José Blanco e o Castelo de Pambre
X.X. - martes, 18 de enero de 2005
José Blanco é de Palas de Rei. Foi concelleiro de Palas de Rei. Cando eu fun dar o pregón das celebracións do vintecinco aniversario da Asociación de Veciños de Pambre, na palleira onde se celebrou o acto estaba José Blanco na primeira fila.
Ou sexa, que cando fala de Pambre, José Blanco sabe de que fala. E estes días, Blanco ven de declarar que é esencial facerse co castelo de Pambre e convertelo nun Parador. E para eso seique se ten brindado desde a Administración do Estado, pero teñen que implicarse as institucións autonómica e local.
Pambre é un caso sangrante. En tempos era o seu propietario o Sr. García Blanco, santo varón que compartía o agarimo pola súa propiedade con todos os que alí chegaban, e hai fotos del diante do castelo con Fole, Celestino e outros esgrevios galegos.
Pero o novo propietario do magnífico castelo pechou aquel edificio histórico con sete candados e hoxe o mellor resto fortificado do medioevo en Galicia é unha vivenda particular onde non se permite o paso a ninguén.
Eu estou de acordo con Blanco en que é esencial facerse co castelo de Pambre. E logo convertelo nun Parador, ou en Museo, ou en pazo de congresos. E estou seguro que se este tema supera a fase coloquial podería chegarse a algo importante para aquela zona. Non hai que esquecer que o castelo está a un paso do Camiño francés a Compostela.
E se Blanco consegue eso, moita xente estará con el. Eu o primeiro.
Pero eu non voto en Palas. De tódolos xeitos, se esto se consegue, José Blanco -se se presenta- chegaría a ser, esta vez, Alcalde de Palas de Rei. O mellor Alcalde de Palas de Rei.

X.X.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora