Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eva Veiga

jueves, 26 de abril de 2012
Eva Veiga Parlamento das Letras: Eva Veiga

A poesía de Eva Veiga é un estigma fulgurante, a visión púrpura dun recordo antigo, unha sorte de saurio da noite dos tempos que convoca, arredor do canto, a revelación do Cosmos.

A súa andaina poética naceu a primeiros dos noventa con Fuxidíos, pero non sería ata o remate desta época cando conseguiría anegar na luz infinda da matriz orixinal con Paisaxes do baleiro. Naquel libro, secularmente fronteirizo, figuraban xa algúns dos trazos característicos dunha escrita que a había de acompañar para sempre: a insomne contemplación do fluír do Tempo xunto á consciencia do Ser e o limes da Morte.

Esa asunción radical da existencia deitou en ardora de ollada primixenia e sangue a clamar no intenso A luz e a súas cicatrices e aínda tivo unha nova modulación de inquiridora vertixe metapoética e sombra solidaria en Desconcerto.

Polo de agora, a última trallada cegadora da súa verba golpea dende A frecha azul do teixo, zafranada no plexo solar dun cor que destila anguria pola nai ida, estrangulando a entraña, aceirando dondamente o crepúsculo das horas.

Ela, que trae consigo a memoria toda do Ombre natal e a reverberación doída do Eume, ela, que foi a nosa imaxe máis querida naquela aventura televisiva patria que hai un cuarto de século comezabamos e é agora dama manancial, señora da voz e o aceno no Grupo Ouriol, repasa para nós os seus labirintos da palabra. Unha beizón. E incomparable galano.

—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

Os meus primeiros textos publicados, se cadra, datan da miña adolescencia, pois acadei algún que outro premio e, quizais, aparecesen nalgunha revista ou noutra publicación, pero eu non gardo constancia diso. Porén, xa na universidade obtiven un primeiro premio nunha edición do Certame Colexio Maior San Clemente e o poema saíu en Dorna. Non obstante, será o accésit do Premio Esquío 1991 o que permite a publicación do meu primeiro libro, Fuxidíos, na Colección Esquío de poesía, que dirixían Julia Uceda e Fernando Bores.

Teño que dicir que ata ese momento o aspecto da publicación era moi secundario, non importaba moito no senso de que para min a poesía era ler decote e escribir sen máis. Agora sigo sen ter nunca moita présa por publicar, quizais porque supón un sentimento forte mestura de medo e responsabilidade.

—¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?

Debo dicir que, en xeral, síntome agradecida polo tratamento que a crítica fixo ata o de agora das miñas obras. Quizais, pola que se amosou cuantitativamente menos interesada sexa Desconcerto, publicada en Biblos. As razóns non podo sabelas porque, agás no caso da crítica moi profesional, atenta decote ao que se produce, hai variables de promoción e mercado que ben poden influír en que un libro pase ou non inadvertido. E, como non, tamén está presente o aspecto de que o libro nese momento interese realmente máis ou menos.

Coido, por outra parte, que A luz e as súas cicatrices, así como A frecha azul do teixo foron moi ben tratadas.

—¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

Preciso a porta pechada e algún exercicio de concentración ou meditación antes de me poñer con algo importante. Tamén debo sentirme co corpo moi activado. Para min escribir é fundamentalmente unha actividade que compromete o corpo enteiro. Coido que se escribe con todas as células e átomos do corpo. Algunha vez, nos momentos máis felices da escrita, atópome a remangarme coma quen se dispón a abordar un labor agrícola ou algo así.


—Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?

No caso de darse esa hipotética circunstancia, gustaríame andar a carón de poetas amigos e amigas aos que quero e admiro. Por exemplo, Luz Pozo, X. F. Fernández Naval, Pilar Pallarés… E de moitos e moitas máis dos que adoito me alimento persoal e poeticamente.

—Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?

Non hai moito, unha curmá miña amosoume un poema que eu escribira aos doce anos —eu daquela regalaba os poemas sen nin sequera gardar unha copia— e decateime de que todas as miñas teimas posteriores estaban xa contidas naqueles versos: o tempo, o desexo, a morte, o estraño. Se cadra, dende aquel Fuxidíos ata o meu último libro, A frecha azul do teixo, a miña poesía veu experimentando, xunto á vivencia existencial, un proceso de estilización, de depuración, no que sigo a reflexionar.

—¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?

Leo adoito poesía e ensaio. E neste senso procuro ler todo o que podo; o que vai saíndo da nosa literatura e tamén de fóra. En relación ás miñas lecturas recorrentes son tamén moitas: en poesía, Anna Ajmátova, Marina Tsvetáieva, Alejandra Pizarnik, Wislawa Szymborska, Vicente Aleixandre, T. S. Eliot, R. M. Rilke, F. Hölderlin, Luís Pimentel, Avilés de Taramancos, Chantall Maillard, Luísa Villalta, Sánchez Páez etc; en ensaio, Gastón Bachelard, María Zambrano, Octavio Paz, Maurice Blanchot, Walter Benjamin, Roland Barthes… O certo é que dedico cada vez máis tempo á lectura demorada dos filósofos antigos e contemporáneos, pois a filosofía é unha disciplina que me apaixona.

—¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?

Se cadra, sóbralle aínda, ao igual que ao País en xeral, un certo complexo de inferioridade e nalgún sentido unha mentalidade minifundista.

Así mesmo, tamén é xeneralizada a nosa escasa profesionalidade en materias de mercadotecnia e distribución. Podes xerar produtos marabillosos que, se non se poñen en valor e se non se fan visibles e desexables, só algúns con sorte chegan lonxe. Apenas existen axentes literarios, quizais tamén porque falla a infraestrutura necesaria.

—Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?

Gustaríame escribir sobre a experiencia feminina en relación ao padecemento do cancro, vivencia pola que eu mesma pasei. Levo tempo dándolle voltas e coido que a idea vai estando agora xa madura dabondo como para abordala seriamente. Mais, espero que por iso o meu tempo non se esgote!

—¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?

O noso presente literario goza, ao meu entender, de boa saúde e dunha gran riqueza. Hai xente moi nova, que vén achegando perspectivas diferentes, moi interesantes e cunha escrita de gran calidade. Tamén hai moita obra menor, pero iso sempre é así, o tempo vai decantando. É por iso que semella máis urxente unha boa promoción das obras, de modo que os lectores se sintan atraídos e se habitúen así á súa propia literatura. Por certo, coido fundamental que as e os profesores coñezan e amen a literatura. Sen este labor pedagóxico o ermo irá cada vez a máis.

—Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.

Agradecer ás e aos profesionais que, con criterios obxectivos, dedican o seu esforzo a estudar e facer visible a escrita en galego. En particular, a Armando Requeixo, que con este Parlamento das Letras e as súas críticas en xornais, libros ou no blog Criticalia, ocúpase con rigor e creatividade das obras dos escritores e escritoras galegos. Coido que non evolucionaría saudable ningunha literatura sen esa reflexión alerta e construtiva. Todos e todas saímos gañando.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES