Maio florido
Fernández, Suso - miércoles, 02 de mayo de 2012
O rei da primavera é o mes de maio, nome que procede de Maia, nai de Mercurio, deus que representa o trunfo da vexetación, o mes das flores.
En maio remátase de sementa-lo millo, e cando se facía na última finca dunha casa poñíase no medio, cravada, unha gran rama de xesta en flor; era poñer o ramo ó maio.
O mes era saudado pola galanura das súas flores: velaí ven o maio cargado de flores; detrás ven San Xoan que as trae mellores.
A maio refírense unha chea de refráns e algúns ditos, como aquel que se aplica á muller que vai para o traballo e entretense falando con outra persoa: non fagas como a da grade, que procede dunha rapaza que, pola mañanciña, cando se dirixía a gradar unha finca atopouse co mozo e pasou o día falando con él.
Ó anoitecer, ó volver para a casa, exclamaba: días de maio, días de amargura, inda ben non amañece xa é noite escura. Acontece a apoteose florida da vida, a celebrar entre a paisaxe e a paisanaxe: escoitanse os últimos cantos do cuco e os primeiros do grilo, pregoeiros do tempo claro, bó agoiro entre as xentes do rural: significa amor, fartura, bó tempo.
Comezan así as festas do ramo florido. A flor como insignia de vida, porque no ciclo será froito e novamente semente. Os maios son unha das festas mais populares do ciclo anual.
Aproveitando os froitos que da a natureza apreciase a creatividade das xentes nas composicións florais, ou nas coplas que acompañan ós maios, fundamentais na escenificación da celebración, de orixe prehistórico.
Os maios poden ser humanos ou figurados. Nos primeiros un cativo é o maio. Aquí o neno ou mozo cúbrese con flores, fionllo, herbas e espadanas, imitando as vestimentas dos peregrinos; os figurados fórmaos unha figura cónica, piramidal, de cruceiro, de barco ou monumento, transportados sobre plataformas, cubertos de polas e adornados con flores e vexetación.
Aí ven o maio/ florido e galán, / tódalas rapazas /amores lle dan (A. Cunqueiro)

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora