Pontevedra ben vale unha papeleira
X.X. - viernes, 04 de febrero de 2005
En Pontevedra, supoño, téñeno claro: Perden a papeleira, pero gáñano en saúde.
Non me extraña, aínda que quero pensar que teñen dereito pero ó mellor non teñen razón. Teñen dereito a estar escamados polos resultados obtidos ate agora; para saber da súa razón hai que telo vivido e sentido "in situ".
Os cheiros da Celulosa durante todos estes anos son unha vacuna poderosa contra a tentación de acoller o complemento directo desta industria: A papeleira. Con ela pecharíase un ciclo, completábase o proceso industrial, aforrábanse importacións e afianzábase en Pontevedra a vocación productora de papel.
Certamente, hai anos, os de fóra que pasabamos pola "boa vila", sufriamos por nós e polos pontevedreses ante a situación que alí se nos presentaba. Era inaguantable -o mesmo que nas Pontes de García Rodríguez o olor a ácido sulfhídrico- e mentalizounos sobre a industrialización mal entendida máis que calquera teoría ou loita ecoloxista.
Moito mellorou o ambiente pontevedrés, e quizais a nova industria non ía ter o máis mínimo problema. De tódolos xeitos, o problema acabarase e terá solución definitiva en 2018 cando Ence se vaia definitivamente de Pontevedra.
Pérdense 160 postos de traballo directos e 4.000 indirectos. Pero o Alcalde de Pontevedra esta satisfeito, e con el, cabe supor que moitos pontevedreses.
A loita contra a industrialización acaba de gañar unha batalla baseada en estratexias, realidades, posibilidades, carencias de antano.
"París ben valía unha misa", ensinounos a historia. Agardemos que o tempo nos diga se Pontevedra "ben vale unha papeleira"; se a Pontevedra limpa e fermosa pode e debe rexeitar unha papeleira, en base a exemplos de tempos idos. Se, en base ó pasado, se lle pode dicir "Non" ó futuro industrial. O tempo o dirá.

X.X.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora