Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Muiños sen muiñeiro

miércoles, 28 de marzo de 2012
Hai uns anos, con motivo dun posgrao que estaba a facer, tiven a oportunidade de achegarme á fermosa cultura dos muíños, a todo no que gardan no seu interior; e descubrín unha parte das miñas verdadeiras raíces, rurais e dependentes dunha economía de subsistencia. Entón descubrín a cultura do pan, é dicir, todo o que garda no seu interior o proceso do pan sen o que o rural galego non se entende.

Había nesta cultura tres elementos fundamentais que tiñan que ver co alimento citado e que non podían faltar en ningunha aldea galega: a aira, onde se mallaba o pan; o muíño, que trituraba o grao; e o forno que elaboraba o produto. Quizais se podería engadir un cuarto elemento que sería o carro, pola simboloxía que lle atribuíu Manuel María naquel fermoso poema do Terra Cha, onde o cantar do carro era a maior das ledicias que podía ter un pobo, xa que nel ía a seguridade de que unha familia labrega ía ter mais ou menos fartura.

Con esta triloxía (á que se engade o carro) nace a cultura do pan que, como se dixo, é o produto básico de calquera casa labrega. Entón xurde a necesidade de sementar, mallar e de ter un muíño para uso familiar. Aquí existe unha gran variedade de opcións que dan lugar a unha tipoloxía máis ou menos ampla de xeitos de propiedade; neste sentido había muíños familiares (para uso propio), muíños maquieiros (moían e cobraban unha parte da moenda equivalente a unha pequena caixiña chamada “maquía”), ou os clásicos parceiros que, rexentados por un grupo de veciños, distribuían as horas de moenda de acordo ao que cada familia investira no arranxo do muíño. Esta última tipoloxía é a máis orixinal e tamén a máis difícil de recuperar, no entanto existen escrituras nas que os socios parceiros se reparten as horas de moenda ao longo da semana de acordo coa inversión citada.

Actualmente estamos ante un esquecemento evidente desta cultura, incluso da existencia destas escrituras e consecuentemente das propiedades pertencentes a unha ou outra familia. Por iso os parceiros son tan difíciles de recuperar, a pesares de ser un réxime ben interesante de estudar.

Foron moitas as navalladas que levaron os muíños galegos ata os nosos días; pero non cabe dúbida que a primeira delas foi na Guerra Civil; cando o exército Nacional os declara “establecementos de utilidade pública”, e pasan a ser considerados como establecementos industriais cando en realidade seguían sendo parte dunha economía de subsistencia. O que supuña un cambio tan radical que moitos maquieiros víronse obrigados a pechar ante as fortes multas impostas polo Servicio Nacional de Trigo creado en 1937.

Pero, cal é o futuro dos muíños hoxe en día? En primeiro lugar hai que ter en conta o seu carácter de produto metacultural, como propón José Luís García (1998), o muíño ten que ter un utilidade que demostre que non está obsoleto. Esta utilidade pasa por ter en conta que o produto saído destes establecementos ten unha calidade moi superior ao que elabora o pan que día a día chega ás nosas tendas, en segundo lugar podemos falar da ecoloxía do muíño, que aproveitaba a forza fluvial sen danar o río e incluso exercía de elemento regulador da propia produción do río, tal e como propón Antonio Gato no seu libro Os muíños de auga na Ulloa, publicado pola Deputación Provincial de Lugo en 1998. E por último débese destacar a súa potencialidade como recurso turístico, neste punto volvo á idea que xa teño citado noutros artigos: o recurso turístico ten que ser orixinal e reflectir a esencia do territorio e da cultura que nel se desenvolve, de nada sirve copiar aos demais xa que a riqueza (tamén a económica!) está na diferenza.

Non podemos deixar perder a inmensa historia dos muíños galegos porque con ela esvaecerase, tamén, a nosa propia esencia. Vimos dunha cultura de subsistencia á que non queremos volver. No entanto dela temos que aprender o respecto pola Natureza, a sinxeleza de vivir co básico e tamén a creatividade de cantar e bailar ao redor da propia vida; porque o muíño tamén era festa e alegría, era sexo, era misterio, era pecado, era fartura, intriga, medo. Polo muíño pasaban todas as emocións, e a quenlla da vida fariñaba o pan do corpo e o pan da alma:

E se queres algo
sáeme ao camiño
que eu de mañán cedo
hei de ir ao muíño.

Nana para un amante

De verdade imos renunciar a toda esta riqueza cultural? A cambio de qué?
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES