Acerca da intelixencia
Rubal, Pedro - martes, 03 de abril de 2012
Nun traballo anterior dixemos que cada vivente ten o seu modo peculiar de enfrontarse ás cousas, ten (lembran?) a súa HABITUDE.
A este modo, a esta habitude, no home (na muller) chámalle Zubiri INTELIXENCIA. É dicir, intelixencia ven a ser a aprehensión das cousas coma REALES, non só coma meros ESTÍMULOS. (Sen ler o xa explicado antes aquí, non será fácil entendelo).
Teñamos, pois, moi en conta que antes de concibir algo (que este é un libro, por exemplo) e de xulgalo (é un libro voluminoso de Física) hai que captalo como real, hai que enfrontarse a el intelectivamente, coa intelixencia. Polo tanto, concibir, xulgar, proxectar
como son, ou deben ser, as cousas é algo posterior a aprehendelas coma realidades: son actos posteriores, pois a intelixencia xurde nese mesmo momento en que nosoutros nos enfrontamos as cousas coma núa realidade. E isto, a min, paréceme moi importante, porque é aquí onde o home empeza a diferenciarse esencialmente do animal non humano: NON EMPEZA A DIFERENCIACIÓN EN SER, OU NON, RACIONAL, SENÓN, ORIXINARIAMENTE, NA IMPRESIÓN PRIMORDIAL DA REALIDADE.
Esta é unha idea fundamental e fundamentante na antropoloxía zubiriana.
Coma un exemplo vale máis que mil teorías, permítanme que lle lo traiga aquí: Nosoutros podemos facer os análises e consideracións que desexemos e se nos ocorran sobre a realidade dunha mazá, pero nunca antes de enfrontarnos a esa mazá coma algo real: Se nos quedáramos na mera estimulidade, xa non sería posible facer ningún xénero de análise nin consideración, porque ó estímulo despáchase cunha resposta adecuada, e punto.
Que é o que facemos que nos diferencie do animal?. Radical e fundamentalmente o seguinte:
Primeiro.- Recibimos o impacto da mazá coma un estímulo máis (aínda que sería máis exacto dicir dalgunha propiedade da mazá, capaz de estimular un dos nosos sentidos); pero non respondemos a ese estímulo instintivamente, o animal si o fai.
Segundo.- Fecémonos cargo da mazá coma realidade, coma algo que é, que existe de seu, en propio.
Terceiro.- Sentímonos, polo tanto, na presenza dunha realidade, cuxa riqueza de propiedades, por descoñecidas, é unha invitación para acometer futuros enfrontamentos: O animal non humano despacha todo coa resposta instintiva. A intelixencia, pois, non é primariamente nin coñecemento nin ciencia. Dito doutra maneira, para Zubiri, intelixir, orixinariamente, nin é concibir, nin xulgar, NIN É RAZOAR, nin é coñecer, nin é facer ciencia
: É APREHENDER UN ESTÍMULO COMA REALIDADE, COMA ALGO DE SEU, EN PROPIO.
Mais tampouco debemos entender isto coma se o home prescindira do estímulo; non, o que fai é aplicarlle o seu modo de sentirse estimulado, en virtude da súa habitude.
Repito: O intelixir, orixinariamente, non é coñecemento, porque coñecer é un acto ulterior do intelixir, se o prefiren, un intelixir máis perfecto; é un acceso, un camiñar por unha realidade que xa nos foi dada nese intelixir primordial; é un proceso, pero XA dentro da realidade para adentrarse máis nela; é un camiñar dende o que nos foi dado nese intelixir nu, en coiro, para, dentro dela explorar máis realidade, ou, se queren, achar máis propiedades, máis riqueza, máis aspectos interesantes, aínda que este coñecemento é un problema ( un pro-ballo, en grego, un lanzar cara a diante), porque a mesma realidade núa encárgase de lanzarnos nesa exploración.
Pero non nós é problema a núa intelección: É un feito que está aí. O problema xurde cando, invitados por ese feito, buscamos máis aspectos da realidade (como sabe a mazá, que composición química ten
), máis aspectos que se nos PRESENTAN nela mesma DE NOVO, é dicir, que se nos RE-presentan, onde aparecen as representacións desa realidade, enriquecida coas achegas do coñecemento da mesma. Todo isto permítenos establecer as seguintes conclusións:
1ª.- O home ten sensibilidade e intelixencia; pero non hai superposición dunha sobre a outra, porque, no home (na muller) onde hai sensibilidade hai intelixencia, e viceversa: A intelixencia é sentiente (non sintiente, porque non ten orixe NO e CO sentimento, senón COA e NA sensibilidade) e a sensibilidade é intelectiva, isto é: INTELIXE SENTIENTEMENTE, e SENTE INTELECTIVAMENTE.
2ª.- Xa se entende por que a RACIONALIDADE é algo ulterior á REALIDADE: é unha esixencia desta.
3ª.- Xustamente por iso, Zubiri define ó home coma ANIMAL DE REALIDADES, e, consecutivamente, RACIONAL.
Tal vez conveña dar máis pasos nesta temática; pero introducidos nela non corre presa, porque é esgotadora. Non si?.

Rubal, Pedro