Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O queixo do Cebreiro

martes, 10 de abril de 2012
Pregón da XXVI Feira da D.O.P. «Queixo do Cebreiro»
Pedrafita do Cebreiro, 5 – abril – 2012

Querido Alcalde e demais membros da Corporación Municipal de Pedrafita do Cebreiro, queridos veciños/as e amigos, queridos feirantes e visitantes desta XXVI Feira da D.O.P: «Queixo do Cebreiro»:

Benvidos / as á mesma. Agardo que todos teñades un bo día de estancia na nosa terra, tan acostumada a ser hospitalaria cos forasteiros que, por ducias, cando non por centenares, todos os días a recorren camiño de Santiago de Compostela; que degustedes este produto de tradición multisecular, tan típico dela, e que tanto nos está axudando a pornos no mapa de Galicia e do conxunto do Estado: o «Queixo do Cebreiro». Os feirantes deséxovos que esgotedes todas as vosas existencias, pois será o mellor sinal de que non estamos só de visita.

Cando fai apenas un par de meses o noso Alcalde me chamou para proporme facer o pregón desta Feira, de súpeto confluíron en min dous sentimentos, non diría que antagónicos, se non complementarios, pois un trae causa inmediata do outro. Para ser fiel a secuencia temporal destes, o primeiro foi o propio de quen recibe unha agradable sorpresa –non vou a ser tan hipócrita como para negar a pinga de vaidade que todos levamos dentro e que nese momento aflorou-; e o segundo, de profunda responsabilidade, no só por non defraudar as expectativas de quen me tiña feito o encargo –merecedor de toda a miña consideración na súa labor o fronte da Alcaldía-, senon por que o pregón tiña que dirixirse, entre outros, pero tamén a quen sodes os meus veciños, amigos, parentes, a moitos que me coñecedes desde neno, entón un «Balbino» como o que escribirá NEIRA VILAS nas súas memorias dun neno labrego, e un meniño rebuldeiro de «Sementeira» de «Fuxan os Ventos», eso sí, preñado de caladas inquedanzas, que tenta non esquecer as súas xenuínas raíces. Esas que poden dar sentido a unha vida.

A miña propia peripecia vital, esta chea de desarraigos e de separacións, ben que a veces buscados, pero sempre conservei este punto de referencia que todos precisamos: a casa dos meus pais e, con ela, Pedrafita do Cebreiro e a súa xente. Este lugar, para min impregnado de saudades e de esperanzas, que me ten feito situar ante o mundo e ante a vida, para apreciar a nosa cultura e a nosa lingua, os nosos valores e a nosa maneira de ser.

O certo é que sinto esta oportunidade como un regalo, e como a gratitude e unha virtude que non se soe practicar a miúdo, máis ben o contrario, vaia por diante o meu agradecemento as persoas que teñen pensado en min para este acto, que ten un indubidable lado festivo –as feiras en Galicia sempre foron un día de ledicia- e outro de reivindicación do noso. Abraiado pola responsabilidade, pídovos que olledes os meus bos desexos e non reparedes tanto nas limitacións e na cativeza do contido deste pregón.

Hoxe están presentes nesta Feira algunhas das persoas cas que comparto as miñas actividades profesionais cotiás, lonxe destas terras milagreiras que cantara o grande vate antiseñorial, RAMÓN CABANILLAS, «a montaña milagreira - do Cebreiro - Montsalvat», en clara referencia o mosteiro situado nunha alta montaña, o amparo da influencia árabe, o que chegou GALAHAZ na busca do Santo Grial.

Eles constitúen as mellores testemuñas do meu sempre declarado orgullo polas nosas costumes máis propias que forman parte do mais íntimo do noso patrimonio cultural, algunhas das que están sendo felizmente recuperadas e transcendendo mesmo o noso ámbito xeográfico. Lembro cando fai anos lles contaba a lenda do «Apalpador» que visitaba os fogares desta comarca na «Noite Vella» e a súa cara de incredulidade (non quero desvelar o que probablemente se agochaba detrás da súa faciana). Agora o «Apalpador» xa recorre as rúas de A Coruña e doutras grandes vilas da nosa Comunidade Autónomas e os seus nenos recíbeno nas festas do Nadal, para superar esa importación allea que é «Papa Nöel» o a súa outra versión «Santa Claus».

Lembro tamén como non comprendían a nosa tradición dos agasallos os afillados o «Domingo de Pascua» -lémbrovos que xa é dentro de tres días- ou a tradición dos «Reiseiros», documentada, por vez primeira, no século XVII, aínda que quizais sexa anterior, propia das parroquias do Cebreiro, e recuperada en boa medida polo cura XESÚS MATO.

Devolver a normalidade a nosa cultura, o igual que a nosa lingua, é de xustiza, pois só foron marxinadas pola intolerancia, a ignorancia e o rancor. Tamén habería que falar de tradicións vencelladas a oficios, algúns dos que xa quedan só na nosa memoria de nenos: os zoqueiros, os ferreiros, os muiñeiros, os esquiladores e as cardadoras e fiandeiras, tanto de liño como de lá. Destas últimas apenas queda o nome do «fiandón» para chamar as reunións de veciños e amigos nas longas e frías noites, para pasar un anaco agradable a carón do lume e, con frecuencia, botando unha partida de cartas; dos ferreiros aínda quedan algunhas das pequenas fraguas domésticas, se ben xa sen uso. E dos muíños, movidos pola forza da auga, afortunadamente aínda quedan algúns ben conservados pero xa en desuso, tamén. Os que non sodes da comarca convídovos a facer a chamada «ruta dos muíños» polo val de Connavia, onde poderes apreciar toda a beleza natural dos prados, recorridos por infinidade de pequenos regatos e mesturados coa frondosidade das árbores autóctonas: bidueiros, faias, rebolas, freixos, pradairos, salgueiros e xardóns. Unha pequena mostra da serea beleza natural deste Concello, o territorio do cal forma parte, na súa práctica totalidade, da «Rede Natura».

Non veño a representar a nada nin a ninguén, máis que a min mesmo e por esta razón xa pido escusas por trabar este pregón de lembranzas e de morriñas persoais. Tampouco teño claro cales son os meus méritos ou a razón pola que os organizadores desta Feira teñen pensado en min para a lectura deste pregón. Pero o certo é que me ten feito relembrar os meus anos mozos, cando podía gozar máis e con más tempo das miñas estanzas nesta terra, a medio camiño entre as serras de Os Ancares, e de O Caurel, a porta de entrada a Galicia e mirando de reollo a esa quinta provincia galega que, aínda que non administrativamente, é O Bierzo, ca que nos unen tantos vencellos: as feiras que cada que cada días 5 e 21, mensualmente, se celebran neste mesmo lugar amósano con toda evidencia: os bercianos venden aquí os seus produtos da horta e as súas froitas. E por traer a colación algún produto que compartamos e que nos identifique, aí temos o exemplo do botelo e da androlla, respecto do que dificilmente chegariamos a un acordo sobre si é autóctono do Bierzo ou da montaña luguesa; por non falar tamén do mercado de lá de Cacabelos, onde funcionaba o sistema de intercambio ate épocas ben recentes.

Naquelas primeiras semas, despois de recibir a chamada do noso Alcalde, non puiden deixar de darlle voltas a aquela imaxe que conservo desde neno, a miña avoa e a miña nai preparando o queixo na casa: gardando o leite sen desnatar, agardando a que se callara na ola de barro, utilizando sempre un callo natural (o presoiro feito con partes do bandullo do porco que poñía nun cacharro ao que se lle engadía sal e vinagre), cortando a callada, amasándoo coas mans, engadíndolle sal, meténdoo nun pano branco –antes de liño e agora de algodón- e despois na forma feita, entón, cunha costela de rebola –o «aro»-, e póndolle unha pedra, duns dez quilogramos de peso, enriba, a modo de prensa, para que pasara alí toda a noite a fin de escoar o soro e de darlle a súa forma tan característica. A pedra non é gran cousa e non é moi difícil de atopar nos nosos montes, pero o parecer xa era a que usaba a miña bisavoa co mesmo fin e aínda hoxe ronda pola casa de meus pais, con utilidades ben distintas. A imaxe é a de miña nai amasando, coas súas mans, o leite xa callado, facendo uns baloquiños que invitaban a probalos xa antes de seren prensados e desorados. Caladamente agardaba a caída de algunha faragulla como pequeno agasallo pola paciente espera o remate da faena e por non fedellar en demasía.

Tamén me lembrei daquelas historias que me contaba miña avoa de cando viña a vender a esta mesma feira os lacóns, os chourizos, os ovos de corral e, en particular, os seus queixos e como xa agardaban os compradores no remate da chamada “Costa de Pedrafita”, antes aínda de que houbera a carreteira comarcal, para preguntarlle se levaba ou se lle quedaban queixos.

Dende aquelas imaxes de neno, e dende aquelas historias de avoas e de bisavoas, ben ten cambiado a forma de vida nas nosas aldeas e a forma de distribuir e de comercializar o queixo do Cebreiro, pero hai algo que se me antolla que se mantén incólume e non só dende aquela data, aínda recente, se non dende hai séculos: a calidade do leite empregado e a forma de elaboralo. Terá cambiado o molde –xa non será de costela de rebola-, amasarase con algún aparello eléctrico e a pedra terase substituído por unha prensa algo máis sofisticada, pero o produto do que se elabora –a leite das vacas que pastan nos nosos prados, searas e montes-, o modo de elaboralo e ata a súa caprichosa e coqueta forma de gorriño de cociñeiro –algúns din que de fungo- mantense dende sempre invariable.

E para completar o debuxo daquelas cousas que cambiaron, tampouco a miña peripecia vital e allea os cambios e a permanencia do noso queixo como referente. Agora, aínda que boto a faltar enredar cos baloquiños de queixo amasado antes de ser prensados, podo gozar saboreando un dos queixos que, case sempre, meus pais agochan na neveira e que, por non tomar partido por ningunha das recoñecidas queixeiras de Fonfría do Camiño, do Hospital da Condesa, de O Coedo ou de Nullán –o que non parecería moi acadado para o pregoeiro nunha feira de exaltación-, non vou a citar as mans da artesá. A mellor forma de rematar unha comida familiar de fin de sema e cun anaco de queixo do Cebreiro e, se lle cadra, aderezado con mel, tamén da terra, ou si se lle quer engadir algo exótico, marmelo ou goiaba.

Con todo, se queredes probar algo distinto e incluso algo máis sofisticado anímovos a ver na páxina web do Consello Regulador da D.O.P. «Queixo do Cebreiro» (www.cebreiro.es) case sesenta receitas distintas para utilizar na cociña este queixo, que van dende os entrantes e as ensaladas, ate as sobremesas, pasando polas sopas e purés, polas verduras e as pastas e polas carnes e os pescados.

Pois ben, un elemento fundamental da cultura dun pobo, xunto coa súa lingua, a súa música e a súa arquitectura, son os seus produtos gastronómicos, pois forman parte das tradicións máis ancestrais e arraigadas. Esas que se aprenden dos antepasados e que se transmiten de xeración en xeración. Entre estas, o oficio de facer o «Queixo do Cebreiro» é unha delas: apréndese de outros que antes o aprenderon doutros e, a súa vez, estes ensinan a quen lles sigue no mesmo oficio. Aí están os exemplos das queixeiras de Fonfría das que antes falaba, permitídeme esta pequena piscadela as miñas veciñas, e que están empezando a facer que ate se empece a nomear como «Queixo de Fonfría».

Teño xa que aclarar, e acaso pedir desculpas pola miña ignorancia, que non poucas sorpresas me atopei cando me puxen a ler sobre a historia e tradición do noso Queixo, pois eu tiña na caluga como un produto cuxa difusión fora das comarcas de montaña luguesa era algo extraordinariamente recente. A historia amósanos que aconteceu todo o revés de como tiña para min.

Na contraportada do díptico que este ano anuncia esta XXVI Feira, xa podedes ver que hai documentos que dan testemuña de que os Reis Carlos III e Sabela de Portugal gustaban do noso queixo (no díptico reprodúcense parcialmente os custos dunha remesa de queixo do Cebreiro a raíña de Portugal no ano 1781 –fai 230 anos-). Algo antes, na Historia Xeral do Reino de Galicia do ano 1750, dise do queixo do Cebreiro que ten «un dos mellores gustos e mais delicados do mundo». E así debían pensar na casa real, pois por unha Orde de 1746 se dispoñía o envío semanal de queixo do Cebreiro para a Corte. O Rei Carlos III regaláballo a súa irmá, a Raíña de Portugal, encargándose o cura da Vilavella de velar polo coidado na elaboración dos queixos enviados. Pagábanlle por iso seis libras de tabaco e o arrieiro que levaba os queixos dende Santiago a Lisboa, recibía oitocentos reais. A bo seguro que o Camiño de Santiago, daquela o principal vieiro de comunicación non só coa meseta si non co resto de Europa (ate a actual Polonia, pasando por Alemaña e Francia), serviu para espallar a sona do «Queixo do Cebreiro» ata chegar a mesma Corte real.

Na obra Descripción Económica de Galicia, escrita polo fisiócrata e precursor LUCAS LABRADA, a principios do século XIX, unha sinxela e metódica exposición dos feitos económicos fundamentais da Galicia do século XVIII, dise da comarca de O Cebreiro que «produce centeo e que hai abundancia de excelentes herbas coas que se cría bastante gando; dedicándose os naturais destas terras a fábrica de queixo, que conducen a vender o interior de Galicia». Máis recentemente, na súa Historia de Galiza (Ed. Nós, Bos Aires, 1962), R. OTERO PEDRAYO, recolle a sona do queixo do Cebreiro, do que di que se fai na serra deste nome e especialmente na comarca que ten por centro a Pedrafita (Vol. II, páx. 305). Fala da forma de elaboración, en tremos xa coñecidos, e engade que «o resultado en un produto semimol, sen ollos, fino e de excelente calidade».

Os antropólogos máis recentes seguen mantendo as referencias o noso queixo. É o caso de XOSÉ RAMÓN MARIÑO FERRO quen escribe que na montaña lucense gusta moito o leite callado e o requeixo, elaborándose o queixo do Cebreiro, do que di que ten un sabor moi peculiar, lixeiramente ácido e unha forma característica: cilíndrica e ca parte alta algo ensanchada (Antropoloxía de Galicia, Ed. Xerais, Vigo, 2000, páx. 189).

Pero, a pesar da súa secular historia, que o fixo coñecido e recoñecido máis aló das nosas fronteiras e aínda nas Cortes rexias europeas, e de manterse todas a súas características, pasando a forma de elaboralo de nais a fillas, xeración tras xeración, tamén e certo que a escuridade dos anos da posguerra civil en España determinaron que a nosas aldeas e os nosos produtos viviran anos tamén escuros. Resulta certamente paradoxal comprobar como no século XVII o noso queixo chegaba ate os reis de Portugal e nos anos intermedios do século XX tíñase convertido nun produto de autoconsumo exclusivamente doméstico que permitía darlle o leite das nosas vacas un uso distinto, xunto coa elaboración de manteigas e do leite callado. A esta situación non foi allea a situación do noso pais en xeral e o illamento das aldeas nas que se producía o queixo, sen dúbida favorecido pola dificultade da nosa orografía, que ten condicionado tanto a historia e a vida desta comarca. O mesmo Camiño de Santiago, outrora motor e transmisor do coñecemento deste produto, estaba a piques de caer no esquecemento da historia.

Permitídeme unha anécdota do que acontecía non hai moitas décadas, se ben os que sodes do Concello sabédelo mellor que ninguén, e de cómo a aldea do Cebreiro esmorecía deshabitada.

A anécdota que vos quero reflectir está escrita nun texto de ÁLVARO CUNQUEIRO. Son apenas unhas liñas nas que conta a súa propia peregrinación ata o alto de O Cebreiro, un fragmento da crónica publicada no Faro de Vigo o día 14 de outubro de 1962. Neste percorrido ate O Cebreiro acompañou a CUNQUEIRO un fotógrafo, MAGAR, coa súa máquina de foto o ombreiro. Chegados O Cebreiro preguntoulles unha das poucas veciñas que non emigraran da aldea se «son os que veñen a amañar a carreteira?». A aclaración de que non son os de obras públicas se non peregrinos aínda causou máis desconcerto na muller: dos primeiros nada se sabía e dos segundos, os camiñantes ate Compostela, apenas quedaba rastro: «Fai dous anos que pasou un … Era un alto, como vostede, dispensando…», aclaroulle a señora de O Cebreiro a D. ÁLVARO.

A anécdota de CUNQUEIRO no Cebreiro non mantén vixencia. Afortunadamente teñen chegado os de obras públicas e os camiñantes a Compostela amoréanse na subida pola Faba cara o santuario e o albergue do Cebreiro e mallan as beiras do que chamabamos «Camiño Real».

Con eles –cos de obras públicas e cos peregrinos a Compostela- tamén chegou o renacer a esta comarca e, de novo, o recoñecemento dos produtos agrarios autóctonos de indiscutible calidade.

Pero tampouco esta nova idade de ouro do queixo do Cebreiro ía a estar libre de inquedanzas. A política agraria común da Unión Europea –a «PAC»- ten forzados profundas transformacións no agro galego, non sempre doadas de asumir. O campo tradicional, aínda pobre en recursos e en infraestruturas, se o comparamos con campo noutros países do noso entorno xeográfico e político, vese obrigado a competir no mercado único con produtos de máis áxil comercialización e con custes de produción máis acadados. As inversións e as políticas das multinacionais alimenticias neste eido son cada vez máis agresivas, sobre todo nos procesos de elaboración e de comercialización e distribución, condicionando a supervivencia mesma e o futuro dos produtos de elaboración artesanal.

Neste contexto, a principal aposta para competir ten que vir necesariamente da man de produtos de calidade. A principal aposta e o principal valor que tradicionalmente se lle ten concedido a produción galega de produtos agrarios é a súa indiscutible calidade natural. Nesta liña naceu a marca «Galicia calidade» e a potenciación das denominacións de orixe dos produtos agrarios, na busca de marcas competitivas e diferenciadas nos mercados para os noso viños, augardentes, lacóns, carne de tenreira, patacas, fabas –nesta feira contamos con expositores de «fabas de Lourenzá»-, mel e para os nosos queixos. As denominacións de calidade, as denominacións de orixe, as denominacións de orixe protexida, as denominacións específicas -«Orujo de Galicia»- ou as indicación xeográficas protexidas -«Tenreira Galega»- son instrumentos que serven para por en valor e diferenciar no mercado, cada vez máis competitivo, a natural calidade dos nosos produtos agrarios, elaborados ou non.

Estes distintivos públicos de calidade constitúen unha protección legal contra a produción e a elaboración de tales produtos noutras zonas, aínda que se utilicen os mesmos ingredientes e procedimentos, fomentando a organización do sector produtivo e facilitando o acceso de produtores os mercados nacionais e internacionais de alimentación. Afortunadamente xa é ben cotiá ver os «gorriños» de «Queixo do Cebreiro» nos mostradores de queixos das grandes cadeas de distribución alimentaria en todo o territorio do Estado ¿Quén sendo da comarca do Cebreiro non amosou un leve sorriso de satisfacción o ver os nosos «gorriños» co selo da denominación de orixe nos expositores de produtos lácteos de «Carrefour», de «Mercadona» ou de «Alcampo»? É ben certo que estas cadeas de distribución levan nomes que non nos son propios e que están a arrasar co pequeno comercio familiar, pero esta non é unha cuestión que nos toque agora.

No caso da D.O.P. «Queixo do Cebreiro», a circunstancia da concesión da mesma polo Ministerio de Agricultura traduciuse na implantación de catro produtores que se integran hoxe no Consello Regulador e no crecemento das queixeiras domésticas e artesanais. Os datos oficiais amosan unha produción anual media de 25.608 quilos de queixo, cun valor de mercado aproximado de 230.472 €, aínda que se antolla que a realidade do mercado supera con creces estas cifras.

A «Denominación de Orixe» é un tipo de indicación xeográfica aplicada a un produto agrícola ou alimenticio que ten unha calidade ou características que se deben fundamental e exclusivamente ó medio xeográfico no que se produce, transforma e elabora. É unha cualificación que se emprega para protexer legalmente certos alimentos que se producen nunha zona determinada, contra produtores de outras zonas que quixeran aproveitar o bo nome, a sona, que teñen creado os orixinais, nun largo tempo de fabricación ou, de ser o caso, de cultivo.

Os produtores que se acollen a denominación de orixe, comprométense a manter a calidade o máis alta posible e a manter tamén certos usos tradicionais na produción, e en particular, nos produtos agrarios elaborados utilizar materias primas producidas no territorio o ou ámbito xeográfico que abrangue a protección. No caso do «Queixo do Cebreiro» son os concellos de Baleira, Baralla, Becerreá, Castroverde, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Láncara, Navia de Suarna, As Nogais, Samos, Triacastela e Pedrafita do Cebreiro. O leite que se emprega ten que proceder do munguido de vacas das razas rubia galega, parda alpina, frisona ou dos seus cruces entre si. Empregase a leite enteira, sen ser sometida a ningún proceso de estandarización, conservándoa convenientemente para evitar o desenrolo de microorganismos, de maneira que a temperatura de conservación non supere os 4º C.

Corresponde o consello regulador da denominación de orixe velar polo cumprimento das esixencias de calidade no proceso produtivo e de maneira consone autorizar a utilización do distintivo público de calidades ós produtores da zona que cumpran aquelas regras. Desta maneira garántese o consumidor final un nivel de calidade máis ou menos constante e unhas características específicas e estandarizadas.

Da calidade do «Queixo do Cebreiro» dan conta moitos indicadores e non só o mero feito, xa de por si obxectivo, de ter acadado o recoñecemento, legal, como produto con «D.O.P.». Permitídeme so algún para non cansarvos en demasía.

O pasado día 21 de febreiro deste mesmo ano 2012, lía, co orgullo de quen o sente como propio, a seguinte noticia publicada no xornal La Voz de Galicia: os usuarios do portal de Internet de listas de 20minutos.es acaban de elexir o Queixo de O Cebreiro como o mellor de España, e sitúan en quinto lugar o de «Tetilla», que elaboran en Curtis, Arzúa e Melide (en A Ulloa) e que, como sabedes, tamén é merecedor da condición de D.O.P., xunto coas variedades «San Simón da Costa» e «Arzúa - Ulloa»

Os votantes valoraron o noso queixo, o queixo da montaña de Lugo, porque está feito de maneira natural e sen conservantes nin aditivos. Esta vitoria simbólica é canto máis importante se temos en conta a fortaleza dos rivais, queixos recoñecidos e con grande implantación comercial e publicitaria. Este foi o resultado da votación: «O Cebreiro» (896 votos), «Manchego» (786), «Cabrales» (728), «Torta del Casar», de Extremadura (666), «Tetilla» (554), «Idiazábal», do País Vasco (537), «A Fuega’l Pitu», de Asturias (450) e «Mahón», das Illas Baleares (395).

Pero aínda que a calidade do «Queixo do Cebreiro» non sexa dubidosa e tampouco o sexa o bo parecer que lles merece a todos cantos o proban, no mundo da economía globalizada que nos toca vivir, resulta imprescindible seguir dando o a coñecer, so risco certo de esmorecer nas memorias máis privilexiadas, e unha destas maneiras e precisamente a través da celebración desta feira de exaltación que, habitualmente, vense celebrando o día de «Venres Santo» e que, nesta ocasión, por coincidir precisamente o día seguinte do que mensualmente se celebra o mercado, se ten adiantado o día de «Xoves Santo».

Pois ben, cando un acontecemento acada a edición núm. 26 é evidente que se trata dun éxito para todos os implicados na súa realización e promoción. É certo tamén que nos últimos anos teñen proliferado en Galicia as feiras de exaltación dun e doutro produto, elaborado ou non, e en particular as que teñen o queixo como protagonista. Nestas última semas, por non facer unha listaxe cansina, téñense celebrado as feiras do queixo e pan de Ousá que ten lugar en Friol, a festa do queixo de Arzúa, a feira do queixo da Ulloa, do queixo de San Simón da Costa en Vilalba que se celebrará este mesmo fin de sema –coincidindo, por certo coa Feira do viño de Quiroga-, a do queixo do Eume e mel de Goente en As Pontes e, hoxe mesmo, coincidimos coa XXI edición da festa do requeixo e mel de As Neves.

Cada unha delas tenta dar a coñecer o seu produto propio, o tempo que serve de escaparate publicitario para as outras variedades. Neste mercado xa tan competitivo resulta pois imprescindible manter esta iniciativa, apoiala, cada un cos seus medios e as Administracións Públicas implicadas, en particular, a través do seu patrocinio e da súa presenza efectiva. O momento actual é especialmente difícil, precisamente o retraemento das iniciativas públicas de apoio os pequenos produtores supón un risco engadido o mantemento da produción artesanal, cando a aposta tiña que ser precisamente a contraria, mediante o apoio decisivo encarado a propiciar a chegada dos produtos autóctonos o mercado exterior.

Moitos de vos sodes coñecedores de primeira man da profunda crise, que xa antes do estourido da única que parecer preocupar as autoridades públicas, cal é a crise financeira e do mercado do crédito, padecía o campo galego, tanto no caso dos produtores de carne, como dos produtores de leite; forzados a adquirir uns dereitos de produción agraria que, a volta duns meses, se converterán en papel mollado e a competir nun mercado único e liberalizado cos grandes produtores franceses, holandeses e alemáns.

Parecera que a posibilidade de diversificar o uso do leite producido en Galicia, a través de produtos elaborados de calidade como é o «Queixo do Cebreiro» e unha alternativa viable, en termos económicos, para intentar dinamizar e facer rendible este sector.

Unha alternativa viable para reconducir e dar novos bríos o desenrolo económico, probablemente a carón da potenciación dos nosos valores naturais, orientados o turismo rural, coa que compensar o declinar, parece que inevitable, da agricultura e da gandería. Pero isto último non é algo exclusivo noso, a economía globalizada, a que xa teño aludido, está levando a tódolos países da Unión Europea a desindustrialización e a deslocalización a países de man de obra barata. A opción de supervivencia parece estar nas actividades terciarias e o éxito destas parece vir precisamente pola potenciación dos produtos e culturas locais.

Querido Alcalde, a empresa non é pequena pero agora máis que nunca todos temos que pular na mesma dirección e xa somos sabedores da túa constancia e bo facer na persecución de obxectivos para o noso Concello e en consecuencia para a comarca na que se integra. Coido non incorrer na loanza doada se digo que nos últimos anos tes contribuído de maneira moi considerable a por no mapa de Galicia a este pequeno Concello, a base de anécdotas das que se ten feito eco a prensa nacional –o alcalde que ó volante da máquina limpa-neves chega ata o último recuncho habitado- e de bo facer como xestor público –Pedrafita do Cebreiro é un dos poucos Concellos non endebedados do conxunto do Estado- e isto a pesar de acometer a realización de numerosas obras públicas e de prestar servizos os veciños, especialmente no caso dos dependentes e que supoñen unha notable carga para os fondos públicos no caso dunha poboación envellecida e espallada.

Reiterando novamente o meu agradecemento por esta oportunidade, e animando ós responsables públicos, ós membros do Consello Regulador da D.O.P. «Queixo do Cebreiro» e especialmente ás artesáns produtoras a seguir neste esforzo por por en valor o noso queixo, remato.

Moitas grazas pola vosa atención!
Busto Lago, José M.
Busto Lago, José M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES