5.000 habitantes
Editorial - martes, 08 de mayo de 2012
Era difícil, cando desde Madrid se dispoñían normas xerais para toda España que se tivesen en conta as características propias de cada rexión, hoxe autonomía, pola variedade e infinidade das súas peculiaridades.
Do mesmo xeito é difícil que unha disposición que se poida adoptar en relación cos concellos poida ter un máximo común denominador referido á poboación, porque un concello galego nunca poderá compararse a un castelán ou a un andaluz.
Sobre o papel, a cifra de cinco mil habitantes estimada como base racional para poder manter a estructura e os servizos dun concello, serve para a ancha Castela, pero non para nós. Se cinco mil habitantes fóra de Galicia significan un núcleo mediano, concentrado e doado de servir, eses cinco mil habitantes en Galicia requiren, pola nosa dispersión, unha extensa superficie que posiblemente esixirá maiores esforzos e custos para ser atendida que na actualidade.
De aplicarse en Galicia esta norma, polo de agora en fase de estudio ou suposición, afectaría a 82 dos 92 concellos ourensáns, a 54 dos 67 concellos lucenses, a 41 dos 94 da Coruña, e a 22 dos 62 pontevedreses. Sería unha auténtica revolución que xa conta coa oposición dos organismos que representan ao conxunto dos concellos, e un movemento en contra na maior parte dos concellos que non augura moi bo futuro para esta posible normativa.
En primeiro lugar, cada comunidade autónoma requeriría un tratamento especial, e sobre todo conseguir a posta de acordo dos concellos que puidesen verse afectados, xa que unha normativa global que force a unha unión repentina e artificial non traería máis que problemas engadidos á problemática actual.
Se se trata dun globo sonda, seguro que o Goberno recibirá información abundante da situación que pode crearse se se toma unha decisión deste tipo. Desde Madrid pode verse o tema dun xeito determinado, pero desde Galicia que queda moi lonxe de Madrid- vese totalmente diferente.
Que se estudie o tema axeitadamente, dentro de Galicia, para ir evolucionando de xeito prudencial nun tema problemático que de abordarse por Decreto non faría máis que empeorar unha situación xa abondo escura e difícil.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora