Orozco facendo o paseíño
Xiz, Xulio - lunes, 16 de abril de 2012
O paseiño de imputados diante das portas dos xulgados paréceme unha vexación pública á que tería que poñer coto quen teña sentido común e autoridade para gobernar estas cousas. Bastante é estar implicado nun proceso penal, culpable ou inocente, e supeditarse aos dictames da Xustiza como para tamén ter que someterse a outros sufrimentos colaterais.
Como lucense non me parece de recibo que o meu Alcalde, sexa quen sexa, neste caso Xosé Clemente López Orozco, que representa a cen mil lucenses máis, teña que acudir ao xulgado a declarar con pompa e circunstancia porque un lucense implicado en problemas xudiciais o mencionou, como a outros varios, como copartícipe dun delito por el cometido.
Quen confesa un delito diante da xudicatura está pedindo a berros ser mantido con cargo aos presupostos do Estado nunha institución penitenciaria, que por certo parecen reunir condicións de habitabilidade aceptables. E por eso é difícil de entender que Dorribo confese ter sobornado a diversas autoridades, e a raiz deso quede en liberdade. Sendo, eso si, natural que a esas autoridades se lles pregunte polo caso.
Pero sobre a presunta implicación de Orozco na posible concesión dunha licencia irregular a cambio do patrocinio do Arde Lucus, eu que andiven seis anos polos pasillos da primeira Casa lucense non entendo ben de que se lle acusa, porque as licencias concédeas a Comisión municipal de Goberno, que si preside o Alcalde, pero para que unha licencia se conceda deberá estar avalada por un equipo técnico e un proceso administrativo nos que varios terían que caer se cae o alcalde, e a saber a quen lle tocaría primeiro.
Naturalmente, o secretario xeral do concello, e os funcionarios que del dependen, se unha licencia coxea por falta dalgún informe favorable tería que facer e faría advertencia de ilegalidade flagrante.
O de Pleitos tengas y los ganes evidencia o temor que os nosos devanceiros tiñan polos temas que entran en consideración xudicial. E líbreme o ceo de pensar que eso é un cachondeo (o alcande andaluz Pacheco pasou á historia por unha frase así), pero considero que o perigoso tribunal popular do que todos formamos parte imparte condenas a sinistra e destra sen instrucción, sen probas nin interrogatorios, sen avogado defensor nin fiscalía. E o que o pobo xulga na terra ás lixeiras e fiándose de faladurías- só se pode amañar na outra vida. Nesta xa non ten amaño.
Volvendo a Orozco: Lugo merece mellor trato. E ó seu Alcalde, mentras haxa presunción de inocencia, evitárselle máis desfiles pola inexistente alfombra da fama.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora