Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tres actitudes: Consecuencias inconsecuentes

martes, 27 de marzo de 2012
É desconcertante a altura dos nosos tempos contemplar as actitudes que seguen ás posturas teístas, ateístas e, incluso, agnósticas en determinadas situacións. Isto evidencia que os avances no eido das ciencias e doutros saberes só serven para enriquecer ofertas a un nivel operativo e non constitutivo da nosa realidade persoal. Xa tiña que estar superada a ignorancia doutras épocas…!. Non nos empachemos cun PROGRESO REGRESIVO ata o babeo…!.

O home (a muller), decátese ou non disto, ten unha dimensión teologal, non teolóxica, é dicir, unha versión religante cara a unha realidade fundamentante. Outra cousa é ata onde se desexa levar o uso que dela se faiga, porque urxe cunha vez por todas deixemos de “ideoloxizar” as posturas que ante ela poden adoptar, EN OPCIÓN LIBRE, uns e outros. Porque a dimensión é un feito, que estará aí sempre pola propia realidade persoal humana.

E penso que tanto racional coma razoablemente deberíamos aceptar, precisamente polas conclusións da mesma ciencia en todos os eidos, especialmente o antropolóxico, que nada hai resolto aquí, e, polo tanto, ben vidas sexan ambas hipóteses: o TEÍSMO e o ATEÍSMO (o agnosticismo é unha postura cómoda e descomprometida: é unha renuncia expresa a investigar, a buscar, previa formulación de hipóteses).

Buscamos fundamentos, porque nos sentimos “desfundamentados”: A evolución levounos a un grao tal de comprensión da nosa entorna que fai inevitable esa busca, e cadaquén vai encontrando e ensaiando, racional e razoablemente – repito –, o que as súas lumieiras lle permiten en distintas respostas. Porque…acaso esta busca de fundamentación non debe ser incluso un obxectivo do noso coñecemento como o son, por exemplo, o estudo dos multiversos inflacionarios, brana ou cíclicos, certamente ben etéreos.

Cando indagamos o fundamento dalgo, dende cada postura, agora a teísta ou a ateísta, vaisenos dibuxando o seu perfil e necesitamos darlle un nome, e neste caso adoita dárselle o de “Deus”, sobre o que deberíamos pelexar por ter unha idea clara:

Nunha postura, para saber o que aceptamos, e noutra, tamén, para saber o que de verdade rexeitamos. E como isto é necesario, hai que botar do concepto de “Deus” unha serie de connotacións e suxestións negativas que quen di defendelo lle foi enzoufando, por razóns máis ideolóxicas, e de interés de poder e económico, que teolóxico. Xustamente por iso, o nome de “Deus” produce descarado rexeitamento en moitas persoas, o que fai que o desboten como realidade do seu fundamento, na que, por principio e irreflexivamente, non cren; pero Deus é a denominación dunha hipotética realidade: Non confundamos, pois, a realidade coa manipulación interesada do seu nome.

Velaquí por que a actitude atea encontra, cando non se formula en termos desa busca incuestionablemente razoable, motivos máis que suficientes para rexeitar a existencia dun “Deus prefabricado” ao través dos tempos; pero cae na torpeza de esixir xustificacións aos teístas, pensando que a eles, os ateístas, abóndalles con negar, aínda que uns e outros teñan que dar razóns das súas respectivas posturas: Uns, do seu teísmo, e os outros, do seu ateísmo. Ambas son consecuencia da mesma realidade humana, e traballan, máis que non o queiran recoñecer, con afán de fundamentación nas súas hipotéticas presentacións, nas que DEBERÍAN ADOPTAR ACTITUDES CONSECUENTES E RESPECTUOSAS COAS DEMAIS, porque así o esixe o progreso no campo do coñecemento, no que as solucións científicas poden dar pistas de acceso, pero as habituais alegrías aquí quedan sempre en augas de borraxe.

Ao fin e ao cabo, o home busca fundamentar a súa propia realidade persoal, e nisto pon todo o seu empeño no decorrer da súa vida. Sen embargo, hai que recoñecer que non o ten nin fácil
nin claro, porque aquilo do que necesita é enigmático, e este
enigmatismo cubre o mesmo a postura teísta que a ateísta.

Precisamente por iso hai que ter moi en conta que a súa fundamentalidade é problemática, sobre todo porque está lanzado a optar entre as diversas posibilidades que se lle presentan, e caben varias opcións co grave perigo de errar. Non debería, pois, de adoptar actitudes inconsecuentes coas consecuencias que se derivan de todo isto: A cordura é aquí máis necesaria que noutras leiras do saber.

Hai motivos culturais, no noso contexto, non obstante, para non esquecer a importancia da postura teísta, como así o recoñecen tres filósofos nada sospechosos ao respecto. J. Sádaba é un deles, e nas súas “Lecciones de filosofía de la religión” di que o sentemento relixioso, aínda que non ten significado cognoscitivo, ten certa validez, porque nos confronta cos “limites do mundo” e esta é a razón –segue apuntando Sádaba – polo que non convén proclamar a morte da relixión en mans do racionalismo: “habería que pedir certa prudencia e non hai que ser confiado na evidencia empírica e histórica contra a relixión”, páx. 106, o.c.

Savater, pola súa parte, mostra respecto polo que el chama “o sagrado” que define coma “esa presenza do inmanexable que subxace ou superponse a toda realidade instrumentalizable”. E na páx. 198 da súa obra, titulada “Humanismo impenitente”, podemos ler que a piedade consiste no sobrecollemento “de saber que todo o que somos e nos pertence aséntase e vese penetrado por aquilo que non somos e ó que pertencemos”.

O filósofo catalán, E. Trías, en referencia a súa metafísica dos límites, aborda nas obras “Los límites del mundo” e “La lógica del límite” o problema de QUE hai máis aló do límite. Na primeira Trías négase a considerar a contestación, pero o último, nun artigo que publica en “El País”, o 19 de junio de 1.990, titulado “Pensar la religión”, di textualmente: “Una tarea del pensamiento futuro puede ser pensar de verdad (sin prejuicios) el hecho religioso”.

E traer aquí uns apoios ao teísmo non ha de entenderse coma unha cuestión de fanatismo relixioso e ideolóxico, porque a postura ateísta tamén está lexitimada nos termos expostos; en todo caso enténdase como unha chamada a cordura dos que só saben reflexionar a berros, refutando con feitos o que parecen defender con razóns, porque obstaculizar ou ridiculizar as habituais manifestacións relixiosas das diversas confesionalidades non parece que sexa un argumento moi forte, máis ben debilítase a eficacia para refutar os razoamentos adversos e detúrpase o verdadeiro propósito de acadar solucións. Aínda que, por outra parte, non debería tratarse tanto de refutar coma de investigar, posto que, aquí o esencial, non é vencer, senón buscar solucións razoables (e racionales, se fora posible) a ese sentimento de “desfundamentación” da realidade persoal humana, que se non aniña na conciencia dalgúns, hai que sospechar que están moi lonxe de ser capaces de reflexionar en todo aquilo que máis interesa ao home, e non parece razoable preterir os intentos de fundamentación da propia realidade persoal precisamente cando tanto nos ocupa a doutras realidades moito máis etéreas.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES