Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fundación para o Patrimonio

jueves, 26 de abril de 2012
A necesidade dunha fundación para a conservación e posta en valor do patrimonio lucense

O anterior director xeral de Patrimonio Cultural, e actual director do Museo do Castro de Viladonga, Felipe Arias Vilas, dicía o 22 de setembro de 2005 no programa “Voces de Lugo” de Radio Voz, que Lugo tiña enormes posibilidades en materia arqueolóxica, o que implicaría a construción de museos, centros e locais onde se puidesen exhibir os restos ou onde poder proporcionar información, e propuña a creación “dunha rede patrimonial que sirva, xa non ao turismo, senón aos propios lucenses para entender a súa cidade”.

No coloquio participaba a arqueóloga municipal Covadonga Carreño Gascón, e o arqueólogo Enrique Alcorta Irastorza, coincidindo todos en que se debían de unir todas as administracións para conseguir maiores logros no futuro.

Non hai cartos

Este adoita ser o pretexto ao que se agarran os políticos cando non lles interesa un proxecto. A limitación dos recursos económicos é unha realidade e máis aínda neste momento de crise moi profunda, pero precisamente por iso é necesario rendibilizar o que se ten e buscar fórmulas que nos permitan obter recursos. A súa falta non debe ser a desculpa para a inoperancia, porque para unha institución pública o diñeiro non debe de ser o problema, o problema si pode ser a capacidade de xestión, porque o financiamento búscase.

O que falta é xestión e vontade para facelo, porque se outros o fan nós tamén o poderiamos facer. Se hai diñeiro para investir nun pozo sen fondo como a Cidade da Cultura, tamén debería de existir para un patrimonio histórico e cultural milenario en estado de precariedade.

Hai que ver o que fan noutros lugares coas mesmas carencias que as nosas pero con máis vontade e ideas. Un exemplo a imitar poderían ser as fundacións Las Edades del Hombre, a Fundación del Patrimonio Histórico de Castilla y León, e a utilización dos fondos FEDER pola deputación de Valladolid, cidade que ten o Museo Patio Herreriano de Arte Contemporánea Española, con obras cedidas por empresas, entre as que hai algunhas galegas.
O invento de “las Edades del Hombre”

As quince exposicións iniciadas en 1988, ademais das celebradas en Anveres e Nova York, foi un dos inventos de recoñecido éxito na recuperación, consolidación e divulgación do patrimonio das dioceses da comunidade de Castilla y León feita a través da fundación que leva o mesmo nome. Outra cousa sería para o noso patrimonio se en Galicia se fixera algo parecido, partindo daquela “Galicia non tempo” en lugar de enterrar millóns de euros no complexo do Gaiás.

A deputación de Valladolid utiliza fondos FEDER da Unión Europea para facer museos, como o de Arte Sacra instalado na igrexa do convento de San Francisco de Medina de Rioseco, presentado cunha espectacular montaxe de imaxe, luz e son, ou o Museo de las Villas Romanas de Almenara de Adaja-Puras, por pór dous exemplos ben distintos. ¿Por que non fai o mesmo a Deputación de Lugo? ¿Por que os nosos políticos con responsabilidade de goberno non van visitar aos seus homólogos desta comunidade, ou doutra, para decatarse do que fan e como o fan?

O Instituto de Estudos da Cidade

Foi flor dun día, das moitas que os políticos nos regalan aos lucenses. Ao final todo queda reducido a un titular de xornal. E esta xogada xa nola fixeron dúas veces con este asunto. O 2 de marzo de 2000 o entón presidente da Deputación Provincial anunciou que estaba facendo xestións para a súa creación.

Encargaríase de coordinar as escavacións arqueolóxicas, facilitar a súa divulgación a través de publicacións, e investigar calquera época histórica da cidade, vinculándoo ao Museo Provincial, como sempre, “arrimando a ascua á sardiña”. En realidade parece que era un pretexto para conseguir axudas da Consellería e do Ministerio de Cultura para a súa ampliación.

A idea, que era de Antonio Rodríguez Colmenero, retomouna despois a Universidade, que o constituíu formalmente, nomeando director. Pero naceu morto porque a decana da Facultade de Humanidades, pediu que participasen todos os departamentos. Así que fixeron un Instituto pechado, da facultade, e para eles. E como “pote de moitos, mal cociñado”, a estas alturas non se coñece que o tal Instituto fixese algo. Con todo a súa finalidade e algúns dos seus obxectivos podían aproveitarse para crear unha fundación.
A Fundación Duquesa de Lugo

Coma se fose o Guadiana, de cando en vez aparece e desaparece a idea dunha fundación presidida pola infanta dona Elena, Duquesa de Lugo. Temos que remontarnos ao 26 de xaneiro de 1998, cando Manuel Fraga informou a El rei da Fundación Duques de Lugo na audiencia que lle concedeu con motivo da súa segunda reelección como presidente da Xunta.

Ao ano seguinte, na visita realizada polos duques á cidade con motivo do primeiro aniversario do seu primoxénito, Orozco, que estaba estreando o seu cargo de alcalde, manifestou que aproveitaría a visita para intentar impulsar a posta en marcha da fundación, cuxos obxectivos poderían enfocarse cara á rehabilitación do casco histórico.

Pasaron doce anos e seguimos mareando a perdiz. Empresarios e asociacións están de acordo en que sería moi interesante para a cidade e a provincia, pero atopámonos con dous problemas, un que non saben a que se debe dedicar, e outro que non hai quen tome a iniciativa.

O alcalde agora suxire como obxectivo algo relacionado coa gandería, mentres outros prefiren a Muralla. Como xa comentei noutros artigos aquí aínda non se decataron de que a nosa riqueza é a arqueoloxía. Eu modestamente creo que unha fundación presidida por unha infanta de España, vaille máis un obxectivo cultural que un gandeiro, aínda que lle gusten os cabalos, sen deixar de valorar por iso a importancia deste sector na provincia e ata no municipio.

A riqueza da cidade de Lugo, insisto, é o seu patrimonio arqueolóxico e monumental que hai que rescatar, consolidar, restaurar, catalogar, estudar, difundir e exhibir. E estes deberían ser os fins principais da posible Fundación Duquesa de Lugo: o Patrimonio Arqueolóxico e Monumental da cidade.

Podería servir como exemplo a Fundación del Patrimonio Histórico de Castilla y León, da que son entidades fundadoras, ademais da Junta de Castilla y León, varias caixas, ás que se unen distintas entidades que colaboran economicamente para cada proxecto de restauración e recuperación do patrimonio moble e inmoble.

Xa que non tardan moito unhas eleccións, ¿hai algún partido disposto a sacar este tema adiante?.
De Abel Vilela, Adolfo
De Abel Vilela, Adolfo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES