Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A procesión do Corpus en Lugo

jueves, 03 de mayo de 2012
O milagre da transubstanciación, declarado dogma pola Igrexa Católica en 1215, así como a introducción da festividade do Corpus Christi polo Papa Urbano IV en 1264, dará lugar ao afianzamento dunha tradición popular no culto á eucaristía, que alcanza o maior esplendor nas procesións da festa do Corpus, na que participa todo o pobo, percorrendo a maior parte das rúas da cidade.

Dos espectáculos máis relevantes nos que participaban os catro gremios de Lugo, hai que destacar a procesión do Corpus que, era a festa das corporacións, pois participaban as confrarías gremiais, non as de devoción, a corporación municipal coa súa patroa a virxe do Rosario, e a eclesiástica.

A participación dos gremios

A non asistencia era castigada con importantes multas. En 1595 mandaban aviso a tódolos oficiais e aos zapateiros para que saísen coas invencións ou danzas, pois de non o facer serían castigados con 3.000 marabedís. A presencia dos gremios nas festas, procesións, funcións fúnebres, aclamacións reais, rogativas e outros actos, considerábase necesario pola autoridade para a conservación do Estado.

A pesar destas disposicións, que poden parecer intimidatorias, os gremios gustaban de participar nos actos públicos con representacións e danzas, así como defender o seu estatus, interese que compartían xeralmente coa Cidade ou corporación municipal, e basicamente co procurador xeral ou deputado do común, que tiña como misión velar polos intereses dos cidadáns, representados nunha grande medida polas catro confrarías gremiais.

Cada gremio acudía co seu pendón de gala e o santo protector á procesión, Santa Catarina, San Roque, San Xosé e o Neno Deus e San Antonio mentres que a Cidade levaba á Virxe do Rosario. Tamén participaba San Froilán como patrón da cidade.

A prohibición de levar sombreiros e turbantes

Non eran novos os conflictos entre os gremios e a autoridade eclesiástica polas danzas que facían nas procesións. É de supoñer que por unha cuestión de respecto o provisor e vicario xeral do bispado mandara publicar edictos e censuras na véspera e o mesmo día da festividade do Corpus do ano 1686 contra os gremios, o que supuña contra os veciños para que nas danzas e festexo da procesión non levasen os danzantes sombreiros nin turbantes e fosen coas cabezas descubertas, pero esta orde ía en contra do costume inmemorial gardado e observado na cidade e nas restantes, en especial na corte que servía de modelo a imitar.

Esta disposición do vicario era semellante ás tomadas por outras autoridades eclesiásticas.

O Concello enviou a un dous capitulares para pedirlle ao provisor que suspendese as censuras, pero non cedeu e puxo un novo edicto con agravación de censuras e multa. Naqueles tempos os estamentos eran moi pagados do seu e defendían, con razón ou sen ela, os privilexios ou regalía.

Aquel ano a actitude do provisor deu lugar a que a Cidade e os gremios, se detivesen pouco tempo resolvendo o Cabido sacar o Sacramento, saíndo os cregos pola porta Norte ao tempo que entraba a xente, empurrándose, caendo algún polas escaleiras, de xeito que algúns coengos e outros ministros da igrexa colleron paos e espadas, e maltrataron algunhas persoas.

As invencións e as danzas

Outro aspecto a destacar eran as invencións ou festexos, representacións que tiñan como soporte unha decoración. Así, na festividade do Corpus do ano 1595 escenificouse un combate cun decorado que se encarga a un francés, Cristóbal de Boyson, entallador e veciño da cidade, que tiña que facer unha invención na dianteira das casas de consistorio para o xoves de Corpus, composta por un castelo no medio e dúas galeras aos lados para facer combate.

Outro acto propio da festividade eucarística era a chamada danza das espadas na que participaban trinta gremiais da confraría de San Roque e San Sebastián, na procesión, e dezaoito na danza. No capítulo vintecatro das Constitucións do ano 1724, ordénase ao vicario e os dous mordomos que se xunten por Pascua do Espírito Santo, para facer o repartimento dos dezaoito irmáns, que sendo hábiles e suficientes, lles tocase facela, debendo ir vestidos decentemente e de negro como o tiñan por costume, e chamar a outros catro para levar o santo na procesión. Facíase responsable disto o mordomo do prato. Outras dúas persoas hábiles e suficientes levarían as borlas do pendón, e o mordomo da cera nomearía catro irmáns para carrexar as fachas que alumarían ao santo e ao pendón.

O cambio de itinerario da procesión

En 1760 unha comisión do Concello e outra do Cabido trataron co bispo frei Francisco Izquierdo (1748-1762), o arranxo do itinerario da procesión, debido á indecencia que causaba que a procesión transitase desde Santo Domingo ao campo do Hospital (Praza do Ferrol) e á rúa do Sol (rúa San Froilán), tanto polo despoboado do sitio coma polo mal estado das rúas e ruínas que ameazaban as poucas casas que había. O mesmo pasaba coa da Tinería.

Pero con todo o que máis preocupaba ao bispo era que os gremiais se adiantasen desde o campo de Santo Domingo ao do Hospital para comer e beber, deixando ao Santísimo sen máis acompañamento que o do Cabido e a Cidade. Dise que no ano anterior morrera un polo exceso de comida e bebida.

Por iso pedía que se acurtase o itinerario de xeito que desde Santo Domingo se dirixise a procesión ao convento de San Francisco, desde alí pasase pola rúa Nova á praza do Campo, praza do Pozo da Pinguela e Bo Xesús.

As dúas corporacións estaban de acordo co itinerario proposto, pero non así os catro gremios, que a través do procurador xeral entregaron un memorial no que manifestaban a dor que lles causaba acurtar o itinerario da procesión. Esta oposición e a doutros rexedores fixo que se pospuxera a decisión. Tratouse de novo e houbo rexedores a favor e en contra, pero acordaron que non se alterase o costume do itinerario da procesión, o que se deu a coñecer aos veciños e aos gremios.

O Supremo Consejo de Castilla librou un despacho o 10 de marzo no que se mandaba ás dúas comunidades que non se resistisen a observar o novo tránsito por considerar que estaba dirixida á maior decencia e culto da Maxestade Sacramentada. Pero foi recorrido polo procurador xeral alegando que por número de votos fora rexeitada a modificación, solemnidade á que consideraba que non se debían antepoñer as comodidades persoais. O Consello admitiu o recurso no sentido de que se continuase facendo a procesión polas mesmas rúas de sempre.
De Abel Vilela, Adolfo
De Abel Vilela, Adolfo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES