A vida son dous días
Rivas Delgado, Antonio - lunes, 26 de marzo de 2012
Chámome Generoso Santurce e confeso que a vida son tan só dous días. Aínda que eu levo sobre a terra case dezanove mil, penso suicidarme hoxe ás seis da tarde. Porque sigo a dicir que a vida son tan só dous días.
Non teño licenza de armas; pero para matarme non preciso nin dunha pistola nin dunha escopeta. Podo colgar dunha corda ou afogarme no río Sequillo. Emporiso, teño intención de quitarme a vida co coitelo de matar os porcos. Coitelo ancho, longo. Mete medo. É igual; a min non me dá medo. A vida son dous días.
Estou a escribir notas de despedida para deixar espalladas pola comarca. Para o cura coa forma de enterrarme. Para o enterrador coa forma de meterme no nicho. Ten que ser cara ao norte. Sempre cara ao norte.
Outra nota máis tamén para o cura para que, en vez de responsos, el e os veciños me canten A saia da Carolina, porque sempre me gustaron os lagartos.
Quedan pouco máis de dez minutos. O coitelo dos porcos penetrará por entre dúas costelas que cobren o corazón. Ao mellor cambio de idea e corto o gañote. Xa veremos.
Ah si; que ninguén me chore
estou canso de vivir.

Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora