Declaración institucional do CPEIG no día mundial da Internet
Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia - jueves, 17 de mayo de 2012
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), no Día Mundial da Internet, que se conmemora o 17 de maio, quere facer pública a seguinte declaración institucional:
O ser humano xerou, desde o principio da súa historia ata o ano 2003, uns cinco exabytes de información, é dicir, cinco mil millóns de xigabytes, segundo os cálculos de IBM. O ano pasado, 2011, xeramos aproximadamente ese mesmo volume de información cada dous días; o vindeiro ano 2013 xeraremos esas mesmas cantidades cada dez minutos.
Sen dúbida, a proliferación de dispositivos móbiles, dentro da que o noso país figura nas primeiras posicións a nivel mundial, xunto coa propia natureza relacional do ser humano, fai que a ubicuidade do acceso á Rede sexa unha realidade que contribúe a esa inxente xeración de información. Dita realidade fomenta o auxe de novas disciplinas que xerarán innovación e emprego nos vindeiros anos, como son o caso de Big Data, Open Data ou a Internet das Cousas, da que oiremos falar decote nos vindeiros meses.
Desde o CPEIG consideramos necesarias unha educación e concienciación a todos os niveis para evitar aumentar -e mesmo atallar- a fenda existente non só entre xeracións, senón tamén entre distintos colectivos sociais por razóns de ingresos, situación xeográfica ou xénero en canto ás TIC se refire.
Polo tanto, é fundamental a participación feminina en todos os niveis da tecnoloxía: como usuarias, como emprendedoras, como xeradoras de innovación e como líderes dun sector que ten a responsabilidade e o compromiso de ir á cabeza da saída da actual crise.
A igualdade de xénero é un dereito humano básico consagrado na Carta das Nacións Unidas e unha das principais metas dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) das Nacións Unidas. Debemos ser conscientes de que as TIC son ferramentas que poden acelerar o progreso cara ao logro deses obxectivos.
O enfoque deste ano do Día Mundial da Internet, As mulleres e as nenas nas TIC, vai dirixido a garantir que esa importante metade feminina da poboación mundial avance cara á igualdade real.
O CPEIG únese a ese enfoque subliñando que a muller debe ocupar un lugar central na Sociedade da Información e do Coñecemento; só así se poderá garantir unha tecnoloxía e unha sociedade verdadeiramente igualitarias.

Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora