A Semana Santa, un patrimonio colectivo
Santalla, Iago - miércoles, 04 de abril de 2012
Esta semana celebramos os días grandes da tradición católica e cristiá: a morte e a resurrección de Cristo. Esta conmemoración cadra coa primeira lúa chea de primavera, que reflicte na natureza o triunfo da vida sobre a tristura inerte do inverno. Isto dará lugar a un desfile de imaxes por todas as cidades do país, e tamén polas súas vilas máis significativas.
Non hai dúbida que para a tradición católica son os días fundamentais da súa fe, e así o lembra o vello refrán que recollín da miña avoa: tres días hay en el año que relucen como el sol: Viernes Santo, Corpus Christi y Día de la Ascensión. Para uns son días de recollemento e reflexión, para outros unha longa ponte na que coller folgos cara as vacacións estivais.
De calquera xeito é innegable que a nosa cultura ten unha base cristiá moi profunda da que é difícil escapar.
Quen isto escribe ten considerables diverxencias coa Igrexa que agora non veñen ao caso, senón para poñer de manifesto que non é un practicante activo; e que incluso o seu xeito de concibir a Cristo ás veces enfróntase co da Igrexa oficial, ao igual que determinados valores nos que cree. A pesar disto sei que a cultura á que pertenzo, e na que milito, non sería a mesma sen a vertente relixiosa que lle é propia. Por iso son partidario de situar a mesma no lugar que lle corresponde, que para min é cultural, e nunca político.
Estamos a vivir unha explosión de cultura tanto material, reflectida na riqueza iconográfica que inunda as nosas rúas; como inmaterial reflectida nas emocións, no recollemento, nas prácticas, nas tradicións e no fervor co que os crentes ateigan vilas e cidades.
Este (ao igual que o dos muíños, o das cantigas e contos dos avós ou o da enorme mina cultural que é a lusofonía) é un patrimonio que non podemos perder. Alén das crenzas individuais, o ser humano ten unha necesidade de transcendencia que cada persoa vive como cre e como sente.
Os católicos, ou os cristiáns (cos que me sinto máis identificado), decidiron vivir esta transcendencia de xeito colectivo; e foron capaces de xerar nela un patrimonio abraiante que ademais ten un efecto indiscutible sobre a nosa economía.
Crer ou non crer é a nosa opción individual, a loita por que os dogmas eclesiásticos non se impoñan sobre aqueles que simplemente non concordan cos mesmos é digna e de xustiza; mais non pode ser o veo que nos impida admirar e incluso formar parte dunha manifestación colectiva na que se reflicte profundamente a cultura da que vimos e na que vivimos.
Por outra banda tampouco nos pode impedir a defensa dun patrimonio histórico inmaterial, materializado en imaxes que lle debemos legar aos nosos devanceiros.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora