Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Obras na catedral de Lugo

jueves, 19 de abril de 2012
As tabernas venderon máis de 4 millóns de litros de viño para facer a capela maior e a fachada

Durante oito anos os consumidores pagaron un imposto de dous marabedís por cuartillo para financiar as obras

Nestes tempos de obras na catedral, tal vez resulte de interese dicir algo sobre as razóns que impulsaron ao Cabido a derrubar a primitiva fachada románica para levantar a actual e a modificar o espazo interior máis importante do templo para potenciar o culto á Eucaristía.

É habitual en todas as igrexas, que na capela maior, por ser o lugar preferente, se dea culto á imaxe do patrón o da patroa baixo cuxa advocación se consagrou, pero a catedral de Lugo, dedicada a Santa María, é unha excepción, xa que a imaxe da Virxe dos Ollos Grades, que estivo nalgún momento no altar maior, a partir do segundo terzo do século XVI pasou a unha capela absidal.

Por iso cando se fixo o tabernáculo actual, para potenciar o culto ao Santísimo, colocouse no remate unha imaxe da Asunción de María aos ceos. Previamente, entre 1726 e 1734, fixéronlle unha magnífica capela, para que o seu culto tivese o realce que lle correspondía.

A catedral en ruínas

A finais do século XVII a capela maior e as naves laterais ata o Bo Xesús, incluíndo a fachada principal, estaban en ruína. Nos informes feitos polos mestres de arquitectura Domingo de Andrade, Pedro de Aren e Pedro de Monteagudo, dicíase que era preciso desfacer quince bóvedas desde os cimentos e as demais cimbralas con madeiras moi fortes por se se podían conservar no estado en que estaban.

Para a obra necesitábanse 50.000 ducados, e como as rendas da catedral a penas chegaban para manter o culto, o Cabido pediu a súa colaboración ás sete cidades do Reino de Galicia que acordaron recadar 20.000 ducados entre os seus habitantes. En 1665 xa concederan 30.000 ducados para que postos a renda producisen 1.500 reás cada ano para destinalos á cera e ao aceite que ardían día e noite ante o Santísimo Sacramento. É o que coñecemos como a Ofrenda do Reino de Galicia.

En 1726 o Cabido dicía que a fachada principal estaba esborrallada e separada das paredes mestras. O terremoto de Lisboa de 1 de novembro de 1755, agravou os danos en todo o edificio polo que decidiron acometer as obras da capela maior e da fachada, que foron taxadas polo enxeñeiro Carlos Lemaur en 689.485 reás, iniciándose a fachada en 1764.

Un imposto sobre o viño

El Rei concedeu 2.000 dobróns de axuda, o bispo deu 1.000 e o Cabido outros 1.000, que equivalían a 204.000 reás, pero aínda faltaban 449.485 reás. O Cabido xestionou a concesión dun arbitrio de 2 marabedís en cuartillo de viño, que conseguiu con dúas reais cédulas, a de 6 de setembro de 1764, que se aplicaba sobre o que se vendese nas tabernas e mesóns que houbese no territorio das dúas parroquias de San Pedro e de Santiago, que se atopasen tanto no interior como no exterior da muralla, e a de 21 de setembro de 1766, na que se ampliou o arbitrio ás tabernas que houbese na distancia dunha legua en contorno da cidade.

Segundo o cálculo vendíanse ao ano 12.500 cañados, que a 37 litros cada un, supuñan 462.500 litros, producindo anualmente o arbitrio 50.000 reás, que en nove anos, sumarían 112.500 cañados, que equivalerían a 4.162.500 litros, que producirían 450.000 reás, de cuxa cantidade sobraban 515 reás que eran precisos para a recadación do imposto.

Comezouse a recadar o 1 de xaneiro de 1765 e terminouse o 30 de abril de 1773, antes do previsto. A petición do Cabido, El Rei mandouno prorrogar o 1 de agosto ata o 30 de setembro, pero o Concello deuno por extinguido.

Un arbitrio discriminatorio

O custo das obras cargábase así aos que bebesen viño nas tabernas e nos mesóns da cidade e os seus arredores. Pero unha parte da veciñanza consumidora non podía estar conforme con que lle aumentasen o prezo do cuartillo, mediante un arbitrio que era discriminatorio, porque non afectaba aos nobres e poderosos, de maneira que os catro Gremios de Artistas en que se agrupaban os artesáns, e que compuñan unha boa parte do estado xeral da cidade, fixeron a súa reclamación a El Rei pedindo que se retirase a Real Cédula.

O procurador xeral, que era o encargado de defender os intereses do público ou común, tamén se uniu á protesta. Consideraba que ademais do clero de todo o bispado debían de contribuír os diocesanos leigos sen distinción de estados nin excepción de privilexiados, porque a catedral era de toda a diocese e así o dispuña o Concilio de Trento, subsistindo as mesmas razóns que houbera en 1699 para que todo o Reino de Galicia contribuíse á reedificación.

Parecíalle que na diocese había 1.013 pilas bautismais ou parroquias que tiñan como cabeceira a cidade de Lugo e a súa catedral, de maneira que se contribuísen todos farían máis fácil, rápida e menos onerosa a contribución.

Máis cartos para o remate

O 16 de xullo de 1774 o Cabido recorreu de novo a El Rei para pedirlle esmola para terminar as obras, pero non deu nada porque a Facenda non andaba boiante. Fixo de novo a petición que foi pasada ao seu real Consello, o cal deu orde ao intendente do Reino de Galicia para que un mestre taxase o importe do que faltaba. Fixo a taxación Miguel Ferro Caaveiro, director das obras do porto da Coruña.

O intendente propuxo a El Rei o arbitrio de cuartillo en arroba de viño de todo o que se cultivase na provincia na mesma forma en que se concedera para a construción do Hospital de Inhábiles ou cuartel de San Fernando. Tamén propuña que se repetise o anterior pero reducido a 1 marabedí en cuartillo, cargándose o consumo que houbese na cidade e o seu contorno tanto por xunto como polo miúdo sen excepción de persoas nin estados.

O procurador xeral tamén se opuxo, pois o Concilio de Trento era claro en canto a quen debía contribuír para arranxar as igrexas parroquiais. Primeiro estaban obrigados os efectos e rendas da fábrica, en segundo lugar os que percibían décimos, froitos e emolumentos da igrexa, en terceiro, e a falta dos anteriores, o patrón ou patróns, e á de todos os fregueses.

O Cabido recibiu outras axudas que o procurador estimaba en máis de 100.000 reás. Así, o cóengo tesoureiro Tomás Rodríguez de Arellano fixera as bóvedas, que pasaron de 30.000 reás, o que fora arcebispo de Santiago, don Bartolomeu de Rajoy, achegou 75.000 reás, e o deán Tomás de Anguiano dera 20.000 reás para adornos da capela maior.
De Abel Vilela, Adolfo
De Abel Vilela, Adolfo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES