Grándola,  vila morena
							Santalla, Iago - miércoles, 02 de mayo de 2012
							  INTERDISCIPLINARIEDADE PARA GRÂNDOLA VILA MORENA
O vindeiro 10 de Maio estaremos en Compostela conmemorando o recital de José Afonso no Burgo das Nacións en 1972. 
Naquela ocasión, acompañado de Benedicto García Villar, o cantautor portugués decide estrear na capital do noso país  a alentexana, a Grândola Vila Morena. 
Segundo Benedicto, aquel día o Zeca descubriu a capacidade coral e colectiva da canción; pero non imaxinou a transcendencia histórica que acadaría dous anos máis tarde. En palabras do propio Benedicto, para el, Grândola era unha canción máis, a partir dese día sempre, sempre cantaría Grândola. 
Pero despois do 25 de Abril de 1974, a canción adquire outra dimensión que a eterniza no corazón dos soñadores de mundos ceibes, facendo da pequena vila portuguesa o altar onde se venera a liberdade de todo un pobo.
Dentro de 10 días celebraremos os 40 anos dun himno que universaliza a liberdade, que xunta. Un himno co que ningunha persoa de ben pode estar en desacordo. Fala de amigos, de fraternidade, de igualdade, de que o pobo é quen máis ordena. 
Calquera que teña unha cultura democrática ten que sorrir ante esta cantiga. Pero ademais a letra vén acompañada dun ritmo moi especial, que nos leva a unir os corpos e mover os pés suavemente sen avanzar.  Todo isto xera un espírito de irmandade que pervive nas xeracións actuais; cunha clara simboloxía que une, de xeito inseparable, a ledicia e a liberdade.
Con este gallo, organízase un festival interdisciplinar e autoxestionado que concibe a cultura como transformación social; na crenza certa de que, cada quen dende o seu eido, todos podemos contribuír ao desenvolvemento da nosa riqueza artística e literaria. Son moitas as disciplinas  que estarán presentes no festival: teatro, moda, literatura, circo e por suposto música e poesía.
Do espectáculo que poderemos ver no Auditorio de Galiza, en Compostela, o 10 de Maio a partir das 9 da noite, gravarase un DVD. E así mesmo estase a elaborar un xornal cunha tirada inicial de 8000 exemplares con textos sobre Grândola e o Zeca, que se poñerá á venda a 1 euro en todas as cidades galegas.
A gala, será presentada por Carlos Blanco; e polo escenario pasará: Chévere, Joao Afonso, Uxía, Sergio Tannus, Quico Cadaval, Aline Frazao, Brais Morán, a banda Fura-Fura, os Sete Magníficos máis Un, Ico e Xurxo Souto,  Tiago Gomes e  moitos máis.
Terra da fraternidade, como xa se dixo, é unha iniciativa interdisciplinar  e autoxestionada, baseada única e exclusivamente na vontade dos seus participantes. Unha vontade que establece pontes culturais que universalizan a nosa lingua da man fraterna da lingua portuguesa, ao tempo que contribúen a potenciar a  creación en distintos eidos artísticos. Só cabe desexar que teña continuidade máis alá dunha homenaxe a Grândola e a José Afonso que é imprescindible facer; nela repousan as ideas de liberdade, dignidade, igualdade e fraternidade que moitos queremos legar aos nosos devanceiros.     
Dicía o Zeca, xa enfermo: A min o que me curaría de verdade sería outro 25 de Abril. Ben seguro que Terra da Fraternidade é un bálsamo para moitas conciencias que aínda soñan e esperan vivir nun mundo mellor. 
							
							
Santalla, Iago
							                                
                                                                  
                                                                  
                                                        
				 
				Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los 
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de  la empresa editora