Malditas guerras!
Rivas Delgado, Antonio - lunes, 16 de abril de 2012
Dous mortos en Afganistán. Bombas por un lado. Balas por outro. Granadas polo chan. A guerra.
Ningunha guerra é boa. Nin as que son por unha boa causa. Cando os corpos rachan, aí acabaron as boas e malas causas. Cando unha bomba explota, un inocente descansa en paz. Ou moitos inocentes. A guerra.
Toda guerra é unha causa perdida para a humanidade. A guerra é unha agulla do reloxo que marca os segundos por mortos e os minutos por impotencias. O estoupido dunha bomba, o ruído dunhas balas son o silencio dunhas mortes.
A guerra é unha vista aérea de fosas comúns. É un desfile de féretros regados de bágoas familiares. Mísiles que buscan obxectivos militares e que caen sobre escolas de estudantes. Avións invisibles que non ven a inocencia dun pobo arrastrado ao exterminio polo poder dunhas poltronas que semellan eternas.
A guerra nunca ten razón de ser. Pero son miles de cadáveres os que quedan polos camiños e sen entender nada de nada. Dous mortos en Afganistán. E os que morreron antes. E os que aínda morrerán. Nesta guerra. Noutras guerras. Sempre haberá guerras. Polo poder duns cantos. Contra a inocencia de milleiros. Malditas guerras!

Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora