Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Baldaio: o dereito a unha praia

miércoles, 09 de mayo de 2012
O 8 de Maio houbo guerra en Baldaio,
discurso en Lema e feira en Carballo,
moscaron as bestas que mandou carallo.
(Carlos Díaz O Xestal)

Eran xente da terra, que só quería vivir da propia terra, á que sempre lle arrincaran os froitos do mar. Eran mariñeiros , mariscadoras e labregos que só esixían seguir vivindo no seu e do seu propio medio: a marisma á que unha empresa chamada “Baldayos S.L.”, (que logo se converterá en S.A., nunha manobra xurídica auspiciada pola UCD para aparentar un interese público que nunca existiu) amparada nunha concesión franquista da Axudantía de Mariña de A Coruña, lles prohibiu o acceso.

Tratábase da privatización caciquil dunha praia para a extracción de area por parte desta empresa que viña funcionando dende os anos 40, e que chegou a facer unha pista na praia para que os camións entraran con maior facilidade. A mediados dos 70 as extraccións acadaron proporcións insostibles para o medio natural, e a empresa prohíbelles aos veciños mariscar; conta co apoio da Garda Civil que con moita violencia vela por dito impedimento.

O máximo expoñente do mesmo é un mozo, que a pesar da prohibición se atreveu a mariscar; chamábase Marcelo e foi obrigado polos gardas da empresa a camiñar ata o cuartel cun saco de berberechos ao lombo. Como ben sabían os vixiantes, padecía do pulmón e non o puido resistir, falecendo ao pouco tempo.

As xentes de Baldaio non se resignaron á perda dun medio que mantivera ás xeracións que os precedían; e co respaldo do Movemento Nacional Popular Galego (MNPG), inician unha peculiar loita polo dereito ao que era deles. Contaron con apoios moi importantes; como o de Moncho Valcarce, que un ano antes se vira involucrado na loita dos seus fregueses polas terras das Encrobas; ou o dos membros do grupo cultural NÓS e da Agrupación Cultural Lumieira. Sen esquecer que un numeroso grupo de veciños de Baldaio amosaran un mes antes a súa solidariedade coa primeira marcha en contra a central nuclear de Xove.

O 8 de Maio os simpatizantes do MNPG percorren a vila de Carballo en apoio aos veciños de Baldaio, sendo agredidos pola Garda Civil ao final da concentración. Despois deciden ir ao cemiterio de Lema para renderlle homenaxe a Marcelo; alí proponse facer unha ocupación simbólica do areal, partindo cara a Baldaio.

Aquel día foron moitos os feridos que acabaron no Hospital de A Coruña; entre eles destaca a valentía dunha muller que froito dos golpes propinados pola Garda Civil nunca volvería ser a mesma: Oliva Pose.

Non se debe esquecer que a Garda Civil aproveitou a solidariedade con Oliva para deter a un grupo de estudantes que simplemente se ían interesar polo seu estado. Deste xeito, o movemento estudantil galego tamén tivo un papel importante nesta loita, como afirma Manuel Mera: “os manifestantes viñeron de todo o país, moitos deles en autobuses contratados ao efecto, sendo a maioría simpatizantes do Movemento Nacional Popular Galego (...). Unha mocidade arriscada e teimosa que se converteu na punta de lanza da loita pola democratización de Galiza e a defensa dos intereses populares.”

Houbo novas mobilizacións, como o peche de 15 veciños de Lema na igrexa de Carballo o 25 de Setembro, apoiados por 300 veciños da bisbarra. A loita prolóngase ao longo da década dos 80 con diversos actos violentos e intimidatorios por parte da empresa “Baldayos S.L.” (apoiados sempre polas autoridades) que non serviron para silenciar a voz do pobo na defensa dun dereito: o lexítimo dereito a unha praia.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES