e proxectala ao mundo.

Vigo segue a cumprir ese papel que Paz-Andrade lle asignaba no concerto dos territorios galegos. Como a proa dun gran país, capaz de realizar grandes singraduras cando mantén a unidade que el anhelaba. Desde Vigo, concibiu Galicia como a súa gran tarea. Velaí unha lección que está vixente.

Valentín Paz-Andrade é ese home cargado de bolsas e maletas que aparece nunha foto saíndo dun avión, levando ideas dun lado para outro, sempre con Galicia como norte. Valentín Paz-Andrade é ese patriarca que, noutra instantánea, se dirixe aos miles de vigueses que reclamaban autonomía nun mes de Nadal do ano 77. Nada lle era alleo. Nada quedaba lonxe da súa curiosidade e do seu interese. Tiña unha tarefa que cumprir, cumpriuna arreo e por iso o consideramos un dos pais da galeguidade moderna.

No máis alá do galeguismo fraternal, xa está na compaña de Francisco Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo e Xaime Illa Couto, que nos deixaron hai pouco. Todos eles forman a base humana sobre a que se constrúe o que somos. Galicia tivo a sorte de contar con homes coma eles, e agora pode seguir camiñando da man do seu exemplo.

Moitas grazas.
Núñez Feijóo, Alberto
Núñez Feijóo, Alberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES